23 abr 2014

[Cedeira] Manifesto pola praia da Madalena

A veciñanza desta vila mariñeira na ría do mesmo nome ven de denunciar a SEPRONA a actuación de Demarcación de Costas en Galiza, que deu comezo este luns pasado “os traballos na praia” da Madalena, sen someter os devanditos traballos ao preceptivo estudo de impacto ambiental. Mais a actuación da viziñanza non fica só en denuncias e están a levar a cabo unha serie de mobilizacións cidadás agrupadas na plataforma cívica SomosCedeira.

A veciñanza trata de evitar que, unha vez máis (xa van 3 deitados de area dende o ano 2001, e lonxe de resolverse o problema o mar segue a levar a area cada inverno), se actue sobre o sistema dunar da praia con a colocación de rollizos de madeira de 2,5 metros ubicados no interior das própias dunas para que funcionen como vigas elásticas, ademais de se rebaixar a cota do talude e enchirase con novos aportes de area procedentes da propia ría, o que terá impacto sobre ela, e todo con un coste inutil de perto de 250.000 euros. Tambén no seu blogue denuncian o feito de que o alcalde desta vila mariñeira declarara a un pseudo-xornal que "non entende que pasa con a praia" e danlle as respostas oportunas a estas declaracións que dende SomosCedeira califican de explicación "enfocada para ser de comprensión doada incluso para un “dummy” calquera".

Neste video podedes ver a concentración na praia no xoves pasado, día 17


Manifesto pola praia da Madalena

ESTAMOS MOLLADOS E ENLAMADOS COMA PITOS. Estamos aquí, presentando a proposta cidadán para a Praia da Madalena, porque as respostas políticas do século pasado non sirven para o tempo presente e porque aos ideais ecolóxicos hai que sumarlle novos valores alicerzados no siso e na eficiencia no uso dos recursos; na responsabilidade coas persoas e a sociedade, cos animais e coas vindeiras xeracións; no equilibrio coa natureza ; na independencia das institucións públicas respeito dos poderes económicos; na xestión descentralizada, transparente, honesta e eficiente dos recursos públicos ao servizo da cidadanía; na democracia participativa e deliberativa ….para abrir vieiros cara un outro xeito convivir en benestar compartido coas persoas e co medio ambiente.

OLLAMOS A PRAIA DA MADALENA E NON NOS GUSTA. A crise da praia da Madalena non é unha crise aillada. Fai parte da crise xeral: a económica, porque non se ofrecen solucións para convertirnos nun pobo en un país con ocupación sustentabel (o que convida a seguir tirando do medio ambiente como se este fose inesgotabel, só pensando a curto prazo); social, porque os recortes orzamentarios e as privatizacións ameazan o benestar de amplas camadas de poboación; ecolóxica, porque cada día é máis evidente, o sistema é insustentábel ( tal e como vén de amosar o último informe da ONU); mas tamén é unha crise moral, porque pouca é a credibilidade das institucións que nos gobernan. En suma, sobran motivos para a indignación. Porén, a indignación inmobiliza se non vai acompañada de reflexión, organización e mobilización.

APAÑAMOS ALGUNHA BOA MOLLEIRA E NON NOS QUIXEMOS CAMBIAR. Pola contra, tivemos ainda máis ganas de seguir a mollarnos. Porque neste mar de Cedeira mergullaban as nosas avoas até chegarlles a auga ao pescozo para poder descargar a tarrafa na praia, a decote, paxe a paxe, brazo a brazo, enchendo de vida, dignidade e riqueza as vellas fábricas desaparecidas. Si, as historias hai que contalas tal como foron e non como conveñan.

ESTAMOS MOLLADOS E QUEREMOS SEGUIR MOLLADOS PARA LLE DEVOLVER A ESTA PRAIA O SEU COLO E O SEU ABRAZO XENEROSO, A SÚA MEMORIA. Na praia da Madalena, ao igual que en moitas outras praias de Galiza e do Mundo, son patentes os efectos que a presión urbanística teñen sobre os ecosistemas mariños. O momento actual de mudanza climática, no que o incremento do nivel do mar se está a acelerar cada vez máis, e no que xa non queda dúbida de que a mudanza climática é provocada pola acción humana tras miles de anos de emisións de CO2, obríganos a cambiar a nosa política urbanística.

SALVEMOS A PRAIA DA MADALENA: Se queremos que as nosas vilas e cidades costeiras sigan existindo é preciso que aceptemos esta nova situación e mudemos o xeito de relacionarnos co mar cara unha xeito máis sustentable. O problema que se mostra nesta praia está causado por unha alteración provocada en toda a Ría, e non só neste areal. Tratar de solucionar o problema da praia sen darlle una solución integral a toda a Ría, aboca ao fracaso calquera actuación.

Esiximos que non se realicen máis recheos na praia, xa que son unhas actuacións manifestamente INÚTEIS, CUSTOSAS, PERXUDICIAIS, E ILEGAIS.

INÚTEIS: Xa que van 3 deitados de area dende o ano 2001, e lonxe de resolverse o problema o mar segue a levar a area cada inverno. Por riba, tras estas erradas actuacións creouse un noiro que antes non existía.

PREXUDICIAIS: Tanto para os recursos mariños comerciais como para o ecosistema da ría. O deitado de area provoca unha alta mortalidade, en todo caso, un impacto negativo incuestionábel.

CUSTOSAS: Porque estamos a falar de centos de miles de euros que se botaron periodicamente ao mar con único fin de que a praia semelle rexenerada pero sen actuar sobre as causas, só sobre os síntomas.

ILEGAIS: Porque a Ría de Cedeira é un espazo natural protexido, segundo o Decreto 28/2009 e encaixan perfectamente coas recomendacións da categoría VI da clasificación da Unión Internacional para a Conservación de la Natureza (UICN) así como co artigo 7 do Código de conduta para unha pesca responsable da FAO. E polo tanto calquera actuación que se leve a cabo na reserva mariña de interese pesqueiro de Cedeira deberá ser sometida ao procedemento ambiental correspondente.

Así mesmo, alentamos ás autoridades competentes (Demarcación de Costas, Concello de Cedeira, Portos de Galicia, etc) a mudar a súa política urbanística. Deben parar de construír estruturas mariñas porque son parte do problema que se evidencia nesta praia, e comezar a desmantelar as que sexan inútiles. Así mesmo, a elaboración destes proxectos debe facerse con transparencia e coa participación da cidadanía.

Esiximos, así mesmo a realización dun estudo do medio natural detallado cando menos conforme á Lei 21/2013 de avaliación ambiental, e que considere o maior número de aspectos posibles: Clima, Xeomorfología, Chans, Auga, Vexetación, Fauna, Recursos Culturais, Paisaxe, etc. Este estudo debería estar realizado por unha entidade independente que manifeste solvencia e seriedade na realización deste tipo de estudos. ESTAMOS MOLLADOS E QUEREMOS SEGUIR MOLLADOS !

MOLLÉMONOS POLA PRAIA !

SALVEMOS A PRAIA DA MADALENA !


Pd.- Agradecemos moito a morea de apoios polas redes sociais, pero máis agradeceríamos que para a vindeira ocasión estivésedes presentes con nós. Cómpre pasar do aplauso virtual ao activismo persoal, para por fin ter o que queremos e polo que loitamos. E cando será a vindeira ocasión? Pois a partir deste luns 21 en calquer intre, pois Costas ten previsto iniciar actuacións na praia XA, como anunciaron na prensa e coa connivencia do Concello, a sabendas de estar saltando varios procedementos legais imprescindíbeis. Que se ateñan ás consecuencias. Nós estaremos aleutos e atentos en canto metan un pé na praia… e vós? E cousa de todos!

Muita máis informacióm na súa web SomosCedeira

No hay comentarios:

Publicar un comentario