Dende STOP Desafiuzamentos A Coruña fixéronnos chegar unha nota de prensa con esta convocatoria de protesto co gallo da visita aos xulgados, por segunda vez, do responsábel de Servizos Sociais da Coruña, X.L. Quintela, por insultar a Elisabeth Sanlés da que ademais aireou datos persoais e pretendeu negarlle a posibilidade de ser atendida no futuro por este servizo público. Por iso, para acompañar a Elisabeth e amosar a este "responsável" o noso rexeitamento pola súa laboura á frente dun servizo social e para continuar a denunciar o drama sangrante do arrebatamento dos fogares. Colamos a súa nota de prensa:
O vindeiro mércores 11 de xuño ás 11.00hrs., o responsábel de Servizos Sociais do Concello da Coruña, X.L. Quintela, acudirá por segunda vez aos xulgados da R/Monforte[1] por ter insultado a unha usuaria de ditos servizos, Elisabeth Sanlés, da que ademais aireou datos persoais e pretendeu negarlle a posibilidade de ser atendida no futuro por este servizo público.
Este xuízo tiña que ter sido realizado no pasado mes de febreiro, pero foi adiado debido a que o señor Quintela presentou tan a última hora unha testemuña que imposibilitou que esta persoa puidera acudir á vista, dando lugar á suspensión temporal da mesma.
Afondando un chisquiño máis nos pormenores que arrodean este xuízo, dende STOP Desafiuzamentos A Coruña resúltanos canto menos “chamativo” que, ao máis puro estilo dos seus compañeiros no Partido Popular compostelano, X.L. Quintela conte tamén cunha avogada do Concello, pagada con cartos públicos, para tentar escaquearse das sancións que poidan vir derivadas dos insultos e vexacións inflixidos contra esta muller, nai de tres fillos e con fibromialxia, que acabou perdendo a súa vivenda no medio dun impresionante e custoso despregue de antidisturbios que militarizou o ano pasado o coruñés barrio de O Castrillón. Ademais, seis persoas foron detidas ese mesmo día por apoiar a Elisabeth, e serán xulgadas o vindeiro 30 de setembro.
Xuízos, multas, antidisturbios... e insultos
Como lembrabamos fai unhas semanas a través dunha nota de prensa, ao igual que a maioría de colectivos que están a loitar a través da organización social para defender os dereitos básicos de tódalas persoas nun momento no que na Galiza máis de 100.000 familias teñen a tódolos seus membros no paro e un de cada catro nenos/as sufre desnutrición, STOP Desafiuzamentos A Coruña vén soportando dende o inicio da súa actividade reivindicativa unha continua represión por parte das mesmas institucións que día a día evidencian ca súa praxe unha desafección total e absoluta polo drama social que está a vivir a amplísima maioría da poboación galega e do Estado.
Nesta estratexia de acoso aos movementos e organizacións sociais, onde o prezo a pagar por visibilizar nas rúas o ataque á dignidade de todas e todos nós oscila dende a represión policial até a imposición compulsiva de multas e xuízos, o responsábel da área de Servizos Sociais da Coruña, X.L. Quintela, fixo o ano pasado a súa aportación persoal insultando nas dependencias públicas a Elisabeth Sanlés, a súa sobriña e a membros de STOP Desafiuzamentos, no momento no que achegaban unha providencia emitida polo titular do Xulgado de Primeira Instancia número 9 da Coruña na que se recoñecía a "situación de especial vulnerabilidade ou desvalimento" da citada usuaria.
Diante desta intolerábel situación e, sobre todo, da necesidade de denunciar o trato que o responsábel dos Servizos Sociais da Coruña exerce contra as persoas en situación de vulnerabilidade social -que dista moito da imaxe que este pretende dar a través dos seus habituais artigos de opinión na prensa escrita local-, as mulleres afectadas e dous integrantes do colectivo STOP Desafiuzamentos interpuxeron denuncias[2] contra X.L. Quintela, ao que el reaccionou “contradenunciando”.
Dende STOP Desafiuzamentos A Coruña queremos voltar trasladar a nosa preocupación polo feito de que un traballador do Concello que se amosa incapaz de atender a persoas que están en situación de vulnerabilidade social, sexa o responsábel dunha área tan sensíbel e importante como é a dos Servizos Sociais. Novamente cómpre reiterar que Xosé Luís Quintela chegou a este posto de especial responsabilidade a través do sistema eufemisticamente coñecido como “de libre designación”, popularmente entendido como “a dedo”, un “procedemento” de designación de responsábeis que, alén da súa falta de transparencia, dista moito de poder garantir a idoneidade profesional de quenes son colocados nestes postos públicos.
Aliás, é preciso sinalar tamén que o responsábel máximo deste servizo, o concelleiro de Servizos Sociais Miguel Lorenzo, está a ser nestes momentos investigado pola xuíza instrutora do caso Pokemon diante da posibilidade dun delito de tráfico de influencias.
Concentración de denuncia e apoio á loita contra os desafiuzamentos
Dende as 10.30hrs. e durante a realización do xuízo, convocamos á cidadanía a xuntarnos no exterior do xulgado o vindeiro mércores 11 para continuar a denunciar o drama sangrante do arrebatamento dos nosos fogares a través da estafa bancaria destapada no ano 2008, e que deu lugar á actual situación de crise social e de dereitos. Só na Galiza, cada mes 150 familias perden a súa casa. A nivel estatal, só no primeiro trimestre deste ano, iniciáronse case 20.000 procesos de desafiuzamento. Mentras tanto, centos de miles de vivendas fican baleiras secuestradas por poderes financieiros á espera dun bon momento para seguir a especular cun dereito básico como é o da vivenda, recoñecido no Artigo 47 da Constitución.
Nin xente sen casa, nin casas sen xente!!
Moitas grazas pola vosa atención
STOP Desafiuzamentos A Coruña.
Máis información sobre o caso de Elisabeth Sanlés no blogue de Stop Desafiuzamentos A Coruña
...........................................................
[1] Xulgado de Instrución Nº 4, 3ª planta. A Coruña.
[2] Axuntamos neste correo unha das denuncias interpostas por STOP Desafiuzamentos A Coruña:
10 jun 2014
[A Coruña] Mércores 11 ás 10:30' nos xulgados da rúa Monforte.- Concentración de denuncia e apoio á loita contra os desafiuzamentos
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario