10 jun 2014

[Canarias] Clamor popular contra o proxecto de Repsol nas rúas de todas as illas (Vídeo de Las Palmas de GC)

Recollemos información de Canarias Semanal:

Cun auténtico clamor popular contra as prospeccións que Repsol pretende realizar en augas próximas a Lanzarote e Fuerteventura saldouse a convocatoria realizada en toda Canarias por organizacións ecoloxistas e sociais do Arquipélago, o pasado sábado 7 de xuño.


A contabilización do número total de manifestantes oscila de xeito substancial entre os datos achegados polo Goberno central, que impulsa o proxecto extractivo da multinacional, e os ofrecidos polos convocantes. Segundo a delegación do Goberno en Canarias, a participación total ascendeu a 47.370 persoas. Os convocantes elevan esta cifra ata as 204.300.

Con independencia da inevitable guerra de cifras, o carácter masivo da resposta cidadá quedou plasmado nos rexistros gráficos das diferentes marchas que percorreron as rúas de todas as illas.

As marchas máis multitudinarias tiveron lugar en Las Palmas de G.C. e Sta. Cruz de Tenerife. Segundo as organizacións organizadoras da xornada de protesta, en cada unha das dúas capitais de provincia acudiron á marcha ao redor de 80.000 persoas, mentres que a Delegación do Goberno rebaixou esta cantidade ata os 12.000 e os 16.000 manifestantes, respectivamente.

No resto das illas, os convocantes calcularon unha participación de 12.000 persoas en Fuerteventura, 13.000 en Lanzarote, 1.500 en La Palma, 600 en La Gomera, 200 en El Hierro e ao redor de 150 en La Graciosa. Os actos de protesta producíronse tamén en Baleares, Andalucía, Barcelona, Madrid ou Bilbo e mesmo fóra do Estado español, con concentracións en Berlín e Nova York.

En Las Palmas de G.C., a manifestación partiu do Parque de San Telmo e transcorreu ata a Praza da Feira, nun percorrido que resultou ser excesivamente curto para o elevado número de persoas que secundaron a marcha. Durante o transcurso desta, os manifestantes corearon consignas como "Soria, escoita, Canarias está na loita" ou "A ver se te enteiras, non queremos petroleiras".

Fronte á delegación do Goberno, e tras a lectura dun manifesto, a manifestación concluíu coa actuación do verseador Yeray Rodríguez, que arrancou os aplausos da multitude cunha composición de denuncia contra o proxecto de Repsol impulsado polo Executivo central.

No hay comentarios:

Publicar un comentario