21 feb 2013

E MAÑÁ MÁIS... (aínda que a urbanista Aurelia Rey non estudase na ETSAC nin estea colexiada no COAG)

Copiamos, traduzimos e colamos este moi interesante texto dun "urbanista" do blogue Horizonte de Sucesos sobre o "mobbing inmobiliario de toda a vida" que está sofrer Aurelia ao ter a sua morada de sempre nunha zona de interés urbanístico e comercial no seu bairro por empresas como Inditex e Fnac:

Os intentos de desafiuzamento de Aurelia Rey que se están a producir estes días no nº 9 da rúa Padre Feijóo da Coruña son un acontecemento perfectamente consecuente cun sistema urbanístico-inmobiliario inxusto, pero asumido como inevitable por boa parte da opinión pública.

Esta vez non se trata da estafa hipotecaria común (promovida polas políticas estatais de fomento da propiedade e o endebedamento cidadán como única forma de acceso á vivenda) que hoxe dominan o debate público pola incontrolable difusión de imaxes bochornosas de desafiuzamentos e suicidios relacionados coa cuestión. Neste caso, falamos do mobbing inmobiliario de toda a vida, é dicir, da utilización da enxeñaría legal máis sofisticada para levar a cabo unha operación urbanística de primeira orde: a substitución dunha poboación precaria e normalmente envellecida por outra máis afortunada na ruleta de distribución de rendas, formada por colectivos máis novos, probablemente máis guapos e "creativos", e seguramente máis consumidores, é dicir, bos cidadáns.

En termos urbanísticos (e aínda que comeza a fraguarse moito antes), o contexto deste desafiuzamento ten un punto de inflexión na creación dunha nova centraliade comercial a nivel metropolitano no barrio onde vive Aurelia dende hai 34 anos. Un ámbito que, a través da reconstrución do mercado municipal da Praza de Lugo, se insire nun rápido proceso de reconversión nun "centro comercial aberto" capaz de atraer ás principais marcas transnacionais, neste caso, a todos os colectores-Inditex e algunha outra empresa global como Fnac. Un proceso que, xunto coa construción de media ducia de novos centros comerciais na área metropolitana, rematou por desprazar a centraliade comercial dende a Peixaría (Rúa Real, San Andrés, etc.) cara a este primeiro ensanche da cidade.

A partir deste momento (2006), a presión sobre a zona dispárase de forma "natural", producindo unha revalorización inmobiliaria do ámbito culminada hai uns meses co anuncio da compra da maioría dos baixos comerciais da rúa Compostela por Inditex, co obxectivo de continuar o proceso de transformación do barrio en infraestrutura comercial de grande escala, agora xa como aventura capitalista comandada por un conglomerado empresarial cuxo máximo accionista é o suposto terceiro cidadán máis rico do mundo (e veciño da cidade).

Neste contexto, os intentos de desafiuzamento de Aurelia non son máis que unha consecuencia dun sistema no que as plusvalías xeradas pola actividade urbanística pública (neste caso, a reconstrución dun mercado municipal e a creación dunha praza peonil rodeada de baixos comerciais -grazas ao soterramento do tráfico rodado-) son capturadas en exclusividade polos propietarios do chan, e non polo común da cidadanía, que somos os que en realidade as producimos a través dos investimentos realizados polas institucións públicas.

A partir de aí, diferentes estratexias legais nacidas, sobre todo, a raíz de normativas como a "Lei de medidas de fomento e axilización procesual do aluguer e da eficiencia enerxética dos edificios" ou a "Lei de medidas de axilización procesual" (eufemismo do coñecido "desafiuzamento express") aprobadas polo PSOE en 2009 e 2011, convértense en instrumentos facilitadores do acoso á poboación indesexable dende o punto de vista da maximización dos beneficios para os arrendadores.

Unha cuestión apoiada ademais en discursos confusos como o das chamadas "rendas antigas", que, por exemplo neste caso (126 €), supón máis do terzo recomendado dos 356 € que cobra a inquilina como pensión, polo que non só non se trata unha renda antiga, senón que é demasiado alta para unha persoa que non se acaba de mudar a unha vivenda "por enriba das súas posibilidades", senón que leva residindo nela dende hai máis de tres décadas.

A suposta inxustiza cos arrendadores que esgrime a doutrina capitalista ante estas situacións baséase no suposto de que os prezos dos alugueres os debe fixar unicamente o flutuante valor do chan, e non as capacidades económicas dos inquilinos xa establecidos nun lugar. Unha cuestión que, ao ser primordial para a "sostibilidade" dun mercado tan especulativo como o inmobiliario, foi introducida na aparetaxe legal correspondente ata o punto de deixar en mans das administracións públicas a responsabilidade exclusiva de prover de aloxamentos a prezos sociais para a poboación precaria. E isto é algo que ten importantes consecuencias para a cidade, dado que o sistema de consecución de chan público co que funcionamos na actualidade (baseado principalmente en "crecer para conseguir" e, polo tanto, ligado ás grandes operacións en chans urbanizables nos bordos urbanos) nos leva a que estas poboacións poidan ser expulsadas á periferia cada vez que o mercado decida transformar un determinado barrio como proxecto empresarial urbano.

A conclusión que dende o urbanismo se pode sacar deste fenómeno parte dun principio moi claro: o patrimonio urbano non está formado unicamente por obxectos ou espazos, senón tamén por formas de vida que cultural e tecnicamente achegan valor á cidade. Polo tanto, o desafiuzamento de Aurelia non é un tema desvinculado da urbanística ao que só podemos atender como cidadáns indignados. O urbanismo ten suficientes argumentos técnicos para demostrar a importancia do fomento e a conservación das formas de vida como a que representa esta cidadá:

1) Aurelia non é só un individuo, senón parte dunha rede de relacións sociais tecidas nun barrio durante décadas: eliminar unha peza implica consecuentemente o debilitamento da estrutura da que forma parte.

2) Aurelia non é só unha anciá máis nun gueto xerontolóxico, senón parte unha fauna humana diversificada composta por elementos asimilables tanto ao local coma ao global: os seus movementos cotiáns (que non son os do garaxe ao centro de traballo periférico como o de moitos dos seus veciños) achegan unha necesaria diversidade (inclusiva) entre os novos yuppys que abarrotan as vinotecas cool, ou entre os modernos con bolsas de tesouros recén adquiridos en Fnac ou Zara.

3) Aurelia non é só unha diferenza xenérica e pasiva entre outras, senón unha que forma parte dunha máquina de resistencia inconsciente cara ao proxecto capitalista (non democrático) co que se deseña o futuro dun determinado barrio da cidade. Esa calidade de peza natural, non vinculada á reflexión senón á acción vital disidente, convértea en relevante case como forma de urbanismo en si mesma, é dicir, como calquera outro instrumento urbanístico co que influenciamos o devir urbano derivado das lóxicas dominantes e problemáticas do Estado e o Mercado.

Estes motivos son máis que suficientes para que os urbanistas teñamos algo que opinar ao respecto, mesmo sen entrar en cuestións como a indignidade social que representa a expulsión dunha anciá do barrio onde quere e pode seguir vivindo, ou como a loita porque o dereito á vivenda digna da que falan a Constitución Española (art.47) ou a Declaración Universal dos Dereitos Humanos (art.25) se faga efectivo máis alá das palabras.

Por certo, para os representantes do COAG (Colexio Oficial de Arquitectos da Galiza) e a ETSAC (Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade de a Corunha) que tanto claman ultimamente pola dignificación da profesión e o seu achegamento á sociedade: mañá é outro día. E as formas de vida patrimoniais de moitos barrios da cidade seguirán necesitando o noso apoio (en forma de argumentos técnicos feitos públicos) unha xornada máis...

No hay comentarios:

Publicar un comentario