2 dic 2013

Amnistía Internacional critica a "situación inxusta" dos presos galegos en prisión preventiva

Colamos esta información da web de Esculca (Observatorio para a Defensa dos Direitos e Liberdades):

Amnistía Internacional acaba de proncunciarse sobre a situación dos presos preventivos galegos: "Só podemos dicir que a nosa organización expresou ao Ministerio da Xustiza en diversas ocasións a súa preocupación sobre a demora da administración de xustiza que provocan a situación inxusta de que o período de prisión preventiva pola espera do xuízo se prolongue por un período de tempo excesivo". Neste sentido, suliña que se trata "dunha cuestión constante" nas súas peticións para "un mellor funcionamento da administración de xustiza".

AI tamén reiterou a súa preocupación polo excesivo prazo máximo para a prisión preventiva no estado español e pediu unha revisión da lexislación neste sentido. Por outra parte, AI tamén suliña que ten reclamado que as indemnizacións coas cales o Estado trata de reparar os danos "pola excesiva ou inxustificada duración da prisión provisional son excepcionais, raramente se producen, e sempre son moi escasas en contía en comparación co dano producido".

Ademais, a Amnistia Internacional ten reclamado o cumprimento dos dereitos das persoas en prisión preventiva, como son o de recibir información completa sobre os motivos para estaren presas e sobre os seus dereitos mentres estean detidas; poder defenderse persoalmente o con asistencia xurídica; poder comunicarse co mundo exterior; comparecer sen demora ante a autoridade xudicial ou ser posto en liberdade.

Tamén pide "poder impugnar a súa detención; ter un xuízo xusto, público e sen demoras impropias; ou da súa presunción de inocencia; a exclusión de probas obtidas a través de coacción; a súa presenza obrigada durante todas as fases do proceso; obter a comparecencia de testemuñas para interrogalas ou dispor dun intérprete do seu idioma cando o precise, etc., e sempre, é claro, sen recibir ningunha clase de maos tratos ou tortura".

1 comentario:

  1. Amnistia Internacional deberia de ceibar a os presos galeg@s ,ou polo menos debería de pactar con I.P. prá que os compañeiros Galegos cumprisem condea nas Cadeas de Galiza,pra evitar que fosem dispersados . Queremos a nons@s pres@s na nossa terra ,preto de nós

    ResponderEliminar