26 mar. 2013

Político boliviano do MAS de Evo Morales viola a unha traballadora da limpeza

O delito, gravado polas cámaras de seguridade nunha fita que circulou polas redes sociais, volve demostrar a impunidade ante a violencia sexual

Colamos depois de traducido de Pikara Magazine

O 20 de decembro de 2012 violaron unha traballadora da Asemblea Lexislativa de Chuquisaca (Bolivia) na Sala Plenaria desa entidade, e víase vir. Non podía anticiparse o lugar, nin o momento, nin as circunstancias, pero estaba avisado que en calquera oportunidade algo así podía suceder.

Hai unhas semanas circularon na rede e nalgunhas canles nacionais de televisión as primeiras imaxes do asembleísta Domingo Alcibia, militante do partido de goberno (MAS) que, logo dunha festa de fin de ano nas súas oficinas, onde consumiron grandes cantidades de alcohol, abusou sexualmente dunha empregada da limpeza. A muller, xa sen coñecemento, xacía inerte mentres este home cometía o delito: ao rematar, o agresor érguese con total control, sóbese a bragueta e marcha sen cambalearse nin un pouquiño (o vídeo, se a alguén lle interesa, aínda se pode encontrar en Youtube). Nese mesmo festexo, outro asembleísta intentou propasarse con outra traballadora, pero ela non estaba o suficientemente borracha como para correr a mesma sorte que correu a súa compañeira.

"Borracho estaba, non me acordo"

O dito, estaba avisado. O ano pasado, o presidente do Estado Plurinacional, Evo Morales, cantou nun acto público de inauguración das festas de Carnaval unhas coplas que aludían explicitamente ao seu poderío sexual sobre as mulleres do seu gabinete executivo e sobre as militantes dunha organización de mulleres considerada a súa base social feminina. Esperábase que calquera político, con certo nivel de poder, fixese uso da prerrogativa que se lles estaba a outorgar.

Inmediatamente despois de que se coñecese a noticia da violación houbo reaccións; non demoraron en pronunciarse a Defensoría do Pobo, a representación das Nacións Unidas en Bolivia, as organizacións feministas e outras. A mesma reacción se tivo, aínda que máis demorada e nalgúns casos con menos vehemencia, doutros e outras asembleístas, algunha ministra e de compañeiras e compañeiros do Parlamento, pero esta vez o partido de goberno estaba a medias; o agresor era un funcionario público, que accedeu ao cargo que ostentaba despois de ser seleccionado candidato como se fai no MAS, dende o máis alto nivel, e os feitos aconteceron na Asemblea Lexislativa, que preside tamén o MAS.

Mentres tanto, Alcibia declaraba ante os medios de comunicación cousas tan insólitas como: "Non (o) fixen tampouco ao intento (a propósito).... eu estaba indeciso.... nin sequera me acordo, estaba borracho e non me acordo"; "Ela estaba borracha, inconsciente, como saben que non quería? ". Pola súa banda, o gobernador do Departamento, tamén do MAS, botáballe a culpa á oposición, alegando que lle botaran algunha droga ás bebidas.

En palabras de María Galindo, analista, prostituta, artista e loitadora feminista boliviana, os feitos acontecidos "son comparables ás torturas que exercen mariñar os contra os prisioneiros de guerra en Iraq, e son mostra dun fenómeno estendido dentro do goberno do MAS..... Son incontables os testemuños que escoitamos de mulleres que acceden a un cargo público calquera sexa e que son premidas e acosadas para pagar ese posto de traballo na cama".

Impunidade

Pero a primeira persoa en ir ao cárcere non foi o agresor. Dous días despois de que se fixesen públicas as imaxes captadas polas cámaras de seguridade do edificio detiveron o responsable da área de sistemas, que tiña ao seu cargo a custodia das imaxes. Este traballador comunicara por escrito, unha semana antes, que encontrara a súa computadora vulnerada e que subtraeran algunhas gravacións. Mentres, o presidente do Estado tivo que pedir o agresor que renunciara ao seu cargo para que enfrontase a investigación. Fíxolle caso, e dende entón está deaparecido e non se soubo máis del.

Para cando saíu a orde da Fiscalía para que respondese polos delitos de uso indebido de bens e abuso de poder (ollinho, que non por violación), este xa se fixera fume. 4 días despois foi achado nunha comunidade rural na que se refuxiara. A ministra de Xustiza declarou que neste caso, por tratarse a agredida dunha persoa adulta, a Fiscalía non podía actuar de oficio, aínda que as probas sexan contundentes. O presidente do Estado, que pensaba que si se podía actuar, matizou que aínda así cría que os acusados deberían ter a posibilidade de presentar unha licenza ao seu cargo público ata que as autoridades xudiciais desen un fallo. Isto, aínda que pode parecer non ter importancia, contrasta co caso de moitos funcionarios e funcionarias da oposición de nivel departamental e municipal a quen o MAS sacou do seu camiño con acusacións de corrupción, sen necesidade de presentar probas porque así o establece a Lei.

E onde está a muller agredida?
A ministra di que a Fiscalía non vai actuar de oficio, pero resulta improbable que unha muller de orixe humilde, probablemente indíxena (un dos Asembleístas referiuse a ela como "cholita"), presente unha denuncia contra un home con poder, talvez o home que lle conseguiu o traballo e ao que lle debía un favor. Pero ademais, presumiblemente xa tivo que someterse ao escarnio público na súa comunidade, á humillación ante os seus familiares e os seus pares, a crítica social por beber (o consabido "é a túa culpa, ti buscáchescho por andar tomando con homes").

Nun país no que, segundo Nacións Unidas, 7 de cada 10 mulleres sufriron algún tipo de violencia en razón de xénero, onde o 48% das mulleres con cargos de concelleiras municipais e alcaldesas declaran sufrir acoso político, no que de 2009 a febreiro de 2012 se contaban máis de 350 feminicidios, e onde se reportan 9 casos novos de violencia sexual ao día; estes feitos pasan moitas veces inadvertidos. Condición social, repudio comunitario, medo ás represalias familiares e dependencia económica -vaia, o patriarcado cru que se vive en América Latina- son algunhas das causas que levan ás vítimas a calar ante estas agresións.

A vítima, para colmo, quedou sen traballo. Despois de todo, o 31 de decembro caducouse o seu contrato. Non llo renovaron.

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada