12 sept 2013

Adeus Monte Pindo!!

Informan hoxe no blogue "Que pasa na Costa" sobre o incendio que afecta a Carnota e que arrasou o Monte Pindo (o Olimpo Celta), cabe sinalar que só hai unha semana, um outro lume arrasara 65 hectáreas nas suas proximidades (1) (ver noticia completa sobre este lume no blogue da Asociación Monte Pindo Parque Natural, acá) :

Tras unha triste noite de intenso traballo aínda continúa activo ás 8:00h da mañá o incendio de Carnota. De feito, a estrada AC-552 que une Cee e Muros segue cortada á altura do Viso, San Mamede e Caldebarcos, varias casas tiveron que ser desaloxadas en lugares como San Cibrán, Cornido, Vadebois, Caldebarcos, Panchés, A Curra ou Quilmas, concretándose o nivel de alerta 1. Ademais, o lume levou ao seu paso boa parte co Monte Pindo recordando as terribles estampas daquel agosto do 2005.

O lume nacía en Arcos, Mazaricos, arredor das 21:30h do mércores, baixaba case que a o mar espoleado polo vento e comezaba a desprazarse dirección norte ameanzando os lugares mencionados, ata O Pindo e case que o Ézaro. Á primeira hora da mañá a cantidade de área arrasada, xa superaba as 1.000 hectáreas.

A propia Asociación Monte Pindo Parque Natural recoñecía o seu “choro pola perda irremisible do Monte Pindo”. O devastador incendio exténdese imparábel polas súas ladeiras azoutado polo inxente vento e as autoridades e os medios de extinción xa o dan por imposíbel. "Este é o momento de lamentarmonos polo que se podia ter feito e non se fixo. Axiña será o momento de pedir responsabilidades e demisións a quen podendo facer algo pasou 3 anos pechando os ollos, as orellas e a razón á cruda realidade".

Deste xeito, invitan a que todxs utilicemos un lazo verde solidario polo Monte Pindo. Non queremos lazos negros, queremos ver verde esperanza da natureza que nos axude a superar o negro tristura das cinzas, e en memoria do perdido e do que nunca debe volver a pasar”, apuntan.

.....................
(1) Da notica reseñada do lume de hai unha semana queremos resaltar o que segue: A Asociación Monte Pindo Parque Natural quere lembrar que este xa é o segundo susto vivido na zona en dous anos, pois o ano pasado o lume prendera no Petón das Bouzas (ver aquí). Lamentabelmente no que se refire a protección do Monte Pindo absolutamente nada cambiou en case 10 anos, nin sequera despois de que en 2005 ardera na súa práctica totalidade. O que si cambiou é que agora temos unha organización social concenciada coas súas problemáticas que vai loitar por ver este espazo convertido no primeiro Parque Natural da Costa da Morte nesta lexislatura, caia quen caia.

Por último, queremos aproveitar a ocasión para preguntarlle á Xunta de Galicia e a Administración central polo destino dos 110.000 e 250.000 euros que -respectivamente- aseguraron en 2010 que investiran no Monte Pindo. Desde logo en puntos de auga, mellora de accesos, sinalización, retirada de madeira queimada do incendio do 2005 e repoboacións non foi, porque todo iso temos que facelo nós. Mira que debe ser difícil gastar 360.000 euros nun monte sen que absolutamente ninguén note nada, cando nós levamos 3 anos facendo roteiros, recuperando camiños case esquecidos e espazos degradados, facendo divulgación e investigación científica e natural... sen gastar nin un patacón das arcas públicas. É máis, levamos dous anos pedindo axudas para crear un verdadeiro Centro de Interpretación do Monte Pindo, e ata hoxe déronnos... nada. Será que teñen medo a que a xente vexa o que nós podemos conseguir cuns poucos miles de euros, e se pregunte onde están os 360.000 que din gastar no mesmo sitio?

No hay comentarios:

Publicar un comentario