19 sept 2014

[Colombia] Sergio, mozo anarquista de 16 anos, levado á morte pola autoridade e a discriminación sexual

Colamos esta información que nos chegou da man da ANA e que recollemos (e traducimos) da web do anarco sindicato estudiantil Unión Libertaria Estudantil (ULE) do que o Sergio formaba parte:

En 5 de Agosto de 2014 morre Sergio Urrego, un mozo de 16 anos que non resistiu a persecución, discriminación e o rexeitamento por parte das directivas do colexio Gimnasio Castillo Campestre. O rexeitamento debíase a que Sergio levaba unha relación amorosa cunha persoa do seu mesmo sexo. O noso amigo, como acto político, decidiu lanzarse da terraza do Centro Comercial Titán Plaza, falecendo o día seguinte.

Sergio David Urrego Reyes, un estudoso, amigable, bromista e moi maduro pensador; un xuizoso Libertario, excelente amigo, moi solidario e entregado anarquista. Fillo de Alba Reyes e Robert Urrego. Nacido e crecido na cidade de Bogotá (Colombia). Entrou a militar na súa primeira e única organización o 2 de Marzo de 2013: na Unión Libertaria Estudantil, un anarco sindicato que o agrupaba como estudante, e ideoloxicamente. Sergio de inmediato ocupou unha función importante sendo o secretario de tesouraría da U.L.E. debido ao seu fenomenal sentido de organización en todo o que facía.

Dende que ingresou nesta organización informou dos moitos problemas que había no seu colexio Gimnasio Castillo Campestre (e o seu apéndice Gimnasio Castillo del Norte). Informou sobre os sobrecostos; a irregularidade de ter que comprar subministracións ás empresas coas que pactaba o colexio; a falta de profesorado; a discriminación e a persecución que lle facía o colexio aos que expresaban ideas contestatarias e antiautoritarias -resaltando que Sergio era un moi coherente ateo e libertario-; a prohibición e discriminación a expresar calquera mostra de amor se se trataba de persoas do mesmo sexo e a falta de garantías para unha aprendizaxe crítica e construtiva. Todo o anterior grazas á criminalización e o autoritarismo das directivas e á moral odiosa que impregna este colexio a pesar de que o seu proxecto di basearse na formación de valores "nun ambiente físico e psicosocial adecuado para lograr un óptimo desenvolvemento".

Logo de que todas as queixas de Sergio fosen ignoradas por todo o conduto institucional, cara a metade do ano 2014 o colexio estalou en indignación, cólera e hipocrisía cando descubriron que o noso bo amigo Sergio tiña unha relación amorosa co seu compañeiro de colexio Danilo Pinzón fai xa tempo atrás. Ante ese suceso o colexio citou o papá e a mamá do noso compañeiro (que están separad@s dende hai anos) a entrevistarse coas directivas para "tratar ese preocupante problema". A mamá, que estaba nese momento na cidade de Cali, voou inmediatamente ao saber desa situación e, cun atraso de 20 minutos con relación á hora citada e tras a ausencia do pai de Sergio, a señora Amanda Azucena Castillo Cortés, reitora do colexio decide non atender á nai do compañeiro Sergio.

Seguidamente comeza un labor sistemático e organizado por parte da señora reitora e dos seus subaltern@s para desgraciar a vida de Sergio. Discrimínano, maltratan e ameázano repetidas veces con non lle deixar entrar a clase. Ademais do anterior, asígnanlle citas en psicoloxía -tratando os seus sentimentos como un problema-; néganselle os últimos informes académicos -deixamos en claro que estaba a paz e salvo coa pensión, ruta e alimentación, sendo condicións que impón o colexio para a entrega de resultados- e créaselle día tras día unha carga emocional e psicolóxica que é insostible e que lle leva finalmente á morte.

Era un excelente estudante que obtivera uns bos resultados no simulacro da proba de Estado para ingresar á educación superior e que tiña un comportamento incualificable (isto pódese comprobar no libro de seguimento estudantil que leva o colexio). Queda así claro que o colexio non tiña ningunha escusa para estas artimañas mentireiras de persecución, que alimentan no estudiantado o rexeitamento e a criminalización cara ao noso compañeiro polas súas preferencias sexuais.

Non contenta a señora reitora con todo o anterior, fai o mesmo coa parella do noso amigo e coa familia del. Danilo, seguramente polo temor de que a súa familia se decatase das súas preferencias sexuais e tras a ameaza de sancións por este comportamento amoroso, decide acusar legalmente a Sergio de Acoso Sexual. Ademais, o colexio súmase demandando a Alba (mamá de Sergio) de Abandono Familiar e decide pedirlle ao noso compañeiro que abandone a institución.

Alba instaura unha queixa na Secretaría de Educación Departamental o 1 de Xullo de 2014 pedindo aclaracións sobre a violación ao dereito á integridade, á non discriminación, e deixando en claro as negativas e os ataques que sufriu Sergio por parte das autoridades do colexio e que levaron á deterioración da súa integridade. Ao ser este un dereito de petición debe darse resposta dentro dos 15 días hábiles seguintes, non obstante a resposta non foi entregada aínda, máis dun mes despois, demostrando a falta de efectividade e posible corrupción entre o sistema.

As últimas reunións e conversacións da nosa parte con Sergio foron un par de semanas antes de que sucedese a desgracia. El informounos das demandas legais na súa contra e axudámolo en todo canto puidemos dende o momento en que o coñecemos ata case un mes antes da súa morte, data en que o colexio descubriu a súa relación amorosa e que a súa familia lle impediu vernos. Ademais, debido ás súas constantes xaquecas o neurólogo formúlalle Valcote, un medicamento excesivamente forte con efectos secundarios como sedación, somnolencia, tremores, trastornos emocionais, depresión, psicose, formación de hematomas e hemorraxias.

Sergio agredido, espantado, drogado, decide como protesta e último acto político lanzarse dende o centro comercial TITAN PLAZA deixando antes cartas para as persoas máis próximas, e explicitar todo o que pasara co seu compañeiro sentimental, así como evidencias para clarificar a súa inocencia en canto á demanda que lle puxeran. Este foi acto público contra a discriminación, e contra os que se asañaron ata levalo á morte. Cabe resaltar que Sergio non era unha persoa depresiva -segundo os que lle coñecían dende a infancia-, ao contrario xeralmente estaba de bo humor, posiblemente o medicamento que estaba a tomar tamén puido influenciar na súa decisión.

Actuaremos socialmente e denunciaremos ao colexio, o seu representante legal, á señora Amanda Azucena Castillo Cortés e a toda persoa, que se atravese no acto de limpar a memoria de Sergio. Igualmente, denunciaremos ao Centro Comercial Titán Plaza pola ausencia de medidas de seguridade. Facemos responsables tamén á familia de Danilo Pinzón e a el ata que mostren arrepentimento e solidariedade real na acción, á sociedade excluínte, á moral hipócrita, fría, relixiosa e burguesa, e a toda persoa que se asañou contra o noso amigo para levalo á morte.

Actualmente a fiscalía investiga o caso como un posible homicidio culposo e as directivas do colexio Gimnasio Castillo Campestre fixeron asinar un acordo ameazante aos/ás estudantes do curso no que se encontraba Sergio para que non desen información á prensa nin a ningunha organización ou persoa sobre o caso.

Consideramos que todo isto foi un asasinato premeditado, sistemático, e pseudo-legalizado. Pedimos a colaboración e acción de toda a sociedade que sinta a dor que sentiu o noso compañeiro, que sentimos agora as súas amizades, a súa familia e demais persoas que xa se uniron á acción reivindicativa no nome do noso compañeiro. Pedimos tamén a todas as persoas e organizacións xornalísticas, de difusión, de acción LGTBI, ateas, libertarias, de dereitos humanos, estudantís, e demais que defendan a liberdade e a igualdade en calquera sector social, e a quen senta dor ao ver inxustiza, a que organicemos, nos informemos e actuemos a favor de non deixar en impunidade esta morte inducida polo odio, o prexuízo, a discriminación, a intolerancia e a indiferenza.

“… o meu sono o que segue enteiro, e saiban que só morro se vostedes van afrouxando. Porque quen morreu pelexando vive en cada compañeir@…”

¡¡¡Compañeiro e amigo Sergio David Urrego Reyes, loitando lembrarémosche!!!!!!

Unión Libertaria Estudiantil
Anarcosindical


Ler aquí unha interesante e clarificadora entrevista realizada a un/ha compañeiro/a.

No hay comentarios:

Publicar un comentario