Hai unha semana tivemos na Biblioteca Anarquista "A Ghavilla" de Compostela o prazer de compartillar con Xosé Bocixa, "Boci", natural de As Encrobas, o pase do seu documentario "As Encrobas. A Ceo Aberto" e na charla porterior deunos conta de numerosas anedotas e chanzas de crios e mozos e das suas lembranzas da loita das Encrobas, das que, da súa xornada de luita máis intensa, nos montes de Pao Rañón, se cumprirían 37 anos este sábado pasado 15 de febreiro. Co gallo desta data histórica o concello de Cerceda (ao que pertenece a parróquia de As Encrobas) co seu alcalde á cabeza (do PSOE) decidiu re-inaugurar un busto de Moncho valcarce, o "Cura das Encrobas" que participara activamente nas revoltas. Ao respeito deste feito Boci publicou este texto nunha rede social e acompañouno deste deseño obra de Séchu Sende, que colamos à ìntegra:
A paleadora e o camión de plástico que me mandou meu pai de Suiza cando eu tiña tres anos foi un agasallo emocionante... imaxinabamos máquinas xigantes excavando a zona da Terra do Lume en Francelos, alí onde habia que pasar lixeiros, case no ar para non afundir os pes nas brasas. Atopei aquela banda unha tarde de cainzo e grade en Croeda. Foi lendario... transportábame a planetas nunca imaxinados.
Cando eu tiña 6 anos... a aldea terremota enchiase de homes con barbas negras e brancas, mentras eu xogaba coa paleadora amarela de plástico. Eran curiosas, raras, aquelas bandeiras azuis e brancas cunha estrela vermella no centro que sostiñan con forza e bambeantes ao ceo cincento. Imaxinábame con tribos descoñecidas.
Aquel día quedamos S.O.S na aldea, xogamos toda a mañá coa excavadora de plástico... eu tiña 9 anos.
Os gardas civis chegaran a moreas, decia a xente da aldea, pero disque non podian aturar que lles roubaran polas boas os montes de Pao Rañón, Aquela xornada mulleres e homes con "lighonas" e sachos empuxaban contra tristes figuras grises con armas de lume que metían xente nos furgóns do aparato represor con destino ao cuartel de Lonzas. Cuarenta e oito horas de loita e o monte quedou liberado. Foi o principio dunha gran victoria. As labregas fixeronse respetar, bateronlle ao medo, loitaron contra o silencio, pola dignidade, defenderon a Terra.
... As xentes das Encrobas conseguiron condicións dignas... pero as máquinas xigantes chegaron ao val... ano a ano... mentras eu medraba o buraco medraba e eu odiaba aquelas grandes paleadoras e camións de ferro, aborrecia aqueles señores que querian pisar os montes para expropialos.
O luminoso val cheo de cores empezou a transformarse en gris, negro da cor do carbón e eu medraba co burato negro... e moita xente medrou co corazón tinxido de escuro, o negro borrou o vermello. Os paxariós calaron, as londras exiliaronse, a bubela enfermou de tristura...
As Encrobas, trinta e sete anos despois... daquela paraugas e cardeñas fronte a mosquetóns e tricornios. Hoxe o goberno socialista de Cerceda, aquel que aprobou 30 anos a expoliación e abuso, re-inaugura bustos de Moncho Valcarce... aquel personaxe que me marcou de por vida... a pesar de ser crego. Pura posta en escena, burla negra do poder político que abraza o poder económico.... A Terra é Nosa e non de Gas Natural! Galiza non é unha mina... NON á MEGAMINERÍA
eDu.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario