5 ago 2014

Masacre proletario en Palestina x "Proletarios Internacionalistas"

Colamos e traducimos da súa web

Baixo a mirada aflixida de millóns de espectadores, convencidos da súa imposibilidade de facer algo máis que participar nalgunha concentración ou procesión pacífica, o Estado de Israel volve bombardear a franxa de Gaza baixo a cobertura do antiterrorismo. As bágoas de crocodilo das principais potencias capitalistas non esconden a súa satisfacción por ter en Oriente Medio un tentáculo como o do Estado Israelí, auténtico brazo armado do capitalismo mundial para manter en orde na rexión. O proletariado que vive en Gaza, Cisxordania ou Líbano coñece no seu pelexo esta realidade.

Políticos, xornalistas, oenegueiros, sindicalistas, tertulianos e todo tipo de pallasos do espectáculo, dannos toda un gama de explicacións e solucións que encerran o conflito en oriente medio dentro das marxes burguesas. Limítanse a crear unha demarcación entre os que defenden os palestinos e os que defenden os israelís, aliñando a todo quisqui detrás das bandeiras fedorentas de cada Estado nacional. Para iso constrúen toda unha fábula grotesca que encobre a verdadeira realidade social. Mesturan os intereses do Estado palestino cos do proletariado que vive nesa terra, amalgaman a loita despregada polos proletarios con Hamas, poñen nun mesmo saco o mozo que tira pedras e os grandes comerciantes ou banqueiros palestinos, asimilan ao proletario que vive en Israel e loita contra "a súa propia" burguesía (desertando, obxectando...) coa súa brutal negación no cidadán que vive en complicidade co Estado. Eliminan desta forma toda a confrontación de clases, toda división social entre explotada e explotadora, fomentando o mito do enfrontamento entre países.

Sen romper e desenmascarar todo este arsenal ideolóxico que enturba a realidade, estaremos atados de pés e mans imposibilitados para asumir a loita contra o masacre en Oriente medio como parte indisociable da loita contra a ditadura do capital. É imprescindible afirmar abertamente que ese masacre é antes que nada unha expresión máis do terrorismo que o capitalismo desprega en todo o mundo contra a nosa clase, contra as nosas vidas. Que as que caen baixo as bombas, baixo as metralletas, baixo o terror capitalista son, en primeiro lugar, os nenos, homes e mulleres que foron condenados nesa rexión do mundo a ser carne de canón, a ser poboación superflua potencialmente perigosa e que debe ser exterminada de forma cotiá. Todos os Estados do mundo participan dun ou outro xeito nesta matanza. Os Estados occidentais, co de Israel á cabeza, masacrando; Hamas, a autoridade nacional palestina e demais organismos do Estado palestino, xunto cos Estados propalestinos, impedindo a estruturación en forza autónoma desa masa de subversión, encadrándoa e dirixíndoa ao matadoiro en actos suicidas, desarmándoa, pacificándoa, reprimíndoa e apresando os irredutibles.

Os grupos e militantes revolucionarios de todo o mundo estamos obrigados a subliñar e discutir como propia a loita do proletariado en Palestina, os seus intentos de proxectarse en forza autónoma, así como a represión que sofre. Destacar a tentativa de autonomía que en numerosas ocasións trazou a loita, enfrontándose a todos os Estados. Insistir en que a esencia da loita do proletariado en Palestina é a mesma que no norte de África, que en Grecia, que nos suburbios franceses, que en China, que en Iraq, que en Oaxaca, que en Haití, que en todos os lugares onde o proletariado se ergue: a contraposición entre as necesidades humanas e as da economía capitalista. Estamos obrigados a denunciar e a enfrontarnos a todos os aparatos do Estado palestino ou israelí, a todos os que son parte do organismo mundial do capital que nos masacra, que nos arrastra por falsos camiños, a todos os seus lacaios polo mundo, a todos os seus voceiros e propagandistas. E ante todo estamos obrigados a loitar aquí e agora, contra "o noso propio" Estado, contra "o noso propio" país.

NON SOMOS NIN XUDEUS, NIN ISRAELÍS, NIN PALESTINOS SOMOS O PROLETARIADO!
CONTRA A PATRIA. CONTRA TODA UNIDADE NACIONAL. CONTRA O TERROR BURGUÉS.
LOITEMOS NO "NOSO PROPIO" PAÍS CONTRA "NOSO PROPIO" ESTADO.

Proletarios Internacionalistas


No hay comentarios:

Publicar un comentario