Colamos da sua web este comunicado divulgdo onte as 18:00':
No ano 2005 houve no Monte Pindo um incêndio que arrasou umas 550 hectares, a terceira parte do que ardeu hoje. Feijão declarou publicamente desde a oposição o seguinte: "Canto do queimado se debe aos pirómanos e canto á imprevisión, indolencia e irrespondabilidade do goberno? É probábel que as condicións meteorolóxicas sexan peores, e é certo que non é doado apagar o lume, pero en situacións coma esta é na que se mide a eficacia dos gobernos".
1.- Ás 21:36 horas de onte, 11 de setembro de 2013, declarouse un incendio na Cima de Arca que ao cabo duns minutos as autoridades locais e os medios de extinción xa anticipaban que sería imparábel, e as consecuencias catastróficas. En efecto, á hora de emisión deste comunicado, arderon xa 1.600 hectáreas segundo cifras oficiais, o que supón a práctica totalidade do macizo granítico e parte das marismas de Carnota.
2.- Ademais o incendio ameazou durante horas os domicilios e as vidas de moitos dos nosos veciños e veciñas.
3.- O feito de que se prendera nun sitio de dificil acceso, xusto á hora en que deixan de ser efectivos os medios de extinción aéreos, e aproveitando un vento fortísimo de nordés, aclara non so a intencionalidade do incendio senón que se trata dun atentado ecolóxico co obxectivo claro de destruir por completo o Monte Pindo como finalmente aconteceu.
4.- Este atentado e as súas brutais consecuencias non sería posibel unicamente pola intencionalidade dunha ou varias persoas, senón que foi necesario a existencia doutros dous factores fundamentais: a meteoroloxía adversa e a carencia máis absoluta de medidas de prevención, sendo esta última unha causa totalmente subsanábel.
5.- En setembro de 2010, hai agora exactamente 3 anos, xurdía un movemento social para declarar o Monte Pindo coma Parque Natural, pois é a única figura que obriga legalmente a comprometer un investimento real e anual, crear unha rectora coa participación de todos os interesados e incluso un corpo de vixiancia do monte. Os partidarios desta iniciativa aglutináronse en torno á Asociación Monte Pindo Parque Natural, un colectivo nacido para ese fin por vontade de veciños de Carnota sensibilizados coa problemática específica do Monte Pindo, que rapidamente aglutinou no concello, na comarca, en Galiza e en todo o mundo o apoio de centos de entidades sociais de todo tipo, milleiros de persoas a título individual e ducias de científicos, investigadores e profesores universitarios.
6.- Desde o nacemento de dita plataforma a Xunta de Galicia, e nomeadamente a área de goberno responsábel da declaración de Parque Natural, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, dependente da Consellería de Medio Ambiente dirixida por Agustín Hernández Fernández de Rojas, non atendiu en ningún momento esta demanda alegando que o Monte Pindo xa estaba suficientemente protexido baixo a figura de Rede Natura 2000, e incluso que desde as distintas administracións se tiñan destinando ata 360 mil euros nese período 2010-2013 para actuacións no Monte Pindo, dos cales non coñecemos a que se destinou un só euro se é que se gastou. O que é certo é a falta de base e argumentos desta negativa, que primeiro aludía á pouca superficie do espazo a protexer (a pesar de que sería o 5º parque galego en extensión), para logo argumentar que o custe da declaración sería excesivo, etc.
7.- Nos últimos anos a Xunta vén distribuindo anualmente entre 2 e 2,2 millóns de euros a repartir entre os seis parques naturais existentes en Galiza. Cunha ínfima parte destes podería terse creado e activado a pleno rendemento o Parque Natural do Monte Pindo, e calculamos que coas actuacións que poderían terse levado a cabo en todo este tempo serían máis que suficientes para minimizar agora os efectos dun incendio coma este, e evitar uns custos en extinción que consideramos moito maior que o gasto de crear o espazo natural protexido que viñamos solicitando.
8.- Vivimos varios avisos tanto no ano 2012, cun incendio pequeno no entorno do encoro de Santa Uxía, como hai tan só unha semana na zona de Arcos (Mazaricos), en ambos casos a rápida acción dos contraincendios e as mellores condicións meteorolóxicos fixo posíbel detelos antes de que afectara gravemente ao espazo natural do Monte Pindo. Porén, supuxeron 2 avisos importantes do extremo risco existente, e asi llos transmitimos tanto ás Administracións coma á opinión pública. Nada se fixo ao respecto.
9.- No ano 2005 houbo no Monte Pindo un incendio gravísimo que arrasou aproximadamente 550 hectáreas, a terceira parte do que se leva arrasado a esta hora. Pouco despois, sendo lider da oposición no Parlamento de Galicia Alberto Núñez Feijóo (PP) declarou publicamente o seguinte “Canto do queimado se debe aos pirómanos e canto á imprevisión, indolencia e irrespondabilidade do goberno?”. Tamén dixo que “É probábel que as condicións meteorolóxicas sexan peores, e é certo que non é doado apagar o lume, pero en situacións coma esta é na que se mide a eficacia dos gobernos”.
En vista de todo o anterior, entendemos que o gravisimo alcance da catástrofe vivida onte e hoxe no Concello de Carnota tamén ten as súas causas fondamente enraizadas no factor humano, concretadas no desleixo e falta de preocupación dos nosos representantes políticos nas cuestións do seu ámbito de incumbencia, como asumía o propio Feijóo no ano 2006, e que son as que levaron á destrución total do Monte Pindo.
Polo dito, a Asociación Monte Pindo Parque Natural ESIXE:
* A declaración inmediata do Monte Pindo como Parque Natural.
* A declaración do Concello de Carnota coma zona catastrófica.
* A dimisión de Agustín Hernández Fernández de Rojas, conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras, por ser o máximo responsábel da consellería que decide as novas declaracións de parques naturais en Galiza.
* A dimisión de Rosa Quintana, Conselleira de Medio Rural, por ser a máxima responsábel da consellería da Xunta de Galicia responsábel da xestión de espazos naturais protexidos.
Ademais, a Asociación Monte Pindo Parque Natural COMUNICA:
Convocamos un Roteiro reivindicativo de subida ao Monte Pindo o día sábado 28 de setembro de 2013, con saída simultánea ás 11:00 horas desde O Pindo (Carnota), Caldebarcos (Carnota), e o Fieiro (Mazaricos).
Chamamos a toda a cidadanía galega e as organizacións sociais a concurrir nunha gran Manifestación Nacional, propoñendo como data o domingo día 6 de outubro de 2013, ás 12:00 horas na Alameda de Santiago de Compostela, con obxecto de esixir un cambio radical na política forestal da Xunta de Galicia e no tratamento das problemáticas dos espazos naturais protexidos.
Agradecemos o esforzo obstinado dos medios contraincendios por minimizar esta catástrofe poñendo incluso en risco as súas vidas para facer todo o posíbel por salvar o espazo natural e os domicilios da nosa veciñanza, e lamentamos todos os danos materiais que esta traxedia ten ocasionado.
Ante a unanimidade dos presentes, asinamos no lugar do Pindo (Carnota) o 12 de setembro de 2013 sendo as 18:00 horas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario