As denominadas como marchas da Dignidade, efectivamente, trouxeron finalmente algo de dignidade ao triste panorama contestatario do estado; e non precisamente polo concorrida da manifestación que lles deu colofón, se non pola ruptura co patético buenrollismo hipyflower que revestiu a inmensa maioría das protestas dos últimos anos. Así que, na miña humilde opinión, foi o feito de que por fin os cidadáns decidiron indignarse en serio e mandar a paseo as cívicas formas de protesta auspiciadas polo poder, inflando a hostias os mercenarios do estado e descargando a súa rabia contra os símbolos da opresión capitalista, o que conferiu os manifestantes, dunha vez por todas, un pouquiño de dignidade.
Porque sexamos sinceros, o feito de que medio mundo leve anos ardendo en resposta aos indecentes recortes de dereitos e liberdades auspiciados pola crise mentres no estado español, especialmente castigado polo paro, os desafiuzamentos, a destrución de garantías sociais e a corrupción institucional, as protestas transcorrían polas inocuas canles establecidas, entre o timbaleo quincemeiro e a mortecina liturxia sindicalera, era dun patetismo que relaba no esperpéntico. Mal que lles pese os apologetas da paz social, responder con mansedume ante as peores agresións ás conquistas do pobo organizado que se recordan en varios séculos (conseguidas, todo hai que dicilo, a sangue e lume) non te converte en digno, se non, moi ao contrario, en servil e submiso.
O mundo enteiro leva anos alucinando con España: unha burbulla inmobiliaria do tamaño da capela sixtina, cotas de paro superiores ás dos países do terceiro mundo, recortes salvaxes de salarios e prestacións sociais, un incremento da pobreza descomunal, unha drástica redución do nivel de vida das capas populares que contrasta brutalmente co incremento de beneficios dos máis ricos e poderosos, unha corrupción galopante digna dunha república bananeira que fai pensar que vivimos na maior cleptocracia de todo o continente, un descrédito xeneralizado de todas as institucións que pringa nas súas corruptelas ata ao xefe do estado... e todo iso mentres se endurece o código penal, se intensifican as medidas represivas e se recuperan lexislacións propias dos peores anos do fascismo. E mentres, aquí a por uvas, como moito cantando o cumbayá na porta da tenda de campaña. Pois iso, permitídeme que volo diga, non é digno. Máis ben todo o contrario.
Acaso se presenciamos unha violación ou un asasinato nos contentaremos con afearlle a conduta ao agresor educada e pacificamente, permitíndolle que nos ignore olimpicamente e que siga co seu malia as nosas respectuosas e inofensivas protestas? Evidentemente ante esta disxuntiva todo o mundo dirá que non, que o que habería que facer é empregar todos os medios ao noso alcance para impedir o abuso, utilizando a forza se a situación o require sen nengún remordimento. Pois por que razón ante as salvaxes agresións que estamos a padecer, non unha ou dúas persoas se non o pobo enteiro do estado, debemos ter miramentos para cos responsables de sumirnos no desastre? Acaso os suicidios ás portas dun desafiuzamento, os inmigrantes masacrados nas fronteiras ou as familias que non poden dar de comer aos seus fillos merecen menos consideración que as propiedades de banqueiros e empresarios? Pois eu creo que non, e se temos que pasar por enriba dos mercenarios do estado, con centos de marcas nas súas porras e escopetas, cans gardiáns da clase adiñeirada que cobran por reprimir a aqueles que protestan, pois mellor que mellor.
O 22M vivimos en Madrid o resurximento da dignidade do pobo. A labazada sobre a mesa que, esperemos, preceda á labazada sobre a cara daqueles que nos gobernan. O punto de inflexión que supón cruzar o Rubicón da paciencia. O momento en que, unha vez esgotadas sen éxito as canles establecidas, só queda a loita como único camiño. Non é que nós, como anarquistas, non abalásemos a confrontación co existente dende moito antes, mesmo dende sempre; pero aplaudimos o feito de que os que antes discorrían polo inofensivo sendeiro do institucionalmente aceptado por fin espertasen.
O gozo invádenos cunado presenciamos as imaxes dos magníficos disturbios. Disfrutamos como nenos vendo retroceder aos madeiros acurralados; cantas veces nos vimos nós do outro lado. Non sentimos ningunha pena pola cabeza aberta do badulaque uniformado, fartos de chorar ás agachadas a impotencia polos nosos corpos tumefactos e ensanguentados. Internet permítenos unha e outra vez encher de alegría os corazóns das inmensas hostes dos eternos explotados, paladeando o sabor dunha pequena vitoria no medio da nosa cotiá derrota.
No fondo, aínda que eles agora se fagan os sorprendidos, isto que pasou non é nada novo para o poder. Por que se non terían multiplicado exponencialmente o presuposto dos antidisturbios durante os últimos anos? Para que se non compraron inxentes cantidades de pelostas de goma e renovado o equipamento antimotíns dos madeiros? Evidentemente o goberno sabía que se recruarían as protestas. Sabían que todas as súas agresións ás capas populares terían unha resposta. Como non o ían saber se saben que levan fodéndonos longo tempo? O famoso "que se jodan" pronunciado por Andrea Fabra ante o maior paquete de recortes aplicado polo goberno é clara proba diso. O único que lles estrañou é que tardásemos tanto. Se ata a prensa estranxeira leva tempo vaticinando o agravamento da protesta en España e situándonos no máis alto do ranking de países susceptibles do estalido social.
Pois por unha vez non corremos espavorecidos ante as súas porras e as súas pelotas de goma. Esperemos que sexa o preludio de tempos máis combativos e conscientes, o principio dun espertar social. Por unha vez o protagonismo das protestas non o levaron os politicuhos de turno ou os aspirantes a selo; os partidos minoritarios con ansias de promover un cambio para que todo poida seguir igual; os renovadores dun capitalismo que non merece outra cousa que non sexa a sua total e completa destrución. Os histéricos berros das tribunas foron supinamente ignorados pola masa anónima en loita contra o poder.
Antes de rematar unha última reflexión: tod@s somos o rapaz encarcerado, porque tod@s gozamos vendo recuar aos madeiros. El está a pagar por unha insolencia da que tod@s nos sentimos cómplices, así que agora debería esparexerse a nosa solidariedade para c@s detid@s.
E que non decaia, as barricadas pecharon a rúa pero abriron o camiño, como dicían algúns fai xa máis de medio século. Agora sabemos que tamén recúan, é o momento de avanzar. Quen dixo medo habendo hospitais.
C. Ribas
27 mar 2014
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario