11 abr. 2014

Os Violentos Itinerantes

Colamos do blogue da Asamblea de Gamonal 2014 este artigo asinado por Alberto San Martín, veciño de Gamonal, entorno á criminalización cara ao barrio vertida dende o xornal Diario de Burgos, nos actos máis recentes como a través da súa historia, enlaces e consecuencias da cidade que foi nomeada capital da cruzada franquista.


O Barrio de Gamonal que conseguiu parar a construción do Bulevar segue, meses despois, alimentando titulares e opinións criminalizadoras en grandes medios de comunicación. Neles, moi explicitamente, vinculan a loita veciñal con "grupos violentos desprazados dende outros puntos do Estado español". Tamén chama a atención nestes artigos o emprego doutro vello e coñecido recurso: "a conexión abertzale".

Ao parecer, que certos medios se fagan eco dos mesmos ou moi parecidos titulares, apunta a que é unha estratexia deseñada dende un despacho. Ao servizo dese despacho traballan grupos de estudo, Think Tanks que elaboran informes e que actúan de correa de transmisión a través dos grandes medios de comunicación co obxectivo de incidir na opinión da cidadanía. Estes "tanques de pensamento" crean unha pantalla avasaladora de mensaxes, que case de xeito infalible, colocan a toda unha opinión pública do seu lado. O propósito xa coñéceno: criminalizar a protesta social.

A pouco que se seguisen os acontecementos en Gamonal, dende o inicio das protestas, adivíñase doadamente a orixe e sucesión desas mensaxes. Ministerio do Interior, Subdelegación do Goberno, Diario de Burgos. " Ese é a orde, Sancho! " diría Don Quixote ao seu Escudeiro.

O emprego das palabras "violentos" e "itinerantes" non é, polo tanto, fortuíto ou aleatorio.

O Diario de Burgos, órgano de expresión do construtor Antonio Miguel Méndez Pozo, cumpre co propósito de transmitir, sen tregua, noticias e opinións que danan constantemente a imaxe do barrio. O seu rotativo serviría de exemplo, para un estudante da materia, do que nunca se debe facer nun periodismo veraz, científico, independente e ético.

As súas inmensas plusvalías obtidas nos anos do pelotazo urbanístico e a especulación permitíronlle facerse dono de numerosos medios de comunicación co propósito de erixirse actor político na sombra. É rara a vocación informativa do xornal burgalés, máis ben actúa como ferramenta para as relacións públicas do construtor. A unha mínima lectura atenta obsérvase a terxiversación da información facendo pasar suposicións, opinións ou desexos por noticias. A omisión de feitos ou acontecementos ou a obsesión por vincular a veciñanza de Gamonal coa violencia son algunhas das súas estratexias e vicios xornalísticos. Vímolo xa no ano 2005 cando a veciñanza parou a construción dun aparcadoiro subterráneo privado na rúa Eladio Perlado, corazón de Gamonal. O Diario de Burgos sen o menor interese en investigar e contrastar a información publicou que as desordes nesa rúa de Gamonal foron provocadas por mozos radicais vascos desprazados dende Euskal Herria. De onde xurdiu a matriz da noticia? A subdelegada do goberno en Burgos daqueles anos, Berta Tricio, expresou sen rubor que a protesta veciñal foi apoiada por grupos de mozos radicais vascos.

E é que de casta lle vén ao galgo. Dende o 18 de xullo de 1936 o Diario de Burgos servía de voceiro, de escaparate, dos artigos e bandos militares que os xenerais fascistas escribían expresando o odio contra aquelas persoas de ideoloxía progresista, liberal, socialista, comunista, anarquista ou republicana. Bandos nos que se decretaba a busca e captura desas persoas. Non ten desperdicio, se o estómago llelo permite a un, os Bandos nos que o Xeneral Mola chama a non "ser mornos" coas persoas "efeminadas" ou "desviadas" arengando ao linchamento e a estigmatización. Despois da Guerra e nas décadas seguintes o Diario de Burgos foi a correa de transmisión das ideas e opinións da vinganza e a desmemoria.

Durante a posguerra, o Diario de Burgos, cumpría coa función de ser un instrumento para a propaganda do medo. A prensa escrita e a radio actuaron como vehículo de transmisión da incomunicación e a desinformación. A ditadura franquista necesitaba impoñerse sobre masas de traballadores e traballadoras desinformadas. Só dese xeito podían implantar un sistema represivo eficaz.

O Diario de Burgos converteuse en paradigma da manipulación de noticias, o ocultamento da información e a censura. E o que é máis grave, un instrumento ao servizo da represión e a alienación. Bonito curriculum.

Coa chegada da transición e máis adiante, no 92, cando Méndez Pozo se fai dono do rotativo non hai ningunha vontade de limpar tan macabro estigma do pasado.

Dende 1936, ano tras ano, o Diario de Burgos vía a luz cada mañá nunha cidade onde todo, absolutamente todo, estaba controlado polos militares. Non era de estrañar, o exército español foi canteira de cargos nos ministerios civís, as subsecretarías, as direccións xerais, os gobernos civís, os concellos, as deputacións, as embaixadas, os consellos de administración das empresas públicas e privadas... ata os quioscos onde se vendía a prensa servil, na cal eles escribían, eran asignados ás viúvas de militares nos tempos da fame atroz! Todo era seu. O desfile de militares en Burgos por cargos públicos como concello ou gobernación civil foi profuso. Mellor exemplo de itinerancia que ese non o acho por ningún lado.

Fidel Dávila Arrondo foi un dos primeiros xenerais participantes na conspiración militar de 1936 e o primeiro Gobernador Civil. Baixo a súa autoridade desapareceron centos de homes e mulleres que hoxe xacen aínda en cunetas e foxas comúns da nosa provincia. Ao pouco tempo lle substitúe no cargo de Gobernador Francisco Fermoso Blanco, xeneral tamén. Imputado pola Audiencia Nacional no sumario instruído por Baltasar Garzón, como presunto autor dos delitos de detención ilegal e crimes contra a humanidade cometidos durante a Guerra Civil española e nos sucesivos anos do réxime.

En 1941, o Coronel Servando Fernandez Victorio Camps é o novo Gobernador Civil en Burgos. Inaugurará con man de obra escrava o Tunel de la Engaña. Seis mil novecentos setenta e seis metros escavados durante dezanove anos por presos políticos republicanos e traballadores forzados. Astronómico negocio para as súas empresas privadas.

O 28 de novembro de 1946, un ano despois do cal fascistas e nazis fosen derrotados na Segunda Guerra Mundial, toma cargo de Gobernador Civil en Burgos Alejandro Rodríguez de Valcárcel. Falanxista militante que a diferenza dos anteriores non sae da canteira dos cuarteis. Non obstante, o seu curriculum non deixa de ser menos macabro. Años despois foi presidente do Consello do Reino, presidente das Cortes franquistas e presidente do Consello de Rexencia. Este último cargo facíao responsable do traspaso de poderes de Franco a Juan Carlos I de Borbón. E, polo tanto un dos responsables necesarios, dos últimos xuízos con sentenzas a morte por fusilamento. Angel Otaegui xulgado no rexemento de artilleria de Castrillo del Val (aos pés da Serra de Atapuerca) o 29 de agosto de 1975, é fusilado un mes despois nos valos do Penal de Burgos.

Se houbo violencia e itinerancia respectivamente, en Burgos, nos últimos 80 anos, ambas as dúas xermolaron nos ermos dos cargos fascistas militares e civís ata ben entrados os anos da democracia.

O paradigma de sementador de terror, de violencia máxima, está na figura de Juan Yagüe, pouco quero falar del. O próximo día 11 de abril, en Burgos, profesores de distintas universidades e investigadores participarán nunha charla debate, que dentro das Jornadas "Verdad Justicia y Reparación", analizarán a figura e a responsabilidade de militar e gobernador civil de Burgos en crimes contra a humanidade.

Pero para itinerancia a de Federico Trillo Figueroa, non o que fora Ministro de Aznar implicado no accidente do Iac 42, senón o seu pai. Trillo toma posesión como Gobernador Civil de Burgos o 23 de decembro de 1969. Ademais de militar, ministro togado da Armada, Trillo Figueroa foi procurador en Cortes e gobernador Civil en Cáceres e Zaragoza. Alcalde de Cartagena, cidade da que foi nomeado fillo adoptivo. Xefe provincial de Falanxe e JONS en Teruel. Que relación tivo Trillo con Burgos para ser enviado aquí de Gobernador? El fora cadete dunha das primeiras promocións militares con instrutores vidos da Alemaña Nazi en Burgos en 1938. El coñecía ben Burgos.

Ante a falta de espazo utilizáronse edificios públicos municipais como os Teatros Principal e Avenida como academias militares onde os nazis ensinaban o que despois aplicarían a grande escala na maior conflagración mundial. Bos mestres tivo Trillo.

Habería que recordar que sendo Burgos Capital Fascista, miles de metros cadrados municipais e edificios civís foron postos a disposición do exército. Décadas despois miles deses metros cadrados lonxe de regresar a mans públicas foron subhastados ao mellor ofertante iniciándose unha trepidante carreira especulativa, orixe e raíz dalgúns dos conflitos que se viven en Gamonal.

Se algunha persoa segue sinalando como violentos e itinerantes á veciñanza de Gamonal ou está cega, ou non coñece nada a historia da súa cidade ou segue albergando odio e revancha contra un Barrio que loita día a día pola xustiza e o pan.

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada