12 jun 2014

[A Corunha] Hoxe 12 ás 20:00' en Catro camiños: Concentración [campaña internacional] SE NÂO TIVER DEREITOS, NÂO VAI TER COPA

Colamos Nota de Prensa recibida na nosa caixa de correos e adxuntamos este video realizado nos EEUU (país onde o futebol non é rei, nen sequer príncipe) onde, con un toque de "humor" aderezado con "muita realidade" (que se quere agochar ou se prefire iñorar por estes lares) ven a por no ponto de mira a estrutura fascista da FIFA e sobre a Copa do Mundo (Dura algo máis de 13 minutos pero se pasan nun "plísplás" e é moi esclarecedor para quen ainda non entendeu ou non quere entender):


Dita concentración terá lugar na simbólica fonte de Catro Camiños da Coruña, co obxectivo de amosar a nosa solidariedade co pobo brasileiro, fortemente reprimido nas últimas semanas por denunciar nas rúas o impresionante desvío de fondos económicos do Goberno brasileiro para financiar a Copa Mundial da Fifa.

Deste xeito, dende a Galiza o MLP incorpórase á campaña “Se não tiver direitos, Não vai ter Copa”, promovida pola sociedade civil brasileira dende finais do mes de xaneiro (1) e, a día de hoxe, articulada xa a nivel mundial.

Como sinalan, “Os protestos convocados não são, em sua essência, contra a realização em si da Copa. Esta não é a reivindicação central. O ponto fundamental das manifestações são as violações a direitos causadas pelos eventos esportivos, que são muitas, inúmeras, e gravíssimas”.

Algúns datos do despilfarro

Os gastos estimados para esta Copa do Mundo ascenden xa a arredor de 11.000 millóns de dólares , incluíndo as inversións na remodelación e construción de novos estadios que, en boa parte, non voltarán ser usados despois da Copa e que levan consigo mortes debido á falta de seguridade e de condicións laborais mínimas .

Mentres, o pobo brasileiro reclama melloras en servizos básicos coma sanidade, ensino, transporte público e vivenda, así como o respeto dos dereitos humanos máis elementais. As mobilizacións sucédense dende hai máis dun ano, sendo duramente reprimidas polo Goberno brasileiro a través da Policía e o Exército.

Mobilizacións e represión

Durante a final da pasada Copa de Confederacións, os propios xogadores das seleccións española e brasileira notaron os efectos dos gases lacrimóxenos lanzados pola Policía no exterior do estadio. Ése é o clima no que ten que vivir o pobo brasileiro dende que comezaron os preparativos para a cadea de megaeventos que están a ter lugar no Brasil nestes anos (Xornada Mundial da Xuventude, Copa Confederacións, Copa Mundial, Xogos Olímpicos...).

Dende que comezaron as mobilizacións Passe Livre polo transporte público (Xuño 2013), as máis potentes dos últimos 20 anos en Brasil , non deixaron de sucederse as protestas pola mellora das condicións de vida da poboación e en contra da corrupción política e o gasto de cartos públicos alleo ás verdadeiras necesidades das persoas.

A reacción do Goberno foi aumentar o gasto e número de efectivos policiais e militares para reprimir esta vaga de mobilizacións, co resultado de centenares de persoas feridas e detidas, ó que hai que engadir mortes coma a de Emanoel, un xove de 17 anos arrollado por un vehículo blindado . É de resaltar que a Policía brasileira é a responsable de aproximadamente 2000 mortes cada ano.

Aínda máis dura é a situación nas favelas, únicos espazos nos que a poboación máis pobre e vulnerable atopa refuxio. Os desaloxos forzosos, integrados nunha política xeral de lavado de cara, supoñen a perda de vivenda para arredor de 170.000 persoas en todo o país e a violenta e constante presenza policial e militar. Mortes como a de Douglas Pereira ou a de Amarildo de Souza evidencian a política criminal do Goberno brasileiro.

Racismo e machismo no Brasil do Mundial

Outro dos motivos que nos levan a solidarizarnos co pobo brasileiro é o trasfondo profundamente racista e machista que se agocha detrás do Mundial e da actuación institucional.

Por un lado, a represión nas favelas ten un compoñente de limpeza étnica moi mal disimulado, dado que “curiosamente” a poboación deses barrios é, ademáis de pobre, maioritariamente negra.

Por outra banda, a Copa do Mundo de Brasil é un claro exemplo de mercantilización do corpo das mulleres e das nenas. Abundan os estudos sobre o aumento exponencial da explotación sexual vencellado a macroeventos deportivos como este. Refórzase a visión das mulleres (e das mulleres brasileiras en especial) como un obxecto de consumo máis dentro da oferta turística, papel lexitimado dende as institucións: nas leis para regularizar a prostitución preténdese garantir a seguridade dos clientes, obviando os dereitos das mulleres.



Solidariedade

Por estos motivos, convocamos a asistir á concentración na Fonte de Catro Camiños hoxe ás 20h para manifestar a solidariedade co pobo brasileiro en loita contra os abusos orquestados pola FIFA para o beneficio das grandes corporacións transnacionais.

Non podemos permitir que os dereitos humanos sexan secundarios ante os intereses do capital!

O seu progreso é a nosa ruína!!

Se não tiver direitos, não vai ter Copa!!

....................................................

(1) Tendo como antecedente a publicación do manifesto "Se não tiver direitos, não vai ter Copa” o 10 de decembro do 2013, Día Internacional dos Dereitos Humanos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario