7 may 2014

Familiares dos prisioneiros Mapuche en folga de fame ocupan un módulo da prisión de Angol

Segundo recollemos de Tokata, decenas de comuneros mapuche e os seus familiares presos ocuparon este sábado o módulo do cárcere de Angol onde tres dos prisioneiros mapuche levan 28 días en folga. Despois da visita habitual dos sábados, un grupo de ao menos 35 persoas negáronse a abandonar o módulo especial onde están recluídos os mapuche en folga de fame. O voceiro dos familiares, Hugo Melinao, manifestou que o obxectivo da iniciativa é premer o goberno que "non deu resposta satisfactoria ás demandas dos folguistas" e informou de que entre os manifestantes hai embarazadas, cinco menores de idade e varios adultos maiores. "Eles están coa claridade de que pode suceder calquera cousa". Nese módulo están presos dez comuneros mapuche, dos cales Luis Marileo, Leonardo Quijón e Cristian Levinao Melinao se manteñen en folga de fame dende hai 28 días esixindo, entrte outras reivindicacións, a revisión dos procesos xudiciais, xa que se lles aplicou a Lei Antiterrorista de xeito arbitrario e o indulto humanitario para o seu compañeiro José Mariano Llanca Tori, que sofre unha enfermidade terminal.

Onte martes 6 ía ter lugar unha Concentración en apoio dos comuneros en folga de fame, hoxe xa levan un mes, a falla de saber que se pasou onte, facemos público o seu Comunicado emitido tras a toma de posesión do módulo do cárcere de Angol que recollimos do blogue da Rede de Apoio aos Presos Políticos Mapuche:

COMUNICADO PÚBLICO DA VOCERÍA DOS PRESOS POLÍTICOS MAPUCHE EN FOLGA DE FAME

Kiñe (1º): Damos a coñecer que o sábado día 3 do presente mes familiares das comunidades en resistencia de Malleco e amigos se tomaron o modulo dos presos políticos Mapuche do cárcere de Angol, como unha forma de protesta extrema fronte á nula resposta do goberno ás xustas e mínimas reivindicacións dos nosos irmáns.

Epu (2º): A toma depúxose porque o ministro de xustiza se comprometeu, en comunicación directa cos voceiros dos folguistas, a resolver a situación formulada citando para iso a unha reunión o día martes 6 de maio na sede ministerial de Santiago.

Küla(3º): Os antecedentes que motivaron a folga dos nosos irmáns xa están suficientemente claros e foron expostos, entre outros, ao intendente Huenchumilla e á secretaría rexional ministerial (seremi) de xustiza, os que acudiron ao cárcere de Angol o luns 21 de abril e solicitaron os antecedentes necesarios. Pasou suficiente tempo para que as autoridades centrais aleguen descoñecemento da situación.

Meli (4º): Na reunión do dia 21 se formulara por parte do intendente a posibilidade de resolver dous dos puntos do petitorio: 1) O indulto ao peñi Mariano Llanca, para o cal se lle fixo entrega a petición de indulto á seremi de xustiza alí presente. 2) O traslado dos peñis ao CET de Angol, asunto exclusivo a resolver pola autoridade administrativa.

Kechu (5º): O estado de saúde dos nosos irmáns agrávase día a día, temendo un desenlace que podería ser grave. A baixa de peso é maior aos 12 quilos en media, polo que non queda tempo para dilacións e enganos, sobre todo que o petitorio é acoutado a medidas de rápida solución pola autoridade.

Kayu (6º): Por todo o anterior é que os voceiros dos presos políticos Mapuche en folga de fame viaxaremos a Santiago co único obxectivo de recibir unha resposta favorable ao solicitado. De sobra son coñecidos os antecedentes e peticións polo que non existen escusas para continuar poñendo en risco a vida dos nosos irmáns, os cales se encontran en inxusta prisión só por levar adiante o lexitimo dereito de recuperación territorial do noso pobo nación mapuche. Finalmente facemos un chamado ás autoridades a tomarnos en serio como Mapuche dignos: QUEREMOS UNHA RESPOSTA O DÍA MARTES. NON MAIS DILACIÓNS NIN ENGANOS.

Ás comunidades en resistencias, ás organizacións e irmáns conscientes que nos apoian nesta xusta loita, chamámolos a estar atentos ao resultado desta reunión, pois de non haber resposta favorable toda a responsabilidade do que aconteza despois só recaerá no goberno.

NON MÁIS TESTEMUÑAS SECRETAS EN XUÍZOS CONTRA MAPUCHE

LIBERDADE AOS PRESOS POLITICOS MAPUCHE

ABONDA A MILITARIZACION DO NOSO TERRITORIO

Voceria Folga de Fame PPM

Wallmapu, 4 de Maio de 2014


Cando saibamos do que se pasou onte, 6 de maio, na concentración en apoio dos comuneros en folga de fame, daremos conta delo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario