24 abr 2014

O Tribunal Supremo español avala a existencia de Resistência Galega mais reduce as penas @s 4 independentistas condenadas pola Audienca Nacional

Recollemos a información de SermosGaliza:

A máxima instancia pronunciouse hoxe 24 de abril a respeito do recurso de casación presentado pola defensa de Antom Santos, Maria Osório, Roberto Rodríguez Fialhega e Eduardo Vigo após o xuízo en que foron condenad@s por pertenza a banda terrorista, falsificación de documento oficial e tenza de explosivos. O Tribunal Supremo rebaixa as penas ditadas pola Audiencia Nacional española entre 3 e 5 anos de cadea para @s catro independentistas após considerar que os 18 e 10 anos de condena aprobados polo tribunal "non estaban debidamente motivados".

"De costas aos mecanismos democráticos"

Coa súa decisión o Supremo ratifica a existencia xurídica de Resistencia Galega como organización armada que emprega "o uso da violencia como o modo de conseguir os seus obxectivos de costas aos mecanismos democráticos", apunta na sentenza.

No entanto, o tribunal resolve que as condenas deben ser reducidas de maneira que Eduardo Vigo e Roberto Rodríguez pasan de 18 anos de privación de liberdade a 13 anos e 9 meses. Pola súa banda, Antom Santos e Maria Osório son condenad@s a 7 anos e 9 meses en troca dos 10 iniciais.

A defensa, disposta a recorrer ante o Constitucional e o Tribunal Europeo de DDHH

Os avogad@s enteráronse da decisión do TS pola prensa, pois non recibiran a sentenza. Por ese motivo apuntou Borxa Colmenero a Sermos Galiza, non podían facer unha valoración “pormenorizada e con clama” da mesma, se ben si que adiantaron unha “primeira lectura”.

O letrado dixo que esta sentenza non supón a fin do camiño na defensa d@s catro independentistas, pois están dispostos a “recorrer a todas as vías xurídicas posíbeis”, citando o Tribunal Constitucional e o Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos. Colmenero reiterou a liña da defensa de que os feitos polos que foron xulgados en xuño de 2012 Antom Santos, María Osorio, Eduardo Vigo e Roberto Fiallega non poden ser tipificados como terrorismo.

No que atinxe á redución das penas, este avogado considera que neste punto o TS acepta parcialmente o recurso da defensa, pois subsidiariamente pedían que, de se considerar polo Supremo que RG era organización terrorista, as condenas impostas por iso aos 4 condenados foran proporcionadas. O fallo do TS fala de condenas “ desproporcionadas cos feitos enxuizados''.

Unha das cuestións que os avogados queren comprobar tan pronto teñan o fallo do TS é os argumentos empregados para rexeitar a petición de nulidade do xuízo feita pola defensa. Lembremos que os avogados solicitaban a nulidade en base a que consideraban que a actuación do maxistrado no xuízo da Audiencia Nacional non fora imparcial.

María Osorio

Tras este fallo do Supremo unha das cuestións que están sobre a mesa é que acontecerá con María Osorio, en liberdade provisoria desde febreiro de 2013.

No hay comentarios:

Publicar un comentario