En que tipo de sociedade vivimos que, cunha simple chamada telefónica dunha multinacional, a realidade desaparece de todos os diarios e é substituída por un embelecedor moi ao estilo da novela 1984?
Recollemos esta "escandalosa" noticia de PostDigital:
Que os medios de prensa tradicionais dependen do diñeiro dos seus patrocinadores e empresas anunciadas nas súas páxinas é un feito. Que se modifique o contido dunha noticia en cuestión de minutos para eliminar un dato que podería prexudicar a un patrocinador en concreto, tamén, e sobradas mostras temos diso. Pero que todos os xornais se poñan de acordo en que o enfoque total da noticia perverta a realidade para favorecer a imaxe xeral da sociedade de consumo e evitar, así, que os lectores-consumidores se formulen que o sistema no que están inmersos é xa algo que raia a conspiranoia, e nos deixa envolvidos no máis tórrido dos ambientes distópicos. Non obstante, iso é o que aconteceu.
Ata aí chegan os titulares dos moitos medios que se fixeron eco da escabrosa noticia sucedida na tarde do luns 9. Unha noticia triste e alarmante, si, pero, obviando que se descoñecen os motivos polos que lle foi retirada a custodia (e que poden resultar ser aínda máis escandalosos, ou non), o verdadeiro titular e o fondo do noticioso debeu xurdir doutro asunto, ao meu parecer, moito máis alarmante:
O importante do suceso atópase nos instantes inmediatos que seguiron as chamas. Tras despregar o protagonista do suceso unha pancarta coas súas reivindicacións, encherse con cinco litros de gasolina e prenderse lume, varias das persoas que presenciaron o horror da escena acudiron sen pensalo a socorrer a vítima, como parece lóxico supoñer que aconteza. Non obstante, non todas o fixeron.
E aquí vén o punto matriz deste escrito: unha dependenta dun comercio próximo, á que se lle solicitou unha manta para poder extinguir as chamas que devoraban nese xusto momento o corpo do home, negouse a entregar a peza porque, segundo as súas propias palabras, "eu non podo facer iso".
Ela non podía facer "iso".
Segundo aparecía no artigo de La Opinión de Murcia, unha das primeiras persoas que acudiu a atender ao ferido envolvido en lume foi un rapaz que nese momento se encontraba traballando na rúa realizando enquisas para algunha ONG. O rapaz correu cara a unha das tendas máis próximas ao suceso -dende a que podía observarse todo o acontecido- e solicitou unha manta para poder apagar o lume do corpo do inmolado.
Entrevistada por un xornalista de La Opinión posteriormente, a empregada da tenda expresou o seguinte: "Veu correndo e díxome que se lle podía deixar unha manta, e iso que o rapaz é cliente de aquí. Pero eu non podo facer iso e díxenlle que non se a deixaba". La Opinión engadía: "recoñecía Mari Luz, a empregada da tenda, en declaracións a este xornal".
Pois ben, a tenda en cuestión é Zara (Zara Home). É de supoñer que semellante comportamento estúpido por parte dunha das súas empregadas fixo formularse á empresa que a súa imaxe de marca podería resultar prexudicada. Pouco despois desaparecía todo rastro do incidente da manta de Zara do diario La Opinión, e era substituído por anécdotas de benevolencia do resto de comercios: que se Mango prestou un extintor, que se El Corte Inglés cedeu outro, que se as dependentas de Stradivarius acudiron por se podían prestar axuda (por certo, Stradivarius pertence á mesma cadea que Zara, o xigante Inditex de Amancio Ortega, e non tiña mención no artigo orixinal).
La Opinión non foi o único medio de prensa no que a palabra Zara desaparecía de entre as liñas do seu artigo-bonzo, o resto de diarios importantes actuaban de igual xeito, despois de que algúns lectores comentaristas puxesen o grito no ceo pola actuación desalmada da dependenta.
E aquí xorden dúas cuestións. Unha e principal é que tipo de empregadxs está a xerar esta sociedade, que actúan como autómatas ao servizo da empresa e, seguindo os seus ditados de non penses-obedece, deixan de ser persoas con ideas e sentimentos propios para converterse en maquinaria útil e servil?, acaso tiña medo a perder o emprego por ofrecer unha simple manta nunha situación de emerxencia?, nin sequera se formulou a posibilidade, humana, de pagar ela mesma a peza para socorrer un ferido mortal? "Non, ela "non" podía facer iso". Non estaba contemplado no manual de boas prácticas do bo empregado que lle darían en arenga ao incorporarse á empresa.
A outra cuestión é a relativa á prensa. En que tipo de sociedade vivimos que, cunha simple chamada telefónica dunha multinacional, a realidade desaparece de todos os diarios e é substituída por un embelecedor moi ao estilo da novela 1984?
Volatilízase nun click o dato negativo referido a Zara e é substituído polo dato positivo protagonizado por Stradivarius. Poucos lectores se terán decatado e, ademais, non importa, as súas voces son menores. Así, as grandes empresas que nos mobilizan como formiguiñas ás colas das súas caixas de pagamento poden seguir contando co noso beneplácito e, sobre todo, coa nosa ausencia de crítica, para que poidamos continuar sendo magníficos traballadores non pensantes, maquinitas de vender e comprar os seus produtos, engrenaxe dun sistema consumista que, estupidamente, non nos cuestionaremos.
O ferido, por certo, a falta de manta, acabou sendo envolvido na súa propia pancarta, cuxo texto íntegro reivindicativo descoñecemos.
-----------------------------------------------------
pdt.- Segundo anuncian os medios a persoa que se queimou ao bonzo morreu hoxe tras se pasar 3 días na UCI.
No hay comentarios:
Publicar un comentario