Cando xa son 5 as persoas detidas (2 delas minores) polos protestos contra a celebración en Bilbo deste Foro, Petri Rekabarren do colectivo Boltxe pon o seu ponto de mira as supostas declaracións do parlamentário de EH Bildu no hemiciclo basco, Oskar Matute quen, segundo a EITB, teria declarado que a acción da Ertzaintza foi «proporcional e proporcionada» á violencia das manifestantes !! (??).
Colamos (traducidas) as súas palabras (que recollemos de La Haine) pedindo con urxencia que Sortu e EH Bildu confirmen ou neguen esta información da EITB, dado que para o autor "non existen diferenzas cualitativas entre reaccionarios e conservadores, e reformistas: ambos os dous aceptan e defenden a lexitimidade da lei e a orde e a necesidade do seu defensa". Información que, sen dúbida, non pode deixar indeferentes a quen teñen a EH Bildu como referente, nen a quen viámolo vir dende hai ben tempo:
1. É urxente que Sortu en concreto e que EH Bildu en xeral confirmen ou neguen a versión dada por EITB nos seus informativos do pasado día 3 de abril, xoves, na que resumía a intervención no hemiciclo do Parlamentario por EH Bildu, Oskar Matute. O ente informativo, co-propiedade do PNV e da Comunidade Autónoma Basca, emitiu un video de pouco máis dun minuto no que se dicía, primeiro, que todas as forzas parlamentarias, incluída polo tanto EH Bildu, condenaran os incidentes de Bilbo; segundo, insistía en que tanto o PNV coma EH Bildu sostiñan que a intervención da Ertzaintza fora «proporcional e proporcionada» á violencia das manifestantes; e, terceiro, nos contados segundos dedicados a Oskar Matute repetíase a condena de EH Bildu e poñíase na súa boca que a acción da policía fora «proporcionada».
2. Pero no resumo escrito que aparece debaixo do video, só pode lerse isto: «Oskar Matute (EH Bildu) afirmou que o seu grupo "nin comparte nin ampara, senón que rexeita" os altercados do 3 de marzo. Non obstante, defendeu que os maiores "vulneradores" de dereitos humanos son os membros da "troika". "Tan preocupante como ser insensible con quen sofre danos sería lanzarse a unha caza de bruxas para xustificar non sei que inacción da Ertzaintza", dixo. Non aparece polo tanto ningunha confirmación escrita do atribuído na información audiovisual. Salvo erro noso, non encontramos ningunha outra referencia a esta cuestión nos medios de prensa de EH Bildu, de Sortu e de Amaiur, tampouco en Gara. Reiteramos que salvo erro noso, carecemos de máis información verificable que a aquí aparecida, sobre un tema decisivo xa que a tese da represión proporcional e proporcionada non é senón unha forma suave da tese da «represión xusta».
3. Non sabemos se Oskar Matute empregou o concepto de represión, se utilizou os termos de «represión policial» para cualificar a intervención da policía contra a protesta popular. Polo que aparece na concisa nota de prensa, non; máis aínda, pola moi reducida frase na que confirma que EH Bildu nin ampara nin comparte senón que rexeita os métodos de tal protesta, e lendo a frase «tan preocupante como ser insensible con quen sofre danos sería lanzarse a unha caza de bruxas para xustificar non sei que inacción da Ertzaintza», podemos inferir que Oskar Matute xustifica como necesaria e proporcional a «acción» policial, defendéndoa das acusacións do PP, de UPyD e do PSOE no sentido de que a Ertzaintza permanecera «inactiva».
4. O españolismo vociferou sobre a súa inactividade, esixíndolle máis contundencia represiva. Polo que podemos inferir da concisa noticia, o representante de EH Bildu defendeu a Ertzaintza contra a «caza de bruxas» desatada polos imperialistas españois, sostendo que si actuou contra a protesta popular, pero de forma «proporcional». De confirmarse, non deberá estrañarnos vendo a encomiable dedicación de Gara en axudar a lavar a imaxe deste corpo represivo e en airear as ideas da suposta á «basquista» do «socialismo-nacional» español.
5. Por que lle damos entón tanta importancia a unha urxente aclaración oficial de Sortu e de EH Bildu sobre este particular asunto? Precisamente porque a postura con respecto á represión é unha das liñas vermellas que delimitan obxectiva e subxectivamente os campos enfrontados: o do opresor e o do oprimido. A postura fronte á represión expresa a aceptación ou o rexeitamento da lei establecida, da lei do Estado dominante. Podemos discernir dúas grandes posturas ao respecto. A primeira postura é a que asume dunha forma ou outra a necesidade da represión, postura que ten dúas variantes; unha, é a reaccionaria e conservadora, que asume claramente a necesidade da represión para salvar o seu sistema explotador, non importándolle utilizar este concepto -represión- aínda que prefire recorrer ao de «defensa da lei», da «orde», e mesmo do «cidadán» e ata da «democracia».
6. A outra, dentro deste primeiro bloque, é a reformista, que non usa o concepto de represión, senón en todo caso o de «erro policial», e en caso extremo o de «abuso» e o de «intervención desproporcionada», afirmando que a acción parlamentaria da «cidadanía» pode «controlar» o goberno para evitar que repitan eses erros e abusos, explicando que as «accións policiais» han de ser sempre proporcionais e proporcionadas á gravidade dos ataques dos «provocadores».
7. Non existen diferenzas cualitativas entre reaccionarios e conservadores, e reformistas: ambos os dous aceptan e defenden a lexitimidade da lei e a orde e a necesidade do seu defensa, aínda que con matices secundarios. Os primeiros están dispostos a reprimir á brava, con brutalidade fascista se é necesario; os segundos apoian a represión pero «de forma legal», «proporcionada» e «dentro da democracia», aplicada polos «traballadores da orde», como o eurocomunismo español denominaba as forzas represivas franquistas. Pero o reformismo, o que sexa, non dubidou nin dubidará en apoiar a represión contra a esquerda cando esta desborde os estreitos límites da lei burguesa, da súa tolerancia. Mesmo o reformismo duro, o que aínda se autoproclama «revolucionario», o fixo e o fará, abonda estudar a historia dos partidos comunistas oficiais de Italia e dos Estados español e francés: cada un na súa medida, contra obxectivos diferentes, todos saíron en defensa da lei capitalista nos momentos críticos.
8. Queda a segunda corrente, a revolucionaria, que se caracteriza por opoñerse sempre á represión; máis aínda, caracterízase por ter desenvolvido unha teoría da represión que mostra que existen moitas formas de intervención estatal, ou doutros poderes, que parece que non son represivas pero que si o son en realidade. Esta teoría é un perfeccionamento da concepción clásica da represión, a que aparece en calquera enciclopedia, que explica que reprimir é un proceso xeral que integra tamén as accións de conter, refrear, temperar ou moderar, ademais da acción de conter, deter ou castigar con violencia actuacións políticas ou sociais.
9. Como vemos, a represión é moito máis que mallar a unha manifestación, ou deter e encarcerar. Dado que a represión como proceso xeral, polifacético e interactivo, é moito máis que a violencia policial, entón debemos manter sempre unha denuncia teórica, política, cultural e ética implacable contra todas as súas expresións materiais e simbólicas. Pola contra, ao ir desaparecendo da linguaxe cotiá, política e ética o concepto de «represión» abrimos de par en par a brecha de entrada da ideoloxía burguesa no interior do movemento de liberación nacional de clase.
10. En moitas áreas institucionais da esquerda abertzale estase a diluír a loita global contra a represión como sistema multifacético, á vez que se xeneraliza unha linguaxe laxa e imprecisa que abusa de termos como o de «déficit democrático» e outros que non significan absolutamente nada no teórico e político porque se moven no plano da ideoloxía do reformismo duro. O documento Euskal Herria Bidean é un exemplo: os máximos que encontramos son expresións como «normas antidemocráticas e estruturas de excepción», así como «criminalización» e «conculcación de dereitos políticos».
11. Unha xenerosa interpretación destes termos pode darnos a entender que debaixo deles latexa unha teoría crítica da represión como sistema, pero non é así. O feito de que a palabra «represión» non apareza en todo o texto, salvo erro noso de lectura, é un indicativo, aínda que o grave radica en que en ningún momento se di nada sobre os tremendos recursos de sojuzgamiento, alienación e integración que teñen os Estados e o capitalismo, dándose unha imaxe falsa da realidade á que nos enfrontamos.
12. Non é este o momento para analizar en detalle este documento no que se certifica a supeditación estratéxica incondicional do pobo traballador e do MLNV á moi débil pequena burguesía e ás exiguas forzas reformistas. Centrándonos no que agora nos concirne: a aceptación ou non por EH Bildu do criterio de proporcionalidade represiva, a «Vía Vasca» non di absolutamente nada sobre que liñas mestras de orde pública hai que empezar a formular dende agora -depuración da Ertzaintza e da Policía Foral, e creación doutro sistema- mentres se avanza cara á desmilitarización e saída de Euskal Herria das forzas ocupantes. Este clamoroso silencio, que é un exemplo máis da súa vacuidade xeral, é agora plenamente comprensible unha vez coñecido o comportamento de LAB e de EH Bildu na tarde do 3 de febreiro, cando o inevitable malestar e cabreo populares desbordaron as pretensións ilusas e legalistas da maioría dos convocantes das manifestacións. Tamén a ausencia de calquera indicio sobre que política de orde público democrático-popular ten a «Vía Vasca», este silencio enxordecedor e insoportable, explica moito da intervención do Parlamentario de EH Bildu, Oskar Matute, sobre a proporcionalidade no «accionar» da Ertzaintza.
13. Os efectos negativos que xorden da fuxida deliberada de toda reflexión revolucionaria sobre o sistema represivo que padecemos, e a negativa a adiantar sequera un indicio elemental do proxecto propio, multiplícanse con outras prácticas que en aparencia non teñen que ver nada co sistema represivo definido de xeito restritivo e simple. Referímonos ás pretensións dalgúns sectores da esquerda abertzale, por agora reducidos, de que hai que debater sobre a necesidade de «pedir perdón polo dano causado» ao opresor, ou dito de xeito tramposo «á sociedade», para que este tamén o pida e así poidamos asentar unha «convivencia baseada na xustiza e na reparación moral».
14. Nunca o oprimido ha de pedir perdón ao opresor, e si á inversa. Se pide perdón ao explotador e dominador, entón admite que existe unha lei suprema común e igual para ambos os dous, cousa falsa. As clases dominantes, Estados opresores e poderes patriarcais sempre esixiron o pobo que pida perdón pola súa loita. Os sistemas represivos buscan, entre outros obxectivos, despezar física e eticamente o reprimido para que remate pedíndolle perdón por ter ousado ser libre. A tese da proporcionalidade represiva que vén a dicir que é xusto que te reprima en proporción á ilegalidade dos teus actos, é inseparable da tese do perdón.
15. Sortu e EH Bildu han de esclarecer toda a intervención de Oskar Matute, sen omitir nada, e han de dicir se asumen ou non as súas teses e por que. Pola contra, se se mantén o silencio sobre esta crucial cuestión, incrementarase a mestura de desconcerto e malestar que xa existe en bases independentistas e socialistas. Non se trata dunha cuestión abstracta, senón directa e inmediatamente política: se é certo que en Euskal Herria, EH Bildu e por extensión Sortu aceptan a tese da represión proporcional e proporcionada, ou sexa da «represión xusta», se isto é certo entón con que proxecto nos presentamos ás próximas eleccións europeas, por ir ao inmediato? Cun que propoña que as forzas democráticas han de aceptar as represións proporcionadas na Unión Europea como se aceptan en Euskal Herria, se é que é así? É imposible separar de todo o que se di aquí do que debemos dicir fóra, sobre todo na defensa con decisión dos dereitos humanos machucados polos «traballadores da orde».
Petri Rekabarren
8 de abril de 2014
10 abr 2014
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario