18 jul 2014

Veciñas Okupas

Colamos este artigo (traducido) da web "Oficina de Vivienda" do Colectivo de Apoio Mutuo para defender o direito á vivenda digna para todas de Madrid, onde fai unha proclama pola okupación dende unha analise actual (con referentes históricos) das bondades desta para o conxunto da sociedade e das mudanzas nas peculiaridades das okupas. O artigo foinos enviado por ANA e se ben fai referencias a Madrid, a analise é extrapolable a calqueira lugar do estado (e mesmo do mundo):

Durante os anos da burbulla inmobiliaria, a vivenda converteuse nunha excelente mercadoría coa que especular. Abondaba con dar unha volta por calquera barrio para ver aparecer novos edificios todas as semanas, nunha manobra de enriquecemento duns poucos que parecía non ter fin. Madrid era unha cidade tomada polas grúas, o formigón e o ladrillo. Non obstante, nalgún momento, alguén decidiu levarse a festa a outra parte e a burbulla estoupou. O resultado foi un espectacular aumento do paro, centos de miles de familias atrapadas en hipotecas trampa e tres millóns e medio de vivendas baleiras no estado. Hoxe, seis anos despois do estalido oficial da burbulla, as consecuencias daquela estafa son máis claras que nunca: cada día prodúcense case douscentos desafiuzamentos e a vivenda converteuse nun luxo inaccesible.

Neste contexto, a okupación de vivendas é unha práctica cada vez máis estendida. Aínda que non é un fenómeno novo -sempre existiu xente que soubo arranxarse moi ben con isto da vivenda-, a crise social en que vivimos fixo que recorran a ela moitas persoas que ata agora non o tiñan en mente. O perfil do ocupa xa non é esa imaxe estereotipada que algúns seguen tendo na cabeza: hai tantas okupacións como okupas e motivos para facelo. En realidade, calquera motivación é válida, dende a de familias que non teñen outro lugar para vivir ou que foron desafiuzadas á das persoas que o fan como unha opción política. Abrir unha casa baleira para habitala non só permite que a persoa que o fai poida encontrar un lugar onde residir, senón que tamén ten beneficios para o resto de veciñas. As vivendas baleiras producen unha gran cantidade de problemas, tanto para o edificio coma para o resto da sociedade. Cando non están habitados, é moito máis probable que os pisos teñan problemas de humidade e salubridade que cando teñen habitantes, xa que non hai ninguén que se preocupe do seu mantemento. Ademais, nos casos nos que os bancos son os donos das vivendas -por exemplo, porque se produciu unha execución hipotecaria- estes néganse a pagar os recibos da comunidade, facendo que estas se arruínen e se vexan obrigadas a cortar servizos esenciais. En cambio, a maioría das persoas que okupan unha vivenda fan o posible por contribuír a estes gastos, xa que tamén necesitan eses servizos e comprenden a situación da comunidade. Pero ademais, a okupación tamén ten beneficios para o conxunto da sociedade. A existencia de vivendas baleiras que permanecen pechadas mantén elevados os prezos dos alugueres e as hipotecas, xa que todas esas vivendas non saen ao mercado. En cambio, cando existe un movemento forte de okupación, os propietarios de pisos vense obrigados a baixar os prezos, xa que doutra forma non poden alugalos.

Así, as persoas que optan pola okupación non só rompen co círculo que lles obriga a pagar prezos enormemente elevados para ter unha vivenda, senón que tamén contribúen a loitar contra un sistema cruel e inxusto. De feito, esta foi sempre unha das principais motivacións da okupación, que é unha ferramenta fundamental de loita contra un sistema económico que ten na propiedade privada a súa base fundamental. As persoas que okupan, sexan cuales sexan as razóns polas que o fan, están a atacar dous dos piares que sustentan o capitalismo: a propiedade privada e o sistema lexislativo. Temos internalizado a dominación ata tal punto que nos parece admisible que alguén que non posúa ningunha vivenda teña que pagar unha cantidade de diñeiro ao mes -un aluguer- a outro que ten varias, cando o lóxico sería que esas desigualdades non puidesen existir ou que, polo menos, as persoas que tiveran máis non puidesen explotar impunemente ao resto ata o límite de obrigalas a vivir na rúa. Ao okupar, estamos a cuestionar un sistema cruel, inxusto e ilexítimo que permite que existan casas baleiras mentres hai xente que carece delas. Por iso, a okupación non é só a resposta a unha situación concreta de necesidade, senón tamén unha elección política. Manter unha vivenda baleira excluíndo outra xente do seu uso polo simple feito de ter un papel de propiedade non é lexítimo nin respectable. Sempre estaremos do lado do que loita contra un sistema que permite que existan cinco millóns de vivendas baleiras e centos de miles de persoas sen casa. En tanto que ataca a un sistema inxusto e se nega a obedecer as leis que o protexen, toda okupación é un acto político.

A pesar dos falsos mitos que interesou difundir, as persoas que okupan unha vivenda non son diferentes do resto de veciñas. De feito, é moi posible que algunhas das túas veciñas sexan ocupas e nin sequera te decatases, dende a familia con dous nenos do segundo á rapaza con pinta de universitaria do terceiro ou a parella con can do quinto. O exemplo máis recente é o caso de Jorge, pai dunha familia de tres fillos que habitaba unha vivenda no distrito de Usera ata que foi desafiuzado polo banco propietario do inmoble. Ao contrario do que algunha xente cree, as vivendas recuperadas non son focos de problemas ou sucidade: as persoas que as habitan cóidanas porque son os seus fogares, e ademais, para mantelas o maior tempo posible é imprescindible ter boas relacións coas veciñas. Por iso, as persoas que okupan unha vivenda tratan de molestar menos aínda que o resto. Ademais, de todos os xeitos, se xorden dificultades de convivencia pódense resolver entre as veciñas, como se fai en calquera outro caso. O único que diferencia ás persoas que okupan das demais é que comprenderon que as inxustizas non se van resolver por si soas, senón que hai que poñerse mans á obra. Que as súas vidas están nas súas mans e que non van esperar a que ninguén decida por elas. Que van tomar as casas baleiras e as van encher de vida.

No hay comentarios:

Publicar un comentario