2 may. 2013

[Vigo] Luns 6 de 10 a 13 hs - Acto de rúa polo dereito a vivir con dignidade diante da UTS Coia

Colamos esta convocatoria recibida na nosa caixa de correos:

A ODS-Coia e a Parroquia Cristo da Victoria, xunto á xente do G.A.S., convocamos para vindeiro luns 6 de maio un acto de rúa ás portas dos servizos sociais do Concello en Coia (rúa Quintela, 31, á altura da Avenida Castelao, 25) co obxectivo de denunciar o crecente empobrecemento que sufrimos inxustamente unha gran parte da cidadanía e esixir ás institucións públicas, neste caso Concello e Xunta, que cumpran coa súa obriga de garantir o dereito de todas as persoas a unha vida digna

Non podemos calar ante unha realidade terrible que cada vez é máis común: mentres moitas familias nos vemos na obriga de afrontar o día a día cuns mínimos ingresos ou mesmo sen eles, resultando imposible facer fronte ao pago de bens tan básicos como os alimentos, o aluguer, os recibos de auga e luz..., continuamos a recibir en demasiadas ocasións unha resposta negativa cando nos achegamos aos servizos sociais en busca dunha solución, cando menos parcial, aos nosos graves problemas. “Non hai cartos”, escoitamos con frecuencia. Pero mentres, hai cartos a esgalla para proxectos que nada teñen que ver cos dereitos fundamentais da cidadanía; e mentres, por exemplo, nada sabemos do plan de axudas sociais para familias con escasos ou nulos recursos, aprobado o pasado xaneiro por un importe de 3,2 millóns de euros e que continúa sen execución...

Por todo isto, xuntarémonos diante das dependencias dos servizos sociais municipais no noso barrio para dar a coñecer a campaña “Vivir con dignidade é un dereito”, coa que pretendemos denunciar esta dramática realidade a través da presentación masiva dun escrito exercendo o dereito de petición perante a Xunta e o Concello; escrito onde o asinante expón as súas circunstancias económicas e sociais e solicita unha Renda Básica que permita satisfacer con dignidade as súas necesidades básicas.

+INFO: http://odscoia.arkipelagos.net/content/luns-605-acto-de-r%C3%BAa-polo-dereito-vivir-con-dignidade-diante-das-portas-da-uts-coia

1 comentario:

  1. Recibimos unha ampliación da Convocatoria que copiamos e colamos:

    O acto se desenvolverá entre as 10:00 e as 13:00 horas cunha mesa informativa sobre a campaña “Vivir con dignidade é un dereito”, coa que pretendemos denunciar a dramática realidade que están a padecer moitas familias no noso barrio e en toda a cidade a través da presentación masiva dun escrito exercendo o dereito de petición perante a Xunta e o Concello; escrito onde o asinante expón as súas circunstancias económicas e sociais e solicita unha Renda Básica que permita satisfacer con dignidade as súas necesidades básicas.

    Ás 12:00 horas terá lugar unha rolda de prensa na que presentaremos ante os medios de comunicación dita campaña.

    ResponderEliminar