3 abr 2014

Nova 'okupa' en Compostela: Cantigas e Agarimos.. de templo da música tradicional a centro social autoxestionado

Recollemos esta noticia de SermosGaliza e damos publicidade ao Comunicado "Que queremos facer?" que recollemos do blogue do Centro Social Autoxestionado do Sar

Hoxe 3 de abril dende as 18h na Algalia de Arriba 11, abre un novo espazo liberado en Compostela! deixámosvos a programación de hoxe:

Horario do día 3:
18:30 -Asamblea aberta: debate sobre a necesidade de espazos abertos para todas
20:30 -"A rebeldía do corpo, a rebeldía da @" palestra impartida por Teresa Moure.
22:30 - Ceador vegano e foliada

Crónica do "Sermos" asinada x A.V.
Un grupo de persoas con pasamontañas e caretas de 'Pokemon' (como denuncia da corrupción que salfire o goberno local compostelán) procederon esta quinta feira a 'okupar' ou 'libertar' o que durante 54 anos foi o local da agrupación de música e baile tradicional Cantigas e Agarimos, ubicado na rúa compostelá de Algalia de Arriba, en plena zona vella da capital de Galiza.

O inmoble non tiña uso algún desde que hai 3 anos Cantigas e Agarimos o deixara após se extinguir o aluguer de renda antiga que tiñan. Agora, un grupo de persoas veñen de ocupalo coa intención de transformalo nun espazo cultural libre, dotalo de programación e vida e, con este acto, rexeitar o abandono e especulación que existe na cidade en relación a edificios históricos, e non só estes. Nun aponte feito a Sermos Galiza, a Xunta Xestora de Cantigas e Agarimos, "en nome de toda a agrupación", quíxose desvinculada ocupación.

Vigor, vixencia e saúde da okupación

Esta acción vén a sumarse á desenvolvida hai unhas semanas na tamén compostelá Sala Yago e ao despexo do CSO de Palavea (na Coruña). Feitos que amosan o renovado vigor que o movemento está a ter en Galiza. A capital do país ten acollido historicamente proxectos de ocupación (da man da dinamización e involucración nos barrios) como o de Santa Clara e, sobre todo, a Casa Encantada de Sar.

Comunicado d@s compañeir@s sobre o novo espazo cultural libre
 

"Que queremos facer?

Desde o ano 2011 o antigo local da agrupación folclórica Cantigas e Agarimos sito na Rua da Algalia de Riba 11 permaneceu fechado. Un grupo
de persoas da cidade decidimos reabrir este espazo para o enchermos de
vida e de cultura, porque cremos que a cultura non debe permanecer fechada. Para reabrirmos, non contamos só con razóns culturais do noso lado, hai moitas outras. Esta acción non deixa de ser unha protesta contra a as elites sociais: políticos corruptos, construtores e grandes empresarios que mandan máis que estes últimos, unha policía que os defende a todos e unha xustiza que os ampara.

Contra quen?

Nos últimos tempos, a cultura en Compostela está a se tornar nun privilexio
das elites. A nosa sociedade está a experimentar unha crecente división entre persoas privilexiadas e escravas. Mentres as primeiras desfrutan dunha pomposa cultura elitista, ás segundas élles negado o dereito ao lecer: "ti és unha escrava, non se che perde nada no teatro, no cinema ou escoitando música, pasa a traballar!". Mentres tiran os cartos en mausoleos como a Cidade da Cultura, nós queremos traer cultura á cidade; cultura libre e para todas. Para alén disto, vimos de sofrer o último gople contra as actuacións ao vivo nesta cidade, coas última normativa municipal que prohibiu todas as actuacións nos bares da zona vella. Queremos que os nosos pallasos sexan artistas, e non políticos empoleirados no Concello. Que non especulen coas nosas vidas: nin Pokémons, nin Currás nin Condes Drogas.

Para quen?

Este é un proxecto para todas: para as desafiuzadas, para as que non chegan a fin de mes, para quen non pode pagar os estudos, para as paradas, para as precarias, para quen non pode pagar os medicamentos, para quen vai ficar sen sanidade, para quen deixa a pel en fronteiras absurdas, para quen ten que abortar clandestinamente, para quen padece o abuso machista, para as explotadas sexualmente, para quen sofre a homofobia, para os excluídos e os marxinados, para todas as que somos como o poder non quer que sexamos.

Molestámoslles porque non somos como queren que sexamos."

No hay comentarios:

Publicar un comentario