25 sept. 2014

A opinión dos anarquistas españois decimonónicos acerca do Estado a través da súa prensa - Ensaio de Joaquín Beltrán Dengra

Joaquín Beltrán, catalán nascido en Cornellá e doctor en Historia Contemporanea e investigador, con varios ensaios publicados sobre o anarquismo catalán, o chamado terrorismo anarquista de finais do XIX e inícios do século XX, o movemento obreiro baixo o franquismo e tamén sobre as relacións históricas entre o Estado español e México durante a Revolución Mexicana, púxose en contacto con nós para perguntarnos se estabamos por publicar este seu ensaio, ao que nós acedimos gostosas, e tras a súa traducción ao galego (co seu consentimento) colamos á íntegra este moi interesante estudo:

Introducción

A labor deste artigo é ilustrar o parecer dos libertarios españois sobre o Estado, a través da súa prensa. Preocupados pola periclitación do seu discurso, concluímos retomálo a través dos seus xornais e examinalo dende a súa posición central: o Estado, para saber se o seu parecer aínda é vixente. E para iso temos en conta a opinión de pensadores postmodernos como Foucault e Deleuze.

Apoiámonos na prensa anarquista de finais do século XIX e principios do século XX sacada do Internationaal Instituut Sociale Geschiedenis de Amsterdam para dilucidar o xuízo dos anarquistas españois, a través da súa prensa, sobre o Estado.

Finalmente, esbozamos o xuízo de pensadores postmodernistas, como Foucault e Deleuze para saber se o discurso antiestadista serve no mundo postmoderno que nos atopamos e que é unha prolongación do discurso anarquista decimonónico.

Crítica dos ácratas españois ao Estado

Para os libertarios españois o Estado tiña un carácter de clase, e non era máis que o aparato armado e administrativo que exercía os intereses da clase social dominante.

O xornal El Rebelde(1) expresábase así:

Contra o que moitos cren aínda, a lei nunca foi necesaria porque non respondeu a unha necesidade sentida por todos, si en cambio por uns cantos que nela viron un arma e ao mesmo tempo un escudo para continuar impunemente despoxando e dilapidando o produto do constante traballo dos que dende un principio se viron xa sometidos ao xugo esclavizador da miseria.
A lei, pois, é o froito da aberración e do crime [...]

O noticiero El Grito del Pueblo(2) expresábase deste xeito ao respecto:

[...] pero esta necesidade non se fai sentir máis que para os que posúen algo, e que teñen necesidade dunha forza para gardar isto -da que se apoderaron- das reclamacións daqueles aos cales desposuíron. Pero o traballador que non ten que gardar nada, pasaríase doadamente sen todo ese boato, sendo el o único en sufragar os gastos da súa conservación, non soamente sen sacar algún proveito, senón que está instituído máis que para aprisionalo se dá sinais de reclamación. Se se declarasen en folga, o exército e a policía están alí para facelos respectar a liberdade do traballo; se despois dunha gran tempada sen traballo rexeitados nos talleres e arrastrados pola fame toman un pan con que saciarse, a Maxistratura está alí para informalo de que no medio de tanta abundancia que o traballador mesmo creou, este ten a liberdade de morrer de fame; pero que ante todo, debe de respectar a propiedade; e cando en tristes días en que a miseria é xeral, e arrastrados pola necesidade saen en masa á rúa, é cando estas institucións sociais, se levantan diante deles para impedir calquera exceso. É preciso, polo tanto, destruílas e gardarse moi ben de voltar a construílas

A Idea Libre(3) asevera o seguinte respecto ao Estado:

Non hai que darlle voltas. A lei é e foi sempre a expresión da vontade fundada na conveniencia dos que mandan. A lóxica vai máis lonxe aínda. Se a lei preceptuou como xusto o que prexudicaba aos sometidos, se estes dominan un día por un esforzo revolucionario lexislan tédeo por seguro acontecerán [...], darán nova forma á iniquidade: nese suposto xa pode lamentarse o provir de futuras vítimas

Ao mesmo tempo, para os ácratas españois, que se expresaban a través dos seus xornais, o Estado era tiranía, opresión; e restrinxe a liberdade humana.

Así se le no Germinal(4):

Ela [a autoridade] é a perturbación da orde, é o sustento da opresión e a tiranía; ela é a que persegue honrados cidadáns que defenden ideas nobres e xenerosas.


En El Productor(5) achamos a seguinte reflexión:

O Estado, representante do principio de autoridade, non pode existir sen que os individuos a el supeditados abdiquen unha parte máis ou menos grande da súa liberdade, e só a cambio desta abdicación promete aquel facernos felices; e neste punto conciben, así o Estado máis absolutista como o máis radical

En La Anarquía(6) tamén se opina o mesmo, dicindo que:

A miña lóxica demóstrame que todo goberno é tiranía, que toda autoridade é un dique que se opón á liberdade

E é que como sostén Aníbal D'Auria (2008: 16) a teoría anarquista da xustiza non é unha versión xusnaturalista senón unha concepción que imposibilita calquera asociación entre dereito e xustiza, xa que para eles a xustiza era ausencia de dereito positivo, é dicir, ausencia do Estado.

Reiterando no dito, José Casasola (7) di que o Estado é represor para cos oprimidos porque oprime o seu espírito de rebeldía impedindo a construción dunha sociedade equitativa.

Este pensador anarquista asegura que o Estado nunca favoreceu o progreso social; antes ben, entorpeceuno grazas aos seus exércitos e corpos de mercenarios para perseguir aos que sustentan ideas xenerosas.

José Casasola repite o que dixemos: que o Estado é a expresión da loita de clases e que está a disposición dos atesourados, dos opresores:

O Estado, fiel depositario e gardados das prerrogativas das clases cuxos intereses representa e defende opúxose, empregando todos os medios de resistencia de que dispón, que como é sabido non son poucos, consistentes en cárceres, presidios, deportacións, etc., e nos tempos que corremos xa sabedes os viles procedementos que os axentes dos gobernos poñen en práctica para fraguar complots e simular explosións de petardos, co fin de ter un pretexto para perseguir e asustar os homes que profesan o ideal que simboliza a emancipación integral da humanidade. [...] Sendo a misión do Estado garantir os intereses das clases directoras, chámense gobernantes ou burguesas, fundados na explotación do pobo, mediante as centenares de leis que rexen a vida social feitas no seu favor, non sería suma candidez esperar de semellante organismo nada que signifique reciprocidade de dereitos e deberes, igualdade ou fusión de clases nunha soa, de homes dignos e libres?

Tamén sinala que o Estado non distribúe xustiza, e que esta só existe nas sociedades que se apoian mutuamente:

Nas sociedades rexidas autoritariamente o equilibrio social, como corolario obrigado dunha orde de cousas que tivese por norma a xustiza, non existiu xamais nin poderá existir, porque lexislación e autoridade encargada de executala, implican necesariamente dominio, é dicir, tiranía, e onde hai dominio hai dominadores e dominados, tiranos e tiranizados, posuidores e desposuídos, e por consecuencia, explotadores e explotados¸ pola contra, onde hai igualdade de condicións non é necesaria ningunha lei que garanta o que virtual e implicitamente pola igualdade mesma queda garantido, a saber: o perfecto dereito ao gozo de todo o que serve para conservar, enaltecer e embelecer a vida en xusta reciprocidade da nosa cooperación para producir o concernente a conservala, enaltecela e embelecela

Aduce que hai os que pensan que o Estado é unha creación divina e que así xustifican o capitalismo:

Hai quen aceptando a priori a existencia dun Deus persoal, separado e á parte do mundo obxectivo, autor e creador de todas as cousas, proclama que o Estado como todo o creado é obra dese Deus, que ser certa tal doutrina, habería que declararse o tirano máis abominable de todos os tiranos, pois que se tería compracido en crear a sabendas, xa que para el nada hai oculto, unha institución que, así nos tempos antigos como nos presentes, foi a causa de todas as hecatombes que ensanguentaron a superficie deste miserable planeta que nos serve de morada. As guerras antigas e modernas entre pobos irmáns, entre homes, que non se inferiron nin a máis pequena ofensa persoal entre semellantes que nin sequera se coñecen, por quen foron fomentadas senón polo Estado para satisfacer bastardas ambicións de dominación, de orgullo e de lucro? […]. E se a estas vítimas sacrificadas directamente polo Estado nas guerras, se agregan as que produce a explotación nas fábricas, nos campos, nas minas e en todo lugar en que o home traballa en condicións detestables para satisfacer a cobiza do capitalismo, amparado e defendido pola legalidade do Estado, a cifra resulta aterradora, e máis se se ten en conta o sumando considerable que achega a miseria

Tamén afirma que hai os que lle dan unha explicación materialista, isto é: que é creación dun estadista para apartar o ser humano do estado natural:

Outros, apartándose desta orixe ultraterrea, supoñen que o Estado é obra dos homes, e nisto si que non equivócanse, só que as súas conclusións están en desacordo coas investigacións da moderna socioloxía. O filósofo Hobbes parte do principio de que a guerra máis encarnizada era o estado natural dos homes primitivos, e que estes, para librarse de semellante praga e poder afianzar a súa seguridade e liberdade persoais que estaban a mercé dos máis astutos e fortes, conviñeron en fundar a sociedade civil, nomeándose directores que dirimisen as súas cuestións lográndose por este medio a paz e prosperidade social. O erro desta teoría estriba en considerar se non está dirixida por alguén que asuma en si a facultade de sinalar cada home a órbita que lle é permitido moverse co fin de non perturbar o movemento dos demais, teoría que se opón aos nosos días á concepción anarquista dunha sociedade sen goberno

Resumindo, para José Casasola nun primeiro momento, e nas sociedades primitivas, non existía Estado: este xurdiu xunto coa opresión cando finalizou a etapa en que imperaba o apoio mutuo:

Nesta remota época prehistórica os homes estaban agrupados en familias que formaron tribos e sucesivamente en grupos de tribos que practicaban o traballo en común, participando todos por igual dos seus beneficios; pero este relativo benestar que abondaba a satisfacer as rudimentarias necesidades, aínda non moi desenvolvidas, do home da idade de bronce, non tardou en verse trastornado polas acometidas invasións doutras tribos lacazanas que entregadas á ruda tarefa da caza e carecendo de hábitos de traballo, caeron sobre as tribos de traballadores de vida sedentaria e pacífica e sometéronos a escravitude, obrigándoos a traballar para eles. Para consolidar semellante estado de violencia e rapina e co fin de vixiar constantemente os sometidos, nomeáronse xefes e bandas de mercenarios que vivían á conta dos traballadores, e cantas veces eran sometidos, poñendo en práctica os medios máis atroces que lles suxería a súa máis refinada crueldade.

Velaquí a primeira aparición do Estado, personificado naqueles brutais dominadores que fuxindo do traballo botaron os alicerces dunha institución que chegou aos nosos brutais días máis ou menos modificada e perfeccionada en razón do progreso dos tempos no que afecta á forma, pero conservando no fondo o carácter orixinario de opresión e tiranía que fixo posible a súa existencia

Finaliza coa argumentación de que na actualidade o Estado bendice a sociedade desigual e opresora:

Aínda podería obxectársenos que o estado moderno se funda na lei igual para todos feita polos representantes do pobo en virtude do sufraxio universal; pero xa sabemos que eses representantes do pobo o son por virtude do pucherazo electoral, e que na súa gran maioría se compoñen de privilexiados e aventureiros que teñen especial coidado de facer as leis en todo rigor, sempre que esas leis teñan por obxecto recoñecer e defender o principio de autoridade e a propiedade privada da terra e dos instrumentos de traballo, serán inxustas, como baseándose na usurpación de funcións políticas e económicas que non poden delegarse sopena de quedar desposuído dos que constitúe o complemento da nosa personalidade.

E é que como sostén Francis Dupuis-Deri (2007: 19) a coerción é sinónima de violencia, e toda a autoridade é coercitiva.

Anselmo Lorenzo (8) di que o Estado é autoritario e que non se extrae nada bo del:

A preocupación autoritaria, a acción do poder: aí radica a orixe do mal que todos lamentamos, burgueses e traballadores, nós con farto máis motivo, e preciso é arrancar de raíz esa funesta preocupación político-autoritaria que leva a todo o que non é anarquista a pedir a ese mesmo Estado, a ese mesmo poder, que o olmo dea peras, ou o que é o mesmo, que causas malas dean resultados bos

Para este anarquista, é necesario destruír o Estado e todo órgano político:

Estado monárquico, Estado republicano, Estado burgués obreiro, todo é o mesmo; en todas e en cada unha desas formas autoritarias encárnase o despotismo de arriba e a escravitude de abaixo, e polo tanto é preciso saír da evolución que segundo as teorías oportunistas vaia preparando reformas paulatinas que consuman xeracións na opresión e a miseria, senón no período plenamente revolucionario; pero para isto preciso é destruír o Estado e todo o organismo político

E é que como di Aníbal D'Auria (2008: 16 e 18) o anarquismo ataca o Estado porque a súa idea de xustiza é oposto a todo dereito positivo. E que para os ácratas o dereito ou o Estado é coacción física, superstición e violencia.

Recapitulamos cos argumentos de Ricardo Mella (9) cando pensa que:

A tiranía do Estado sempre produciu os mesmos lamentables efectos, traducíndose nunha encadenación infinita de despoxos arbitrarios e onerosidades abominables. -Os homes e as clases que dan vida e que viven da monopolización do Estado, exercen sen escrúpulos de conciencia todo xénero de inxustizas legais, sancionando e promulgando caprichosamente leis, códigos e constitucións que fagan posible as súas felonías e desaforos. Vinculada neles toda a forza do poder social pola acción centralizadora do Estado, de cuxos magnos resortes dispoñen a pracer as clases directoras, todo lles é posible aos de arriba en prexuízo evidente dos de abaixo. - Por iso, precisamente por iso, xamais o Estado contribuirá co seu poder e omnipotencia a producir a emancipación dos desherdados.
[...] O Estado é a sociedade organizada oficialmente para defender os intereses dos grandes propietarios e fomentar por medio da forza o influxo e poderío dos potentados e nobres: é unha forza formidable. Realmente o Estado é un poder avasalador e despótico que infunde medo, e o que infunde pavor, o que aniquila e aterra, claro está que debe ser nocivo para a saúde social. Isto é indubidable
[...] Malo que malia os demócratas mediocres, a acción disolvente que o Estado exerce sobre a sociedade, xamais se trocará en acción benéfica; como non procuren os pobos a súa derrogación definitiva, sempre serán escravos xa que ata o presente momento histórico, a forza do poder social organizado, só ten tendido a secularizar o poderío e prepotencia das clases elevadas, a cuxo servizo están adscritas con rendido servilismo os que explotan a gobernación das nacións. Por algo dixo a sabedoría moderna que a medida que decrece o poder avasalador do Estado, aumenta a felicidade dos pobos e que o súmmum da liberdade e prosperidade da raza humana, chegará, precisa e indefectiblemente, cando o poder do Estado sexa reducido ao que en toda operación matemática, representa un cero á esquerda
[...] porque o Estado non significa outra cousa que o soporte formidable en que se apoian os privilexiados para eternizar o odioso imperio da súa dominación inexplicable, o mortífero cerco de ferro en que a explotación ten constantemente asediados os augustos fillos do traballo
[...] Procurar a derrogación do Estado polos incorrixibles defectos de que adoece, xa que só criadeiro de infamias e atropelos supón, é traballar en pro da xustiza, en afanarse nobremente en levantar, con sas enervaciones, o abatido espírito dos homes para que se purifiquen e rexeneren combatendo pola causa augusta da súa emancipación
[...] El Estado autoritario ten vido sendo ata o día o compracente patrocinador de todo despoxo, forza será que a partir deste momento deixe o seu posto ao socialismo para que este estado novísimo, moralizador e liberador coa súa xustiza incorruptible e moralizadora poña fin á era azarosa e arbitraria do autoritarismo absorbente que tantas inxustizas, despoxos, aleivosías e bandolerismos perpetrou en ben e para saciar a omnímoda avaricia e bandoleirismo perpetrou en ben e para saciar a omnímoda avaricia das clases dominadoras

Outra mirada do Estado para ver a opresión do poder actual na sociedade postmoderna

Foucault, interesado nunha reconceptualización do poder que supere a súa concepción xurídico-negativa e que intente a súa formulación positiva como tecnoloxía do poder que encarna a sociedade occidental contemporánea xulga que este se desenvolveu a partir da disciplina e a educación como tecnoloxías que están dirixidas ao control dos individuos e do achado do concepto de poboación como tecnoloxía orientada ao control colectivo e social.

A disciplina, entendida como o mecanismo do poder polo cal alcanzamos a controlar, no corpo social, ata os elementos máis tenues dos átomos sociais, ou sexa, os individuos, estes se os vixiamos controlamos a súa conduta, o seu comportamento, as súas aptitudes, encontramos a concreción na praxe dunha educación disciplinada nas notas cuantitativas, os exames, os concursos, etc. (Ferrer, 1985: 31).

Por último, este pensador entende que na tecnoloxía de poboacións, a sociedade disciplinaria complétase nunha didáctica na que o poder non se exerce simplemente sobre os individuos entendidos como suxeitos-súbditos, senón que se descobre naquilo sobre o que se exerce o poder, o cal quere dicir un grupo de seres vivos que son atravesados, comandados, rexidos por procesos biolóxicos (Ferrer, 1985: 32).

Desta forma, o poder faise materialista, deixa de ser esencialmente xurídico, e agora debe lidar con esas cousas reais que son o corpo e a vida.

Deleuze, articula a súa reflexión ao constatar que estamos nunha crise xeneralizada de todos os lugares de encerro: prisión, hospital, fábrica, escola, familia (Ferrer, 1985: 18, t. II). E que da linguaxe analóxica que lles é común pasamos, nas sociedades de control, a unha linguaxe numérica.

Este pensador, tamén caracteriza ás novas sociedades de control como o lugar onde, a diferenza das sociedades disciplinarias, nunca remata nada. E que nas sociedades de control, a dominación é un contínuum que corresponde a unha mutación fundamental do capitalismo contemporáneo actual

Conclusións

Pensamos que o Estado, para os anarquistas decimonónicos, é autoridade, forza, despregamento ostentoso e fachendoso do poder: é o violador legal da vontade dos de abaixo e a negación permanente de toda liberdade.

Como indagación superficial da sociedade presente, que é postmoderna, hai que dicir que, segundo Foucault e Deleuze, o Estado non se pode analizar fóra da microfísica do poder. E que este, exercido polo Estado, é un efecto de conxunto onde xoga un papel importante as relacións de poder, pois o Estado non é unha fonte autónoma de poder, xa que está en todas as partes: é unha rede de relacións de poder.

Bibliografía citada

D’AURIA, A., (2008) “Ciencia del derecho y crítica del Estado: Kelsen y los anarquistas” en Academia. Revista de enseñanza del Derecho, Año 6, número 12, pp. 9-21

DUPIS_DERI, F., (2007) L’anarchies dans la philosophie politique. Réflexions anarchists sur la typologie traditionnelle des régimes politiques, Québec

Ferrer, Ch (compilador), (1985) El lenguaje libertario, Montevideo, Piedra Libre, II t.

Notas:
1 1908, número 21
2 1886, número 1
3 1894-9, número 25
4 1904, número 8
5 1887, número 24
6 1890, número 226
7 Almanaque de la revista Blanca para 1903
8 Almanaque de la revista Blanca para 1903
9 Almanaque de la revista Blanca para 1903

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada