Abordaxe(C.R.) Como o oen (ou máis ben como o len) queridos lectores: Papi-xefazo-policial enchufa á súa filla pija nun operativo antiterrorista do máis alto nivel para que escriba un artigo para o xornal da facultade. E é que como se lle vai negar un caprichiño a esta ricura, se coa mesma lle serve ata para subir nota. Aínda que tendo en conta que é estudante de periodismo na facultade privada "Francisco de Vitoria", propiedade dos lexionarios de cristo, tampouco facía falta moita cousa para inflarlle a nota á nosa afortunada querubina.
Só en españa, amiguetes, porque estas cousas non pasan nin en Guinea Ecuatorial (bueno, pode que alí tamén, como foron colonia española pois xa se sabe, todo se pega). Non mira Gallardón polo seu fillo cando se salta un control “to pedo”? Non atropela dona Espe unha moto da policía e aquí paz e despois gloria? Pois porqué non vai mirar un modesto máximo responsable antiterrorista da policía polo futuro académico da súa filla? Se aquí iso de botar unha man a un amigo, xa sexa por parentesco ou con sobre de por medio, forma parte desas sempiternas tradicións castizas que conforman ese "Spain is diferent" do que tan orgullosos nos sentimos.
Importoulle acaso a Lahcen Ikasrrien, presunto xefe da célula jihadista desarticulada polos GEO? Pois claro que non. El probablemente estaría demasiado preocupado polas máis que seguras torturas que lle agardaban durante o seu período de incomunicación como para que lle importase semellante “quítame-allá-esas-pajas”. Importoulles aos GEO? Pois evidentemente tampouco, orgullosos como estarán de que por fin alguén lles vexa facendo ese traballo que tan ben desempeñan, repartir mamporros, que habitualmente se ven obrigados a realizar na sombra e ás agachadas de todos. Impórtoulle á rapaza? Pois claro que non, ademais da noite emocionante que se pegou seguindo aos GEO nos seus alegres quefaceres, probablemente lle valeu a aventura un peazo de 10 na materia en cuestión. Pois tendo en conta que NUNCA se permite a xornalista ningún subir aos coches destes especialistas do disparo a “bocajarro”, nin se lles permite deambular ás súas anchas pola comisaría da Brigada de Información, pois como non recompensar a esta privilexiada cun merecido sobresaínte -graciñas papi! ;) -.
Menos mal que Enrique Barón, o abnegado pai e responsable antiterrorista, non tiña outro fillo na academia de policía, porque quizáis o atopariamos poñéndoles os electrodos e a bolsa na cabeza aos detidos durante os interrogatorios.
Transcendida a noticia na prensa comercial, Barón negou o trato de favor para coa súa filla, aducindo que estivo na beirarrúa en fronte da casa xunto con outros medios da prensa que tamén foron avisados (ningún deles da prensa universitaria, que todo hai que dicilo). Non obstante o artigo da nena, as fotos que o ilustran, así como o manifestado por membros dos corpos represivos adscritos ao operativo suxiren todo o contrario: a rapaza acompañou os GEO dende a comisaría ata o lugar do asalto e mesmo subiu ao piso mentres aínda se practicaba a detenciión do sospeitoso.
Evidentemente polo de agora non se sabe nada de medida disciplinaria de ningún tipo contra ninguén. Home, se permiten á policía golpear, matar e torturar ao persoal sen atranco ningún; e se as escasas veces nas que algún deles é condenado se lle indulta e santas pascuas; que sentido tería afearlle a conduta a un amante pai por semellante xesto de tenrura paterna? E postos a culpar a alguén, dade por seguro que finalmente será ao conserxe.
Aínda que non gusto de dar publicidade á prensa empresarial (e moito menos a unha gacetilla dunha universidade privada ultracatólica) non me resisto a compartir convosco esta perla xornalística froito da pluma privilexiada dunha auténtica filla de... policía. Para ilustrar aínda máis, se cabe, a unión filial entre a prensa e as forzas represivas, aquí déixovos o enlace a esta marabilla “reporteril”: -AQUÍ.
C.Ribas
No hay comentarios:
Publicar un comentario