5 may 2014

[Lugo] 10 de maio día do Comercio Xusto

Damos pulo a esta convocatoria que nos enviaron da Cova da Terra:

Igual que en anos anteriores, A Cova da Terra e Taller de Solidariedade convídanvos a participar no Mercado Popular que se vai celebrar o sábado, día 10 de Maio, na Praza Maior de Lugo de 10-20hr para conmemorar o día do Comercio Xusto.

A idea deste é a construción colectiva dun espazo de intercambio dentro dun comercio alternativo: con prezos xustos, sen intermediarios e baixo unha produción e consumos responsables. Queremos que o día 10 a economía real, a de sempre, a non especulativa nin abusiva, saia á rúa, propoñendo a produtores e consumidores outro xeito de intercambio.

Así mesmo animamos a que todas as asociacións e colectivos sociais da cidade saian ese día á rúa para amosar o traballo que fan a prol da construcción dun mundo mellor.

Se estades interesadas en participar tan só tedes que poñervos en contacto vía correo (educacioncovadaterra@yahoo.es) ou no teléfono 982.230.211 e preguntar por Marta.

Pregamos que difundades a toda aquela persoa que poida estar interesada.

O Mercado debe ser útil para visibilizar experiencias, amosar alternativas e servir de palestra para aqueles que non teñen oportunidade de vender-mercar-intercambiar aquilo que fan ou o que precisan. Só existe o requisito de que cada quen se responsabiliza do seu posto (soporte no que se expoña o que queira vender). Todo o demais farémolo entre as persoas, porque a economía de verdade é iso, un intercambio xusto de bens ou servizos.

A hora á que vos emprazamos para ir montando os postos é ás 10h, pero, tendo en conta que é un Mercado libre, popular e autoxestionado, cada quen pode chegar e marchar cando o crea axeitado.

A estrutura é a seguinte: O fondo da Praza Maior será o lugar no que nos colocaremos (como o fan na Feira do Libro) ocupando ámbalas dúas bandas da beirarrúa. Cada quen faise responsable do soporte no que queira expoñer os seus produtos, pero, a fin de dignificar a feira, animámosvos a que decoredes os vosos postos.

Polo que respecta ao permiso para entrar cos coches no recinto amurallado e descargar/montar, A Cova da Terra encárgase da súa xestión e para iso tedes que enviar os vosos datos (nome e apelidos, DNI e matrícula) ao enderezo: educacioncovadaterra@yahoo.es co asunto: Mercado Comercio Xusto antes do martes día 07 de maio.

Como sabedes, non contamos con orzamento para a execución desta actividade e cremos que non é preciso porque a organización das persoas, o boca a boca e a implicación social, non requiren de apoio económico ningún. A única dificultade darase se as condicións meteorolóxicas non son propicias xa que non contamos con carpa, así que aqueles que teñades toldos, sería bo que viñerades con eles por mor da choiva (iso que estamos convencidos de que non caerá nin unha soa pinga!). Temos solicitados os soportais da Praza por se fose preciso botar man deles.

Coma sempre, non hai que pagar nada.

Haberá música, teatro, xogos e sobre todo, alegría e solidariedade.

Prégase que confirmedes a vosa asistencia para organizalo, e no caso de que queirades que vos tramitemos o permiso para entrar os coches mandádenos o nome e apelidos, o DNI e a matrícula do vehículo e xa o xestionamos nós.

Apertas,

No hay comentarios:

Publicar un comentario