16 may 2014

[México] Comunicados e Carta de Mario González, prisioneiro

"Sobran motivos para rebelarnos, tamén sobran motivos para ser felices, penso que vivir rebelándose é a única forma de ser feliz, ás veces por iso estou a gusto, aínda coas consecuencias"

Mario González é un anarquista mexicano participante da luita contra as reformas educativas no ámbito da UNAM (Universidade Nacional Autonoma de México), que en 2 de outubro de 2013 foi detido e encarcerado con acusacións falsas e torturado física e psicoloxicamente, estivo en folga de fame durante 56 días para exixir a súa liberdade e, en 10 de xaneiro deste ano 2014, foi condenado a 5 anos e 9 meses de prisión, nun proceso totalmente irregular (ver máis información sobre el acá en Abordaxe). Agora recibimos, (datadas a primeiros deste mes de maio), uns seus Comunicados (son dois, 1 e 2, que nós xuntamos nun só) que nos chegan, tal como Mario conta, por medio da súa compañeira, e co gallo de manter a comunicación, algo que o Mario considera moi importante (e nós tambén), e unha súa Carta dirixida ao pobo de Atenco en luita dende 2001 contra a construcción, nas súas terras, dun proxecto aeroportuario na chamada "Cidade Futura", e que en maio de 2006 foi reprimido violentamente pola policía, e como consecuencia resultaran asesinados Alexis Benhumea e Javier Cortés, e varias mulleres foran golpeadas e violadas, crimens que seguen impunes dende entón: Na actualidade a luita segue en pé:

Comunicado de Mario González

Hoxe quero enviarlle un saúdo á xente pobre, rebelde, consciente, solidaria, desposuída, disidente, excluída, que vai contracorrente, inadaptada a esta sociedade enferma, á xente explotada, nobre, humilde, sensible, miserable, infeliz, presa, diferente ao explotador, enganada, desesperada, atrapada, triste, maltratada, golpeada, humillada, discriminada, violentada e aos que lean estas sinxelas letras de alguén que pensa que toda esta inxustiza non pode seguir.

Unha desculpa polo meu silencio, se que é moi importante manter a comunicación, aínda que hai moito que non o facía, grazas ao apoio da miña compañeira as miñas letras poden difundirse, intentarei escribir máis continuamente, teño moito que dicir, aínda que ás veces me custe traballo.

Pasou un mes aproximadamente dende que recibín o resultado da apelación, a cal confirmou a sentenza da xuíz. Dende ese momento empecei a asimilar que o meu encerro ía durar un anaco, talvez ata o amparo que se acaba de meter, ou noutra instancia, ou mesmo co 50 ou 60% da miña sentenza de 5 anos 9 meses; pensar isto foi difícil para min, xa que o encerro é un método de represión que implica moitas cousas negativas en todos os aspectos. Penso noutrxs presxs políticxs que están a vivir momentos máis difíciles, como o caso de Álvaro Sebastián e moitxs outrxs que mostraron ter unha gran fortaleza, ou ex presos como Alberto Patishtan, sentenciado a 60 anos e que pasou 13 anos preso, ou os ex presxs de Atenco, que ao ser condenadxs a enormes sentenzas despois de vivir unha desvastadora represión por defender a terra foron liberadxs grazas á solidariedade, un abrazo a todxs elxs. Estas historias demostran o impresionante que é a loita por cambiar o estado das cousas.

Nas últimas semanas chegaron boas noticias, xa que saíron varixs compañeirxs presxs no reclusorio norte pola represión do 2 de outubro de 2013.

Tamén me decatei de que supostamente indemnizarán xs detidxs do 1 de decembro de 2012 porque o Estado cometeu tortura e detencións arbitrarias, como o fixeron e seguirán facendo, xa que reprimir é a súa única función profesional; cinicamente pensan que indemnizando todo se esquece, mentres a morte do compañeiro Kuy nin se menciona, ao parecer xs únicxs que queren esquecer son xs poderosxs; y que dicir de Almeida?(1), que despois da represión na marcha do silencio do pasado martes en protesta contra as leis secundarias sobre telecomunicacións presume que a policía do D.F. é democrática -coma se iso fose posible- e que esta é unha cidade na que se protexe a liberdade de expresión, aínda que sabemos que só o di para satisfacer os oídos do poderoso e enganar o inxenuo.

A uns días de terse cumprido o XV aniversario do inicio da folga do 99 na UNAM quero expresarlle o meu grande aprecio a esa xeración que marcou a historia pola súa gran convicción solidaria, valente e rebelde que influenciou ás xeracións seguintes.

Chegoume unha revista, Rebeldía Zapatista, cun espazo de cartas anarquistas con diversas reflexións, nunha delas, un colectivo de compañeirxs solidarixs de Costa Rica menciónanme, agradezo a Rebeldía Zapatista por incluír a carta e unha foto na que hai unha manta levada por dous compañeiros na que está escrito que esixen a miña liberdade dende Guadalajara. As compas do EZLN mándolles un gran saúdo e a miña solidariedade polos difíciles momentos represivos que están a pasar.

Agradezo a inavaliable solidariedade brindada por compañeirxs, por presxs e ex presxs políticxs, por individuxs e organizacións de todo tipo e de todo o mundo. Dá gusto saber de toda a solidariedade que hai cara a min: os comunicados, as mantas pintadas, as consignas berradas, as marchas realizadas, os bloqueos e pintadas nas rúas, os mitins, asembleas, foros, volantes, carteis, espazos en radios e outros medios libres, os vídeos feitos para informar da miña situación, grazas polos libros e fanzines que me enviaron, polas súas cartas, polo apoio económico e xurídico; todo iso me inspira a nunca deixar de levantarme aínda despois de caer, ten que agradecer moito a todos os que apoiaron a loita pola liberdade dxs presxs.

Moita xente chegoume a dicir que ninguén vai a poder contra o goberno nin vai rematar con el, que os meus obxectivos son utopías, que entenda que só me teño que preocupar por min, que a xente non entende, que se sigo así seguirei preso ou rematarei desaparecido ou morto.

Probablemente sexa certo, pero onde volteo non deixo de ver a realidade cruel na que nos encontramos atrapadxs. Sobran motivos para rebelarnos, tamén sobran motivos para ser felices, penso que vivir rebelándose é a única forma de ser feliz, ás veces por iso estou a gusto, aínda coas consecuencias. Este é o camiño que quero tomar, porque para min é máis satisfactoria unha pequena dose de solidariedade, loucura, alegría e liberdade, que unha vida cheia de arrepentimento, tristura, aburrimento, resignación e opresión.

Será que é posible "non te meter en problemas", vivir "tranquilx", sen riscos e cómodx? Iso é o máis intelixente?, Un pode ser "imparcial" nun mundo como este, onde existe o fodido e o de billete, o chingado e o que chinga? É "normal" e máis conveniente ser parte do problema e non da solución? É mellor resignarse porque pensamos que non podemos cambiar nada en vez de dar guerra e rematar co que nos oprime?, Vivimos tranquilxs mentres os recursos naturais se sobreexplotan e condénase ás futuras xeracións a (sobre)vivir nun planeta sen os fermosos recursos naturais dos que hoxe aínda gozamos? É preferible aguantar tanta inxustiza, explotación, miseria e gandallez que nos rodea? É mellor evadir toda esta realidade ou ignorala aínda que estea todo o tempo nos nosos narices? Cal é o mellor método para combater todo isto? Se se elixe enfrontar ao explotador, cada quen, por diferentes situacións e razóns elixe o seu método; para uns/unhas é máis importante a difusión, para outrxs a acción (que tamén se pode considerar unha forma de difusión), e outras formas. O importante é que cada quen elixe de que lado está, ou se só se volve un/unha espectador/a, posición na que supostamente non te arriscas tanto pero podes sufrir repercusións da guerra, aínda que non decidises participar nela.

Sería moi bo que non existise nada disto, pero aínda que moitxs o queiramos, lamentablemente non é así; se non formas parte da solución, formas parte do problema. Penso que formar parte da solución é buscar e loitar pola emancipación: a solidariedade da humanidade por e para a humanidade. Estou seguro que esa é a solución, intentar loitar por iso todo o tempo no actuar, ao falar, escribir, analizar, pensar, escoitar, axudar, ler, contaxiar, observar, berrar, pelexar, cantar, chorar, rir, bailar e amar.

Para todxs anarquía, saúde e revolución social

Solidariedade con Carlos, Amelie, Fallon e todxs xs presxs politicxs do mundo

...................................................

Carta de Mario González ao pobo de Atenco

A 8 anos da brutal represión, que aínda segue vixente, contra xs compañeirxs de Atenco quero mandarlles un humilde e combativo saúdo; vostedes e a súa loita son un grande exemplo para min e para todos os pobos.

Nestes tempos difíciles onde un dos maiores responsables do atroz crime cometido o 3 e 4 de maio de 2006 é agora presidente e aínda cando os donos do diñeiro seguen intentando apropiarse da terra e os recursos naturais para os seus proxectos, vostedes non deixan de dar a batalla nin baixan o machete, pero ademais aínda con todos os seus problemas non decaen e tampouco deixan de solidarizarse coas demais, ensínannos co seu exemplo.

Recordo a vez que coñecín Atenco, me emocionei moito porque dende que cheguei vin moitas pintadas e se sentía un ambiente de loita, cheguei ao centro da vila e vin o mural que hai pouco borraron, sorprendinme moito de todo o que vía, parecía que o goberno lle temía ao pobo, esa foi a impresión que tiven; esa vez realizábase un encontro e foi unha moi boa experiencia. Tempo despois coñecín a Ignacio del Valle (2) na Normal Rural de Curtidoiro, contoume que el tamén estudara en CCH Naucalpan.

Cando caín preso, mentres estiven en folga de fame e aínda despois, moitxs de vostedes solidarizáronse comigo e agradézolles moito por iso. Agora que coñezo máis de vostedes e da súa historia sei que son un exemplo de fortaleza.

Dende o cárcere solidarízome con vostedes pola batalla que emprenden en contra do chamado "Proxecto cidade futura" co que pretenden despoxalxs das súas terras.

Mario González

Saúde e revolución social!

.............................
Máis información sobre Mario, no Blogue "Libertad a Mario González"

Máis información sobre a luita de Atenco no Blogue do "Frente de Pueblos en Defensa de la Tierra" (FPDT- Atenco)

Notas de Abordaxe:

(1) Almeida .- Jesús Rodríguez Almeida é o secretario de Seguridade Pública de México DF, o que ven a ser o xefe político da Polícia do DF.

(2) Ignacio del Valle.- Portavoz en Atenco do "Frente de Pueblos en Defensa de la Tierra"

No hay comentarios:

Publicar un comentario