25 mar 2013

Industria e Enerxía da Xunta continúan ao ditado de Edgewater ao denegar información pública das concesións mineiras

A Plataforma pola Defensa de Corcoesto denuncia unha vez máis a conivencia entre a Xunta de Galicia e a empresa mineira de Corcoesto na tramitación -chea de irregularidades- deste proxecto para a explotación dunha mina de ouro a ceo aberto, que afecta aos Concellos de Cabana, Ponteceso e Coristanco.

Se antes foi a Dirección Xeral de Conservación da Natureza a que rectificou as súas esixencias ante un escrito do xerente de Edgewater, no que pedía que non se lle obrigase á empresa a facer públicos os datos sobre os niveis de vertidos de metais pesados na fase da explotación mineira, agora sóubose que Ángel Bernardo Tahoces, o director xeral de industria, enerxía e minas, non facilita a información solicitada sobre as concesións mineiras Emilita (en 1912), Ciudad de Landró e Ciudad de Masma (ambas en 1926), porque así o pide a empresa.

Entre os motivos alegados polo director xeral para non facilitar a información solicitada, sinálase que “Ademais, o 17 de xullo de 2012 a sociedade titular dos dereitos mineiros presentou escrito no que se solicita que se denegue a D. ...... a solicitude de obtención de copia de documentos ou toma de vista de aqueles expedientes da empresa que non estean en trámite de información pública...”.

Este feito é unha proba clara da conivencia entre a empresa e a Xunta de Galicia que semellan ser a mesma cousa, e incluso, como queda acreditado neste caso, traballan man a man na custodia dos arquivos públicos. Á vista do acontecido, a Plataforma pola Defensa de Corcoesto considera insólito e contrario a dereito que a Xunta lle dea traslado á empresa mineira da solicitude feita por un administrado sobre datos que obran en arquivos custodiados pola propia Xunta, e que son de acceso público para calquera cidadán da Unión Europea.

Este dereito de acceso aos arquivos e rexistros públicos está expresamente recoñecido no artigo 37 da lei 30/1992 de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e non esixe nin sequera a condición de interesado no expediente, como si ocorría neste caso.

A Plataforma pola Defensa de Corcoesto, ante a negativa reiterada da Xunta e a empresa mineira a facilitar eses datos, dubida da vixencia das concesións Emilita que data do ano 1912, e Ciudad de Landró e Ciudad de Masma que datan do ano 1926. Estas concesións mineiras necesariamente tiveron que ser obxecto dun tratamento especial ou ter solicitada e prorrogada a súa vixencia. En caso contrario estarían caducadas o que imposibilitaría levar a cabo o proxecto mineiro.

Colado de NonaMinadeCorcoesto.blogspot

No hay comentarios:

Publicar un comentario