Da Oficina Dereitos Sociais - Coia acheganos, con rogo de publicación, a crónica e fotos do peche desenvolvido este sábado pasado, ao que acedemos:
Convocadas pola Oficina de Dereitos Sociais-Coia, a Parroquia Cristo da Victoria, a Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH), o Grupo de Axitación Social (GAS) e o Colectivo Imán, pechámonos, dende as loitas cotiás e comúns destes colectivos, porque nos pechan todas as portas; pechámonos, aínda que pareza paradoxo, para que os responsables políticos e a sociedade toda nos vexan e nos escoiten; pechámonos, en fin, para reivindicar o noso dereito a vivir dignamente ao tempo que compartimos un espazo privilexiado de encontro coa finalidade de buscar e construír entre todas alternativas xustas e posibles fronte a exclusión e a precariedade que pretenden impoñernos.
Pola mañá compartimos información e experiencias nun obradoiro sobre as axudas sociais autonómicas e municipais, e despois o Colectivo Imán falounos do Programa Sereos do Casco Vello e do conflito xurdido polo peche do local onde era desenvolvido o traballo diario. Tralo xantar común, reflexionamos a partir da proxección do documental “La plataforma”, que da conta das orixes e do traballo realizado pola PAH (Plataforma de Afectados por la Hipoteca). A media tarde o grupo de rap formado por rapaces do barrio de Coia “Ostiapadre” interpretou para nós as súas letras críticas co sistema; e finalmente puxemos fin á reflexión cunha charla-coloquio onde se pretendían achegar algunhas alternativas reais á situación actual de empobrecemento e precariedade, coa presentación, por parte da PAH e da ODS-Coia, de dúas Iniciativas Lexislativas Populares (ILP) que están a impulsar respectivamente: a ILP de Vivenda e a ILP da Renda Básica. A xornada rematou cunha cea compartida e a intuición de que, na loita cidadá polo dereitos sociais, compartir espazos, experiencias e iniciativas, nos enche de novas forzas a todas as persoas e colectivos implicados.
No hay comentarios:
Publicar un comentario