25 mar 2013

Investigan a morte de tres presos de Bonxe por suposta falta de atención médica nos últimos 6 meses

Recollemos dun falsimedio, ao que non queremos dar publicidade, esta notícia da que non temos mais fontes:

Tres mortes en apenas medio ano.

Esa é a tráxica estatística da prisión lucense de Bonxe. Os falecementos dos reclusos están a ser investigados por dúas xuízas de Lugo despois de que os familiares desen conta aos xulgados de que puido producirse unha desatención ás vítimas.

Pilar de Lara e Estela San José, as titulares dos xulgados 1 e 3 de Lugo, compaxinan as investigacións sobre a corrupción das operacións Pokémon e Campión, entre outras, con outros moitos asuntos, entre eles os referidos a estas mortes. Estas investigacións afectan especialmente aos servizos sanitarios e á cúpula encargada da penitenciaría.

A primeira xuíza xa tomou declaración a polo menos unha ducia de persoas con relación ao caso dun lugués de 33 anos, que faleceu, aos poucos días de saír de permiso, por unha pancreatitis aguda no mes de agosto do ano pasado. Entre quen declararon figura unha médica do servizo de urxencias do hospital de Lugo ao que foi conducido o interno. Foron os seus propios familiares quen o levaron ás poucas horas de que estivese a gozar dun permiso. Previamente acudira ao médico do centro, que lle diagnosticou unha gastroenterite aguda. A familia considera que a asistencia recibida pola vítima en Bonxe foi totalmente deficiente. Tanto é así que din dispor de datos que lles fan sospeitar que, cando o enfermo informou de que seguía sentíndose mal, dixéronlle que continuase tomando máis soro. Os seus parentes alarmáronse cando viron o seu estado no mesmo momento en que acudiron a recollelo á porta da prisión, o seu estado era tan deficiente que o trasladaron a un centro. Tiña insuficiencia respiratoria e outros problemas que motivaron o seu ingreso na unidade de coidados intensivos, na que acabou falecendo o 13 de agosto.

A sua irmá quixo destacar a asistencia sanitaria que prestaron no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) «a diferenza do que pasou no cárcere, onde non recibiu a atención debida», destacou.

Outra das investigacións abertas refírese a un interno de nacionalidade estranxeira que apareceu morto no interior da prisión. A familia non acepta a versión que lle deron no sentido de que se tratou dun suicidio, porque, supostamente, apreciaron lesións estrañas.

O terceiro dos casos corresponde a outro interno que faleceu no mesmo momento en que saía de permiso. A súa parella estaba a esperarlle para recollelo. A suposta causa da morte puido ser un infarto, pero os familiares estiman que puido haber desatención.

A maxistrada Pilar de Lara tamén ten tamén un caso de presuntas torturas a un preso ao que, con carácter fulminante, ordenou cambiar de centro.

Sen versión desde a prisión

A prisión non deu unha versión oficial do sucedido. O seu responsable considera que é preciso non interferir no traballo das xuízas. A título particular, varios funcionarios afirmaron que o colectivo desenvolve o seu traballo de forma impecable cumprindo as normas, e achacaron o elevado número de mortes dos últimos meses a «unha mala serie» que non se produciu nos últimos anos. O familiar dunha das vítimas mortais, con todo, dixo ter constancia da morte de cinco reclusos no prazo duns dous anos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario