15 mar 2012

Continúa o acoso policial aos migrantes nas rúas da Coruña

A Asociación Sen Papeis Da Coruña volta denunciar, por medio dun comunicado público, o incremento do acoso da policía local ao colectivo de migrantes adicados á venda ambulante na cidade.
As actividades racistas das unidades policiais dependentes do concello xa motivaron unha concurrida manifestación de repulsa o pasado mes de decembro. Isto aconteceu tras unha brutal detención na que a policía chegou a encañonar inxustificadamente a un senegalés ante os atónitos ollos dos transeúntes do centro da urbe.

As redadas racistas contra os manteiros son unha practica habitual na cidade, espoleadas pola asociación de comerciantes da Rúa Real que, con proliferación de exhabruptos xenófobos nos seus comunicados, achacan á venda ambulante a reducción de beneficios que a crise causou nas súas luxosas tendas.
Desta volta, a Asociación Sen Papeis denuncia que a reapertura dun proceso penal contra a policía polas devanditas prácticas motivou un acoso nas rúas ao denunciante que extendeuse incluso aos domicilios dos migrantes. As presións e ameazas, máis aló dos puntos de venda ambulante, realizáronas axentes tanto uniformados como de paisano.

Máis info do acoso aos migrantes neste blog: aquí e aquí.
C.R.

Colamos a continuación o comunicado ao respecto da Asociación Sen Papeis da Coruña, que nós collemos da súa páxina do facebook:


COMUNICADO DE PRENSA

A ASOCIACIÓN SEN PAPEIS DA CORUÑA AMOSA O SEU TOTAL REXEITAMENTO ANTE OS ABUSOS POLICIAIS

DESDE HAI VARIAS SEMANAS AS FINS DE SEMANA CONSTITÚENSE EN ESCENARIOS PARA O ACOSO DOS COMPAÑEIROS SENEGALESES SE ADICAN Á VENDA NA RÚA REAL. A ASOCIACIÓN TEN INICIADO PROCESOS PENAIS EN CONTRA DESTES E OUTROS FEITOS
Desde a Asociación Sen Papeis levamos meses denunciando ante as distintas Administracións, a Policía Local, os medios de comunicación e a sociedade a situación de acoso e desprotección na que se atopan as persoas adicadas á venda ambulante na cidade da Coruña. Consideramos que non se pode culpar a un colectivo, xa de por si vulnerábel e que só busca a supervivencia, da crise do pequeno comercio e dunha suposta competencia con este. Antes ben, entre outros aspectos, debemos achacar esta situación a un contexto xeral de recesión, crise de modelo comercial, falta de planificación e apoio municipais e a presenza de grandes centros comerciais do consumo controlados por poderosas multinacionais e o gran capital na cidade e na comarca.
A falta de seguimento da normativa, a inutilización dos procedementos de garantía aos intervidos, o emprego de axentes “de paisano” (para actividades para as que non están permitidos), ameazas, detencións ilegais derivadas de infraccións administrativas, subtraccións non documentadas... son prácticas habituais na Policía Local da Coruña fronte a este colectivo. Estas prácticas teñen sido obxecto de denuncia penal nos xulgados correspondentes, feito que ten incrementado o acoso policial nas condicións devanditas, toda vez que a reapertura dun dos procesos penais fixo que o acoso de policías de paisano e uniformados se dirixiran con maior intensidade sobre a persoa que denunciou estes feitos. O acoso ten lugar na rúa, fóra dos puntos de venda, chegando incluso a actuacións ilegais nas vivendas dos compañeiros migrantes.
Por iso, como xa temos feito noutras ocasións, desde a Asociación Sen Papeis da Coruña:
- manifestamos a nosa total repulsa diante destes abusos e actuacións policiais desproporcionadas, algo que faremos todas as veces que faga falta e polos medios que consideremos necesarios;
- esiximos a ruptura da Policía Local con estas prácticas ilegais, e a volta ao emprego de medios e procedementos adecuados á Lei;
- reclamamos do goberno municipal que retome a vía da legalidade e que investigue estas actuacións policiais, e que rache coas políticas de confrontación como medio de solución desta situación, apostando por instrumentos de comunicación, participación cidadá e cooperación.

Sabemos que ningunha persoa é ilegal, e sabemos que ninguén sobra nunha crise!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario