Colamos esta convocatoria que recebimos dun asiduo visitante deste blogue.
As palestras organizadas pola Asociación Veciñal Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules terán lugar na Biblioteca Veciñal do Campo de Marte as 20:00'.
Como anticipo o noso compa envianos este artículo de Carlos Taibo "Fomento sen trens" sobre o feche de liñas de ferrocarril (ou sobre a desertización ferroviaria) que colamos unha vez traducido a nosa lingua:
Sabido é que o Ministerio de Fomento tomou a delicada decisión de pechar medio centenar de liñas de tren. Segundo a versión oficial dos feitos, semellante decisión responde a un criterio de estrita rendibilidade. A explicación soa a algo ben coñecido: déixase de investir durante anos nas liñas en cuestión, permítese que o servizo se deteriore e, ao cabo, o peche preséntase como inexorable.
Pena é que, da man dunha primeira e palmaria contradición, o amentado criterio da rendibilidade só se aplique, non obstante, a determinados servizos ferroviarios. Porque ninguén conseguiu demostrar que a alta velocidade, tan idolatrada polos nosos gobernantes, é rendible. Nestes días máis dun recordou que vinte anos atrás se manexou repetidas veces a idea de que a amortización do investimento que reclamara, dúas décadas atrás, a AVE Madrid-Sevilla se ía tomar nada menos que cen anos. E subliñouse tamén que as novas liñas de alta velocidade haberán de ser, por forza, aínda menos rendibles que as actuais. Para pechar o círculo, obrigados estamos a certificar que o que se vai aforrar da man do peche de catro ducias de liñas de ferrocarril é unha parte minúscula do que se segue investindo na AVE.
Por se pouco fóra o anterior, e isto é acaso máis importante, na decisión dos nosos gobernantes adivíñase unha nula perspectiva de futuro: nun escenario planetario no que se antolla inevitable o encarecemento da maioría das materias primas enerxéticas que empregamos o seu sería --parece-- puxar con claridade polo tren. O obxectivo non sería, entón, absterse de pechar liñas senón, antes ben, ampliar o trazado da rede ferroviaria. E non só no que fai a pasaxeiros: tamén no que se refire a mercadorías, toda vez que --dito sexa de paso-- a AVE é de novo, neste terreo, unha ruína.
Claro é que actuar deste xeito implicaría primar o ben público e facer outro tanto cos dereitos das xeracións vindeiras, prioridades que con toda evidencia non están no guión, aberrantemente "curtoprazista", dos que toman decisións como as que nestes días nos ocupan. A aposta do Goberno español, a través do peche de liñas ou da súa substitución polo transporte en autobús --que sen dúbida é unha opción provisional que en moitas casos abrirá o paso á clausura, sen máis, dos traxectos afectados--, apunta a unha final privatización, franca ou encuberta.
A conclusión parece, en fin, servida: o proxecto ferroviario que abraza o actual goberno español carrexa unha aposta desmesurada en proveito de trens que deben beneficiar en exclusiva ás capas apousentadas da poboación --quen pode pagar un billete de AVE--, por un lado, e aos habitantes das grandes cidades, polo outro. Mentres as posibilidades de transporte ao alcance da maioría se degradan, a desertización ferroviaria é obxecto dunha nova volta de rosca. O efecto maior non é senón unha plena disolución do concepto de servizo público acompañada do despregamento de sangrantes discriminacións. Canto tempo tardaremos en decatarnos das secuelas, indelebles, de tanta loucura?
6 jun 2013
[A Coruña] Venres 7 as 20:00' Palestras: Por un Ferrocarril Galego Público ,Social e con Futuro
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario