26 mar 2013

79 centros, a maioria privados e da igrexa, levanse millóns de € en "protección do menor" só na Galiza

Unha reportaxe publicada onte nun medio oficialista daba conta do "paraíso dos centros de menores" e facía referencia ao feito de que, entanto numerosas familias seguen en (des)espera de acollida dun bebé tutelado, a Xunta ven de concertar 25 novas prazas para recén nacidos no centro de acollida da Deputación da Coruña. Vinte e cinco novos berces que veñen a sumarse ás 828 prazas de internamento xa existentes, para menores protexidos de todas as idades (52 para menores de seis anos).

Así, no medio dun mar de recortes, os concertos privados con entidades relixiosas non só seguen a flote, senón que se incrementan. Dende a FAG (Familias Acolledoras da Galiza) chegan a falar de "intereses creados", do "negocio que hai montado en torno aos nenos tutelados", e mesmo de "represalias contra algunha familia que criticou o sistema dando a cara e xa nunca volveu recibir nenos na súa casa". Por iso non queren aparecer cos seus nomes.

A Consellería de Traballo e Benestar declara que unha praza nun centro de acollida cústalle á Administración galega "unha media de entre 1.360 e 1.560 euros mensuais que inclúen o gasto en auga e luz", se ben dende a FAG aseguran que ese dato non coincide co que leron no seu día no Diario Oficial de Galicia, onde aparecían concertos "de 3.000 e ata de 5.000 euros no caso de bebés" e que debe pagarse "si ou si porque hai un concerto" aínda que as camas estean desocupadas.

Na Galiza, Benestar adoita dicir que o 70% dos nenos tutelados están con familias, pero nesta porcentaxe inclúe os 1.111 que viven coa "familia extensa" (avós, tíos, etc) unha situación totalmente diferente da acollida con "familia allea", cunha cifra moi inferior (144 menores en toda a comunidade, só o 8%). Pola súa banda, os centros concertados, coas súas 828 prazas de residencia e os seus 375 de atención diúrna, repártense actualmente 691 menores, segundo a consellería.

Todo un negocio para os centros onde as condicións son muitas veces traumáticas para os menores, entanto as familias acolledoras terán que seguir na espera para poder dar amor e cariño sen pretender remuneración algunha por elo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario