Seguindo a estela da convocatoria da semana pasada en Compostela (ver foto en "Leer más"), celebrada con gran suceso por entre 150 e 15000 persoas (ao entender do camarada Vinhos, un dos convocantes: “o de que 150.000 galegos acudiran a esta manifestación é o que diredes os medios. Os organizadores calculamos que virían unhas 150 ou 151 persoas”, se ben a ollo de quen isto escrebe houbo momentos da manifestación en que se sobrepasou ampliamente esta cifra, poñamos que chegaria a haber 187 persoas), agora é a quenda das froilanistas coruñeses de amosar o seu desaire pola proclamación de Felipe VI como rei das españas e en reclamación da coroa da Galiza para Froilán III: Colamos da virtualidade da rede a información deste vindeiro acto real, para interés da plebe (nota de modificación de horario ao pé):
Felipe VI, o usurpador, vai ser proclamado Rei o xoves desta semana. Porén, nós, monárquicos como-dios-manda, non imos aceptar esta vexación.
Pode que a Infanta Elena teña capacidades intelectuais limitadas, pero non máis ca o resto da Familia Real. E non podemos esquecer que é a filla maior de Juan Carlos. E polo tanto, o seu primoxénito, auténtico herdeiro do actual rei, debe ser quen asuma a xefatura do Estado.
Hai incluso sinais divinas que apoian a nosa proposta:
-Froilán III gosta de disparar armas de fogo contra membros da Familia Real (neste caso, contra el mesmo), ao igual que o seu avó.
-Froilán III gosta da festa máis ca do traballo intelectual, ao igual que o seu avó.
-Froilán III tén ese ollar que nos lembra ao pasado mongol dos Borbóns, igual que a súa nai, igual que o seu avó.
Por todo o anterior, vimos a proclamar, nunha concentración pacífica e sen armas, o noso dereito a sermos vasalas e vasalos do relacións públicas junior da discoteca Joy Slava.
VIVA FROILÁN III, VIVA O REI LEXÍTIMO!
Nota das convocantes: Compañeiras e compañeiros monórquicos, debido á manifestación republicana das 20.00h, e con ánimo de non contraconvocar al rojerío, a asemblea do círculo froilanista da Corunha, vén de acordar adiar a concentración media horiña: comezamos ás 21.00h.
Pero haberá música bailábel, así que non deixedes de vir.
ABAIXO O USURPADOR! VIVA FROILÁN III!
eDu
No hay comentarios:
Publicar un comentario