17 jun 2013

[Madrid] Primeiro Comunicado que o Grupo Anarquista de Vallekas está repartindo polo barrio.

Colamos acá traducido este "Panfleto" publicado en AlasBarricadas, que ven a ser un chamado para realizar un traballo no barrio que poida ir aglutinando a toda persoa que se identifique con o anarquismo.

Somos un grupo de anarquistas do barrio que decidimos organizarnos co propósito de difundir as nosas ideas e alternativas ante os diversos problemas que ten o barrio e os seus habitantes, ademais de traballar coa intención de crear un espazo e un referente anarquista en Vallekas.

Nestes tempos pódese ver claramente que a ansia dos capitalistas por multiplicar a súa riqueza non ten límites e como non dubidan en condenar países enteiros á miseria que representa a precariedade e a falta dos recursos máis básicos. E tamén se pode ver onde nos está a levar a súa cobiza. Durante anos vivimos enganados crendo nas bonanzas que ofrecía o sistema capitalista e contentos por poder consumir alegremente. Pero agora os que están contentos de verdade son os bancos e os empresarios que non deixaron de enriquecerse e aos que se lles dan toda clase de facilidades para que sigan mantendo a súa situación privilexiada. E mentres as condicións laborais non deixaron de deteriorarse, xa estivese o PP ou o PSOE no goberno, ademais da tan manida moderación salarial á que sempre se refire a patronal para que a creación de postos de traballo sexa supostamente factible. Durante tantos anos de bonanza económica só nos deron precariedade laboral e moderación salarial. Os gobernos non deixaron de ditar leis que beneficiaron aos capitalistas en detrimento dos traballadores deixando patente a quen serven en realidade. A causa da presente crise é clara, díxose en todos os foros, a avaricia dos capitalistas por querer máis sen control ningún. A consecuencia estámola a sufrir co paro, os desafiuzamentos, o encarecemento de prezos e, en definitiva, cunha maior desigualdade e inxustiza que non deixa de crecer día a día. Para nós só queren o esforzo diario e para eles o beneficio aínda que sexa por enriba do noso cadáver.

Temos que cambiar o sistema capitalista, explotador e inhumano e non nos vale darlle unhas cantas pinceladas para que sexa máis atractivo, menos daniño, por que o capitalismo é sempre inxusto, con ou sen crise. Pero, como habemos de actuar para conseguilo?, que camiño debemos emprender? Cambiar os políticos e os seus partidos para que eles coiden dos nosos intereses en contra dos intereses dos capitalistas? Para que sexan os políticos, dende os seus pedestais, que nos aseguren os nosos dereitos? Sen dúbida a solución nunca virá de ningún político, parasitos que só se achegan ao pobo para servirse del e controlar a súa loita para que non se saia das canles marcadas polo sistema e garantir así non só que todo siga igual se non que calquera protesta remate sendo asimilada e convertida, co tempo, nun acto estéril ou nun simple desafogo colectivo sen consecuencias.

Non debemos delegar a nosa vontade en políticos e gobernantes nin aceptar que a nosa loita sexa dirixida e manipulada, habemos de coller as rendas das nosas vidas e traballar por levalas pola senda da liberdade, coa igualdade como medio e a fraternidade como fin. As asembleas populares han de converterse no ente do que emane a voz do pobo. O único xeito de conseguir beneficios reais para a clase traballadora é a loita diaria por conseguir unha vida mellor para todos/as. Nos nosos barrios e pobos, nos nosos postos de traballo, cos nosos veciños/ás e compañeiros/ás. Os traballadores son os verdadeiros creadores de riqueza, pero esta só se reflicte na sociedade de xeito moi escasa e mal distribuído, dado que a maior parte queda concentrada en poucas mans.

O anarquismo é revolucionario pola súa finalidade trasformadora da sociedade e falar de revolución é falar de cambio drástico no político, o económico e o social. Nos últimos anos chamouse revolución a acontecementos que non o son, pois non levaron consigo ningún cambio realmente profundo senón que só supuxeron unha maquillaxe co que disimular a mesma orde de sempre. Baleirouse de contido a palabra revolución igual que fixeron coa palabra liberdade, reducida pola democracia ao simple acto de introducir unha papeleta nunha urna cada varios anos. Temos de chegar á convicción de que necesitamos crear unha sociedade nova fundamentada en parámetros diferentes aos actuais e a ela só poderemos chegar indo á raíz dos problemas para cambiar as cousas de verdade en lugar de seguir poñendo parches que ao final só perpetúan as inxustizas, non dan solución aos nosos problemas e manteñen os privilexios dos que viven á conta a nosa.

É o noso propósito realizar un traballo no barrio que poida ir aglutinando a todo aquel que se identifique co anarquismo. Quen este interesado en participar pode encontrarnos en: anarquistasdevallekas@gmail.com


No hay comentarios:

Publicar un comentario