12 feb 2014

[Compostela] Ao respeito do Comunicado do Concello sobre a okupación da Sala Yago

Deronse prisa (apenas un par de horas) no concello compostelán en tirar un Comunicado ao respeito, que colo (en negriña) e ao que resposto ponto por ponto:

O alcalde de Santiago, Ángel Currás, lamenta a ocupación, de novo, dun espazo privado no Casco Histórico, pero lembra que neste momento non ten uso cultural a pesar dos numerosos intentos por conseguir recuperar ese espazo que foron infructuosos.

O concello ata hoxe nunca comunicara NADA á poboación ao respeito deses acordos infructuosos (dexación de funcións?, ocultamento de información?)

Por este motivo se chegou a un acordo de cesión con Novagaliciabanco do edificio do Preguntoiro.

O tal acordo foi asinado hai apenas 3 meses, en 18 de novembro do ano pasado, tal como informaba “El Correo Gallego”, 2 anos despois do anterior desaloxo!! E dende entón toda a programación foi de pago (aínda que supoñemos que con invitacións debalde para alcalde e resto da coorporación, familares, amizades,..., tal como soe ser habitual e con indeferencia da cor política)

Informa que dende o inicio da ocupación, que se producíu a media mañá de hoxe mércores, día 12 de febreiro, se lle comunicou ao propietario o incidente para que adoptara as medidas oportunas ao respecto, segundo indica o protocolo de actuación nestes casos.

Canto menos desta volta non foi o alcalde dos primeiros en aparecer e ameazar con soltar o seu bafo nas calugas das okupas. Vese que o actual aprendeu algo do que non se debe facer cando tes a xustiza tras de ti.

O goberno subliña que é un tema que se circunscribe ao ámbito privado, e confía na súa pronta resolución.

Lavanse as mans (?). A súa pronta resolución?? A favor de quen, da especulación permitida e consentida que deixará a Sala Yago en ruínas senón hai unha pronta intervención e rehabilitación; ou ao favor da cidadanía, da cultura de base e dos espazos liberados??

Asemade, fai unha chamada ao civismo sobre todo tratándose dun espazo do Casco Histórico dunha cidade patrimonio da Humanidade.

Civismo? Colo a seguinte definición de Civismo do doctor Restituto Sierra Bravo, Profesor titular de Métodos e Técnicas de Investigación Social de Faculdade de Ciencias Políticas e Socioloxía da UCM: “os deberes cívicos dos cidadáns medran de maneira especial se se lles chama a ocupar cargos públicos, pois entón non só se lles exixen os deberes indicados, senón que deben reunir tambén as cualidades necesarias: ter unha preparación e unha competencia axeitadas ao seu cargo; ser honestos, tanto económica como intelectualmente na súa función, o que exclue a fraude e o engano ao pobo; posuir, sobre todo, un acusado sentido de responsabilidade, non traspasar os límites da súa autoridade e dar conta da súa xestión aos representados. (...) O civismo é unha adhesión incondicional, non ao Estado, senón ao ben común, de aquí que un dos deberes cívicos sexa opoñerse ás medidas políticas que se estimen perxudiciais ao mesmo”.

Xusto cando saen á luz o que todas sabiamos da "Pokemon" tal como publica un medio como "La Voz de Galicia" con este titular de hai uns minutos: "O alcalde de Santiago, os seus dous predecesores e outros oito ediles receberon agasallos de Vendex", nos que hai políticos de todas as cores: O alcalde, Ángel Currás; o seu antecesor, Gerardo Conde Roa, ambos do PP; e o predecesor deste último, Xosé A. Sánchez Bugallo do PSOE. E entre os/as ediles "agasalladxs" a completan unha do BNG, Socorro García Conde, hoxe fora da política por decisión propia; outro do PP, Adrián Varela; e seis do PSOE: Mercedes Rosón, Marta Álvarez-Santullano, Bernardino Rama, Guadalupe Rodríguez, Rosa Fernández Somoza e Andrés Fariña, as tres últimas tambén fora da actual corporación..

Falamos entón de Civismo??

eDu

1 comentario: