18 abr 2012

A Xunta pretende fumigar Galiza con produtos altamente tóxicos para combater a praga do eucalipto

Coa escusa de combater a "praga" do gorgullo do eucalipto (Gonipterus Scutellatus), a consellería de Medio Rural ten intención de comezar fumigacións masivas do insecticida Flufenoxuron, a punto de ser prohibido pola súa toxicidade pola Unión Europea.

A intención de semellante medida non é soamente, como puidese parecer, salvagardar a óptima produción forestal desta especie alóctona, senon tamén a adquisición con diñeiro público do excedente velenoso das multinacionais agroquímicas, pois dentro de escasos meses non o poderán vender no primeiro mundo polo seu alto grao de toxicidade.

Deste xeito o estado pode amosar a súa vasalaxe ao gran capital dunha forma dobre: favorecendo a produción do eucalipto, devorador do noso ecosistema tradicional, para abastecer á contaminante industria da celulosa; e servindo de vertedoiro de tóxicos para a compañía química BASF, que se lucrará co noso diñeiro á vez que se desfai dun stock de difícil saída.

Pero o peor de todo é que as fumigacións aéreas obrigatorias (que en Melide xa están anunciadas de forma oficial: aquí) terán un efecto catastrófico para a biodiversidade autóctona, pois o pesticida flufenoxuron (que aquí usarase baixo a súa denominación comercial "cascade") é un insecticida xeral que afecta a unha grande cantidade de insectos, incorporándose deste xeito á cadea trófica. Concretamente o efecto sobre as abellas, xa de por sí en serio perigo pola actividade humana, podería ter consecuencias devastadoras, pois son as máis importantes polinizadoras e delas depende en boa medida a reproducción de árbores, prantas e flores, incluíndo nelas a produción de alimentos.

Articulo elaborado por C.R. a través de información dos medios da Xunta, de periódicos comerciais e de diversas webs de organizacións ecoloxistas e sindicatos, por exémplo: aquí, aquí e aquí.

No hay comentarios:

Publicar un comentario