Información colada de Naiz que se fai eco da denuncia da Asociación Etxerat de apoio a presxs:
Na actualidade Bellón encontrábase en Puerto I (Cádiz). Anteriormente estivo en Sevilla, onde o pasado marzo foi obxecto dunha malleira por parte de funcionarios. Tamén denunciou agresións en Puerto III en 2010 e en Algeciras en 2008. En decembro de 2007, os seus familiares sufriron un accidente de tráfico cando acudían a unha visita ao cárcere de Herrera.
Etxerat subliñou a gravidade deste suceso e recordou que o preso de Elorrio «se encontraba dispersado a máis de 1000 quilómetros de Euskal Herria». O colectivo de familiares denunciou que «a dispersión, ademais de supoñer un castigo engadido tanto para presos coma para familiares, posibilita agresións e sucesos tan tráxicos como estes. Dende Etxerat queremos recordar que esta é a terceira morte que se rexistra en menos dun ano tras os falecementos de Anjel Figueroa e Xabier López Peña».
Institucións Penitenciarias (IIPP) explicou, a través dunha nota, que os funcionarios acharon a Bellón inmovil na súa cama «tras o descanso posterior á comida. Avisados inmediatamente os servizos médicos do centro, constataron que o interno se encontraba sen vida e sen ningún signo externo de violencia. O interno permanecía só na cela, ao encontrarse clasificado en 1º grao de tratamento».
O comunicado engade que «non constaban antecedentes de patoloxías médicas que puidesen facer predicible este desenlace» e que «o seu falecemento apunta causas naturais», se ben «se ordenou a apertura dunha información reservada».
Despois de efectuar diversas xestións ante os responsables carcerarios, Etxerat ten asegurado que coñecera que o médico forense se desprazara ata Puerto I para realizar onte un primeiro informe de avaliación que ía remitir ao xulgado para valorar a necesidade de efectuar a autopsia. Dende a asociación aclarouse que non sabían cando se ía tomar a decisión, xa que as dependencias xudiciais se pechaban ás 20.00 e cren que non ía haber tempo material para adoptala.
A última hora da tarde de onte, o cadáver permanecía no interior da prisión mentres os avogados da familia solicitaban comparecer na autopsia cun médico de confianza. Letrados e achegados preparábanse para emprender a viaxe de máis de 1.000 quilómetros para estar presentes nas dilixencias xudiciais e efectuar os trámites necesarios para a repatriación do corpo de Arkaitz Bellon Blanco á súa localidade natal.
Medio millar de persoas manifestouse onte na tarde-noite en Elorrio para denunciar esta morte, e para hoxe convocouse unha nova protesta a partir das 19.30.
No hay comentarios:
Publicar un comentario