11 abr 2012

O ministro de defensa indemniza a súa antiga empresa con 40 millóns de euros por non poder fabricar bombas ilegais

Segundo información aparecida en diversos medios dixitais, o goberno accedeu finalmente a indemnizar a empresa armamentística Instalaza con 40 millóns de euros pola prohibición de fabricar bombas de racimo instaurada polo anterior executivo. A empresa demandara ó estado polos supostos prexuízos ocasionados por unha prohibición que non facía se non aplicar as recomendacións da O.N.U á lexislación española.

Dáse a circunstancia de que Pedro Morenés, o actual ministro de defensa, foi conselleiro da devandita empresa armamentística ata o momento da súa incorporación ao executivo. Malia os intentos por parte de Morenés de negar os últimos anos de vinculación con Instalaza S.A, finalmente non lle quedou máis remedio que recoñecelo, pois o Rexistro Mercantil recolle os datos do seu cesamento en setembro do 2011.

As bombas de racimo son proxectís que, cando están no aire, se subdividen en moitos pequenos explosivos. Cando caen, en forma de chuvia, a maioría deles estalan, pero algúns quedan latentes e funcionan a xeito de minas antipersoa. A partir de febreiro do 2007 o "Proceso de Oslo" promoveu a súa prohibición, que o goberno español fixo efectiva mediante unha moratoria unilateral en xullo do 2008. A empresa Instalaza, único fabricante no estado dos devanditos dispositivos (baixo a denominación de granadas de morteiro MAT-120) demandou entón ao goberno por "dano emerxente" e "lucro cesante". Agora, segundo a información aparecida na web, o que foi directivo da empresa ata a súa chegada ao actual executivo concédelles 40.000.000 das arcas públicas no medio de draconianos axustes presupostarios.

Non é en absoluto sorprendente que un directivo dunha empresa armamentística sexa nomeado ministro de defensa, dada a cada vez máis indisimulada hibridación das empresas co estado. Tampouco é de estrañar que un ex conselleiro delegado favoreza a sua ¿antiga? empresa. Pero que teñan os santos collóns de concederlle unha indemnización multimillonaria a un fabricante de bombas porque as directrices da O.N.U en materias humanitarias non coinciden coas súas xenocidas prácticas empresariais, iso xa roza o terreo do esperpéntico.

Noticia redactada por C.R. a partir de diversa información recollida na web, principalmente de "terceira información" (aquí), aínda que tamén doutros medios dixitais, por exemplo: aquí e aquí.

No hay comentarios:

Publicar un comentario