12 mar 2013

[Ourense] ADIF vai destruir outro bosque centenário por obras do AVE

Recollemos da web de Amigos da Terra esta denuncia pública da nova desfeita programada por ADIF:

Amigos da Terra denuncia publicamente a destrución dun bosque centenario (18 hectáreas-180.000 metros cadrados) na cabeceira do Río Arnoia por ampliación e ocupación polo Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) na parroquia de Porto-Alemparte-San Pedro de Maus (Vilar de Barrio). A destrución desta fraga autóctona vaise a realizar sen ter en conta a lexislación que é de aplicación nestes casos.

Amigos da Terra mostra a súa preocupación pola forma de actuar de ADIF e lembra que as obras do AVE xa destruíron nesta parroquia (Porto-San Pedro de Maus) 27 hectáreas de carballeiras, soutos de castiñeiros e bosques de ribeira. Agora ADIF pretende mediante “modificado de proxecto” a expropiación e ocupación de outras 18 hectáreas hoxe ocupadas por un dos soutos mellor conservados da provincia de Ourense e dun bosque de ribeira no corazón do Río Arnoia, as obras do AVE van supor neste pequeno val a perda de 45 hectáreas (450.000 metros cadrados de bosques autóctonos).

Dende Amigos da Terra queremos lembrar que con esta modificación de proxecto e coa expropiación e ocupación de 18 hectáreas de bosque autóctono, ADIF incumpre o lexislado actualmente (estudio de impacto medio ambiental, incumprimento da Lei de Augas, Lei de Montes e outras normativas de aplicación). Presuntamente as empresas adxudicatarias deste treito do AVE pretenden montar nestes 180.000 metros cadrados unha planta de formigonado e unha planta de elaboración de materiais para as obras do tren de alta velocidade.

Amigos da Terra apoia aos veciños de Porto-San Pedro de Maus que se opoñen a destrución do seu patrimonio, imos elaborar, ao mesmo tempo, as correspondentes alegacións para evitar esta expropiación forzosa e imos a solicitar das distintas administración públicas con competencias (concello de Vilar de Barrio e Baños de Molgas, Deputación Provincial de Ourense, Xunta de Galicia, Goberno español) a súa implicación, que fagan cumprir o lexislado para a protección do patrimonio natural, etnográfico e cultural e esixan a ADIF a busqueda doutro lugar alternativo e se evite a destrución desta fraga centenaria.

Dende Amigos da Terra tamén imos a realizar contactos con outras organizacións sociais e políticas para esixirlle a ADIF que as obras do AVE cumpran coas medidas esixibles para minimizar o impacto medio ambiental que supoñen, que se cumpra a lexislación vixente e cando hai alternativas, como neste caso, se evite a destrución dos ecosistemas naturais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario