8 ago. 2014

[Cambre] Stop Desafiuzamentos A Coruña denuncia acoso do Banco Santander a unha viciña.

Reproducimos Nota de Prensa enviada por Stop Desafiuzamentos:

Na mañá de onte (7 de xullo) unhas corenta persoas desprazámonos á sucursal que o Banco Santander ten en Cambre para denunciar a presión á que están a someter a Sandra. Esta compañeira, que ten unha filla menor ao seu cargo, está a ser acosada telefonicamente polos "traballadores" desta sucursal ao non poder facer fronte a unha mensualidade da súa hipoteca debido a non ter traballo e vir de se lle rematar a prestación por desemprego, situación que ela mesma xa lle comunicara por escrito varias veces ao banco sen recibir resposta oficial algunha por parte da entidade.

Por desgraza, este caso non é a excepción, senón a norma. Tódalas semanas acoden ás nosas reunións persoas afectadas explicando a dor que lles supón recibir chamadas tódolos días por parte dunha axencia externa de cobro de "morosos", contratada polas entidades financeiras, sen respectar ningún tipo de horarios nin día da semana.

Nestas chamadas teñen que aturar todo tipo de intimidacións e mentiras que non teñen outra finalidade que a de atemorizarlles, sendo unha das estrataxemas máis comúns a de ameazar ás nais e pais de familia con perder a custodia das súas fillas/os. No colmo do despropósito e o maltrato psicolóxico, nestas chamadas intimidatorias adoitan instar a estas persoas -nunha situación de grande vulnerabilidade- a deixar de pagar recibos básicos como a luz, a auga ou o teléfono, a vender o pouco que teñan -como televisores ou o vehículo-, e mesmo a que “aforren” na alimentación, para darllo todo ao banco.

Desde STOP Desafiuzamentos A Coruña consideramos que este tipo de accións, aparte de ser ilegais, son criminais, xa que a inmensa maioría das persoas que se suicidaron por causa dos desafiuzamentos tiveron que soportar decenas destas chamadas por parte duns canallas que están dispostos a todo para conseguir os seus mezquinos fins.

Sabemos que dende a oficina do Banco Santander en Cambre estase a ordenar este tipo de acosos contra as persoas que se atopan nunha situación económica delicada, polo que ata que non cesen estas presións na súa totalidade -tanto coa nosa compañeira Sandra coma co resto de persoas afectadas- levaremos adiante todo tipo de protestas nesta sucursal.

Diante deste ataque por parte do Banco Santander solicitamos tamén o apoio tanto da cidadanía coma das/os clientes desta entidade, xa que se permitimos este tipo de ameazas nunca cesará a ondada de suicidios que se están a producir por mor deste mal trato psicolóxico dende que estoupou a crise.

Hai que lembrar que, inda que xa case non saian nas noticias, os suicidios seguen a ser dramaticamente habituais, coma no caso do noso compañeiro Gustavo, activista de Stop Desahucios Granada, quen non puido soportar máis a súa durísima situación e quitouse a vida o pasado 25 de Xullo. Estes terríbeis desenlaces non son suicidios, son asasinatos.

Moitas grazas pola vosa atención
STOP Desafiuzamentos A Coruña.

Neste enlace podedes acceder á galería de imaxens da acción: . (o emprego das imaxes é libre citando STOP Desafiuzamentos A Coruña como autoría).

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada