Ao fío do publicado polo compa de Abordaxe C.Ribas no seu artigo de onte "Preparando o cambio para que todo siga igual", recollemos hoxe de KaosenlaRed estoutro artigo asindao por Rafael Narbona:
Hai uns meses, pensei que o PSOE, IU e Podemos poderían confluír nun tripartito, pero creo que me equivoquei. É máis probable un pacto entre o PP e o PSOE, que permitiría cumprir co obxectivo dun déficit estrutural anual inferior ao 0'5%. A insólita coalición acturía como pararraios da indignación cidadá. É posible que o PSOE non sobreviva a este pacto, reproducindo ao declive do PASOK, que nas últimas eleccións xerais obtivo un raquítico 12% de votos e 33 escanos no Parlamento grego. Dado que a miña predición do tripartito foi parcialmente refutada polos acontecementos, as miñas hipóteses de futuro non resultarán moi cribles, pero pregúntome se Podemos non se converterá na forza política maioritaria nun afastado 2019 ou mesmo antes. Podemos goza dunha extenuante presenza mediática, o cal invita a reflexionar. Nun traballo conxunto, Chomsky e Herman sinalaron que a función esencial dos medios de comunicación de masas era "inculcar [nos cidadáns] os valores, as crenzas e os códigos de comportamento que os integrarán nas estruturas establecidas da sociedade". Dito en termos marxistas: os medios traballan para que as ideas dominantes sexan as ideas das clases dominantes. "Nun mundo marcado pola concentración da riqueza e importantes conflitos de clase -apuntan Chomsky e Herman-, o cumprimento deste papel require unha propaganda sistemática. Diñeiro e poder teñen a posibilidade de filtrar as noticias que poden ser imprimidas, marxinar os opositores e permitir ao goberno e aos intereses privados dominantes transmitir as súas mensaxes ao público" (Manufacturing Consent, New York, 1988). Dende os anos 80, os xigantes bancarios compraron a maioría das accións dos medios de comunicación. En 1945, oito de cada dez diarios norteamericanos pertencían a propietarios independentes. En 1990, o 80% achábanse en mans de grandes grupos empresariais e esa tendencia só agudizouse dende entón, destruíndo a liberdade de prensa. Escribe o xornalista belga Michel Collon: "O público cre que lle fala un xornalista, cando quen de verdade lle fala é o poder. [...] Os Nosos medios de comunicación non mostran ningún espírito crítico sobre as cuestións fundamentais. [...] Las fontes institucionais [axencias de prensa controladas por hóldings empresariais] están tan unidas no esencial que poderiamos falar dun sistema de fonte única e dun moi eficaz réxime totalitario. É así como Ted Turner, fundador da CNN e vicepresidente do coloso Time Warner, pode afirmar: "Se nós non mencionamos un acontecemento, é coma se non se tivese producido"". Os grandes grupos empresariais, coa maioría das súas accións en mans da banca, controlan todo o circuíto mediático: xornais, editoriais, cadeas televisivas, cadeas de raio, librarías, distribuidoras, axencias publicitarias. Esa trama permítelles influír na opinión pública dun modo determinante, controlando a aparición de novas formacións políticas e condicionando a intención de voto. Dun modo máis claro: fabrican o éxito político, editorial, cinematográfico, televisivo ou musical e propician o fracaso e a marxinación do que atenta contra os seus intereses.
Os faladoiros de La Sexta e Cuatro prestaron os seus estudios televisivos á irresistible ascensión de Podemos, con Pablo Iglesias Turrión no papel estelar, e Juan Carlos Monedero como ideólogo e estratego. Por outro lado, Público despregou a súa alfombra vermella no seu diario dixital e Público TV emite La Tuerka. Non está de máis sinalar quen controla estas plataformas mediáticas. Cuatro pertence a Mediaset España Comunicación, unha das empresas que cotiza no IBEX 35. Despois de fundirse co Grupo Antena 3, La Sexta pasou ás mans de Atresmedia Corporación, que cotizou no IBEX 35 ata finais de 2007 e cuxo maior accionista é o Grupo Planeta, presidido por José Manuel Lara Bosch. Jaume Roures Llop, propietario e fundador de Público, preside o grupo de comunicación Mediapro, que en 2006 se fusionou co Grupo Globomedia (antes Grupo Árbol) e a multinacional de publicidade británica WPP. Xurdiu deste modo Imagina Media Audiovisual, o maior hólding empresarial español da produción audiovisual. Imaxina Media Audiovisual é accionista minoritaria Atresmedia Corporación. Neste labirinto de accións e diversificacións, Jaume Roures desempeña o papel de taumaturgo. Roures defínese como un catalanista de esquerdas. O seu pasado como militante da Liga Comunista Revolucionaria e as súas estanzas no cárcere como opositor ao franquismo, non lle impediron en xaneiro de 2012 despedir a case toda o equipo de Público mediante a aplicación de dous ERE. En maio de 2012, subhastouse o rotativo. Unha asociación de ex traballadores e lectores participaron na poxa, pero non puideron competir con Roures, que recuperou o cabeceiro. Os frustrados ex traballadores e socios fundaron unha cooperativa para crear o diario dixital MásPúblico, que en decembro de 2012 se converteu na revista mensual en papel La Marea, onde Podemos tamén goza de barra libre. A sombra de Roures é alongada ou o encanto de Pablo Iglesias Turrión irresistible? Díxose que o obxectivo oculto de Podemos era restar votos a IU e que Izquierda Anticapitalista exercía de matriz fundacional. De feito, Esther Vivas e Miguel Urbán escriben en Público. Urbán pediu "todo o poder para os círculos" nun coñecido artigo, pero co tempo ese lema converteuse nun búmeran, pois Podemos se constrúe dende arriba, cun grande apoio mediático. Esa circunstancia explica a súa oposición a que os círculos presenten delegados nas asembleas, coa posibilidade de establecer acordos vinculantes. Juan Carlos Monedero dixo que "os círculos non son democráticos", pero en realidade nada pode ser menos democrático do que convoca unha elección por internet cunha marxe de seis días e unha lista pechada encabezada por Pablo Iglesias. Esa manobra representa a liquidación do modelo asembleario, explotado ata agora para rendibilizar o 15-M e captar os votos dos indignados. Podemos fala contra a casta, pero a súa cúpula obra como unha casta e súmase ao PSOE para desmarcarse dos que piden un referendo que permita elixir entre monarquía e república. Non son de "dereitas nin esquerdas". Son "os de abaixo", pero actúan como unha elite que ignora ás bases. Pablo Iglesias adquiriu notoriedade, mostrándose partidario de saír do euro, non pagar a débeda ilexítima, abandonar a OTAN, recoñecer o dereito de autodeterminación, nacionalizar a banca, protexer os dereitos dos traballadores e frear os desafiuzamentos, pero agora é incapaz de manifestarse claramente a favor da república ou de pisar a rúa para apoiar a Marchas da Dignidade do 22-M. Se alguén menciona a Chávez, Iglesias sela os seus labios e espera que pase o mal trago, sen defender a revolución bolivariana, malia que no pasado afirmaba que "o acontecido en Venezuela é unha referencia fundamental para os cidadáns do Sur de Europa". Nesa época, Pablo Iglesias non escatimaba eloxios ao desaparecido Hugo Chávez: "Bótaselle moito de menos. Cantas verdades nos dixo este home! [...] No permitamos que se ridiculice ou caricaturice o que pasa en América Latina, cando América Latina pode ser unha alternativa". Na campaña das eleccións europeas, o recordo do Comandante Chávez quedou nun armario, case como un pasquín revolucionario, que non desexa ser aireado. Din que Podemos inquieta ao club Bilderberg, pois pretende nacionalizar o IBEX-35, pero Mediaset Comunicación España, que cotiza no IBEX-35, non deixa de concederlle minutos en Las Mañanas de la Cuatro. Non se pode acusar a Podemos de incumprir as súas promesas, pois aínda non gobernou, pero a historia recente de España está chea de promesas incumpridas e fainos desconfiar dos políticos. Felipe González prometeu saír da OTAN, pero cando á fin convocou o anhelado referendo o 12 de marzo de 1986, fixo campaña a favor da permanencia nunha alianza militar que invade e bombardea países co pretexto de defender a democracia e a liberdade, se ben ninguén ignora que as súas motivacións non son nada humanitarias. Os que nacemos a principios dos 60 aínda recordamos os tres puntos do manipulado referendo: "1. A participación de España na Alianza Atlántica non incluirá a súa incorporación á estrutura militar integrada. 2. Manterase a prohibición de instalar, almacenar ou introducir armas nucleares en territorio español. 3. Procederase á redución progresiva da presenza militar dos Estados Unidos en España. Considera conveniente para España permanecer na Alianza Atlántica nos termos acordados polo Goberno da Nación?". O non triunfou en Catalunya, Euskal Herria, e a provincia de Las Palmas en Gran Canaria. Que sucedeu despois? En 1997, España incorporouse á estrutura militar da OTAN. Pouco despois, introduciuse unha cláusula pola que Estados Unidos pode instalar, almacenar ou introducir armas nucleares en territorio español, logo de autorización do Goberno de España. Foron medidas do goberno de José María Aznar, que non espertaron as protestas do PSOE. Non é estraño, pois dende 1986 non cesou de crecer a presenza militar de Estados Unidos en España, incumprindo o compromiso adquirido co pobo español no referendo.
Non cuestiono a honestidade de Pablo Iglesias Turrión ou Juan Carlos Monedero, pero creo que perderon o control da súa iniciativa. Son os reféns dunha montaxe habilmente urdida polo poder económico. Podemos é a rebelión controlada e acoutada polo sistema. Unha hábil manobra para baleirar as rúas de alborotadores e sufocar os brotes de insurxencia. Podemos non nacionalizará a banca, non poñerá fin á monarquía, non rematará cos desafiuzamentos, non restablecerá a soberanía popular fronte ao poder dos mercados, non abandonará a OTAN. Non o fará porque sinxelamente non poderá. O poder económico e militar xamais o consentiría. Sería tentador retratar a Pablo Iglesias e Monedero como dous canallas sen escrúpulos que pactan coa oligarquía para asegurar unha xubilación dourada, grazas á famosa porta xiratoria. Non obstante, non creo que esa imaxe se corresponda coa realidade. Nin sequera creo que se poida aplicar a Felipe González. A realidade ás veces parécese ao vodevil, pero neste caso o fenómeno é máis complexo. Penso que Felipe González realmente cría na necesidade dun cambio impulsado por un socialismo democrático e que Podemos realmente desexa acabar coa ditadura da Troika e os mercados de capitais, pero o sistema é un parasito que actúa como o terrorífico alienígena de Ridley Scott. Apodérase de todos os que xogan coas súas regras. Non o fai dunha forma invasora, senón pouco a pouco, de forma silenciosa e inadvertida. Nunca me movín no terreo da política. Así que poñerei o exemplo do ensino. Despois de quince anos nas aulas de diferentes institutos da Comunidade de Madrid, fun testemuña dos cambios que se operaban nos meus compañeiros. Algúns comezaban a súa carreira docente cheos de idealismo, intentando cambiar o sistema dende dentro, pero despois de dous ou tres cursos, o sistema cambiárallelos. Ao cabo dun tempo, a súa identificación co sistema era tan acentuada que se convertían en fieis executores dunha pedagoxía baseada na selección, a confrontación e a exclusión. Poucos eran conscientes dese proceso e os que si o eran explicaban a súa evolución como simple madureza. Creo que sucede algo semellante na política. Malia todo, non quero finalizar o artigo cun ton sombrío e desesperanzador. Hai alternativas, pero encóntranse fóra do sistema e só poden articularse dende espazos libres e autoxestionados, comprometidos co activismo de rúa, o decrecemento e a solidariedade de clase. Non é posible derrotar o Estado, pero si crear unha sociedade que restableza os lazos comunitarios, transformando o marxinal e excéntrico nunha forma de acción colectiva. Entendo que cuestionar unha ilusión produce tanta ira como revelar a verdadeira identidade dos Reis Magos, pero non se escribe para que te queiran máis, senón para asumir un risco e descubrir a verdade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario