Colo a continuación un interesante texto recollido de Tokata para difundir os actuais datos referidos aos cárceres no estado español.
1. Taxa carceraria.
España presenta unha taxa de poboación penitenciaria de 161 presos por cada 100.000 habitantes, encontrándose por enriba da media dos 27 Estados que compoñen a Unión Europea (136,8), e sendo só superada por 7 países (Hungría, Eslovaquia, República Checa, Polonia, Lituania, Estonia e Letonia). A considerable distancia, por outra parte, doutros Estados máis próximos ao noso ámbito cultural (Alemaña, con 89,3, Francia, con 103,1, Portugal, con 104,4, ou Italia, con 106,6). Ademais, España presenta a maior taxa da Unión Europea de mulleres reclusas (7% do total de presos, fronte a 3,5% en Francia ou 4,3% en Italia), e encóntrase 12,6 puntos por enriba da media europea (22%), cun 34,69% de internos non nacionais. Por tipoloxías delituosas, o 42% dos reclusos están por delitos patrimoniais (fundamentalmente, furtos, roubos, roubo e furto de uso de vehículos e outros), o 34% por delitos contra a saúde pública (tráfico de drogas), e o 24% restante por outros delitos, entre os que destacan maioritariamente os delitos contra a liberdade sexual, as lesións e os homicidios, polo que parece evidente que as decisións político-criminais concentran os seus esforzos de punición en certos tipos de delincuencia clásica.
Pero non só o número de persoas presas é alto. O tempo medio que estas persoas pasan en prisión, fronte ás afirmacións propagandísticas de que a duración da prisión é excesivamente benigna, é moito maior que no resto de países europeos. A taxa media de estanza en prisión en España é de 16,9 meses. Moi por enriba dos 8,5 meses en Alemaña ou os 6,7 meses en Bélxica e sendo só superada por Portugal e Romanía. É dicir unha persoa que ingresa en prisión en España farao probablemente, como media, o dobre de tempo que en Alemaña.
Con esta gran masa de persoas encarceradas, España encóntrase, ademais, nos niveis máis altos de Europa de ocupación de prisións segundo a capacidade teórica, só superada por Chipre e Italia. Así, se a media se sitúa en 106,1%, España ten unha taxa de ocupación de 141,1%.
Polo que se refire á mortalidade nos centros penitenciarios, ocupamos o terceiro posto cunha taxa de 45,1 internos falecidos por cada 10.000 presos, só superada por Eslovenia e Portugal.
Finalmente, dende a perspectiva do custo económico, España encóntrase entre os países que menos gasta por preso (51,85 euros por día), fronte aos 94,4 euros de Alemaña, 209,89 euros de Dinamarca, 203,93 euros de Holanda, 121,25 euros de Italia ou 253 euros de Irlanda.
2. Taxa de delitos
As anteriores cifras non poden encontrar xustificación en que no Estado español se cometan máis delitos. Non é rigoroso afirmar que exista un problema de seguridade cidadá ou un número de delitos superiores á media dos Estados da Unión Europea.
Os datos reflicten o contrario, con taxas de delincuencia inferiores á doutros grandes países da Unión Europea. Así, a taxa total de delitos por cada 100.000 habitantes é de 7603 en Alemaña, 5795 en Francia, 10368 en Finlandia, 7247 en Austria ou 9156 no Reino Unido, fronte aos 5110 en España. Por outra parte, os estudos de victimización, que teñen por obxecto o achado de información fiable fronte aos déficits que presentan as estatísticas do Ministerio de Interior, revelan que entre 1989 e 2008 se produce unha tendencia descendente para practicamente todas as categorías de delitos no Estado español. Por contrapartida, dáse o paradoxo dun incremento acelerado da poboación penitenciara.
Todos os estudos criminolóxicos mostran como o aumento de persoas encarceradas non garda relación co incremento da criminalidade, senón coa política penal. É falaz, por outra parte, a afirmación de que cando se aumentan as penas se estea a dar resposta a un problema non resolto.
Ese problema, en moitas ocasións non existía, e son os medios de comunicación repetindo afirmacións de responsables políticos os que transmiten unha falsa sensación de perigo e de impunidade. De feito, os estudos de victimización poñen de relevo que, malia que existe unha tendencia descendente da criminalidade, máis do 88% dos enquisados cre que a delincuencia aumentou moito ou bastante, o que reforza a idea de que a visión distorsionada do aumento da delincuencia se debe máis á información recibida polos medios de comunicación que á experiencia persoal vivida. Por outra parte, as estatísticas tamén demostran que o aumento das penas de prisión non determina unha redución dos feitos delituosos. Exemplo paradigmático son os Estados Unidos de América cunha taxa de presos de 743 por 100.000 habitantes, fronte á media europea de 136, cun índice de delitos notablemente superior. Non se pretende, polo tanto, protexer a cidadanía, senón instrumentalizar simbólicamente o destino de persoas que cometeron un feito delituoso.
Fontes: Os datos estatísticos sobre a situación penitenciaria e enquisas de victimización extráense da publicación "Realidade e política penitenciarias" do Observatorio da Delincuencia (http://www.oda.uma.es/). Os datos estatísticos sobre as taxas de criminalidade, do European Sourcebook of Crime and Criminal Justice Statistics-2010 (http://europeansourcebook.org/).
[A.r.a. responsable de colar o texto]
No hay comentarios:
Publicar un comentario