4 mar 2014

[Compostela] Asociación de Vítimas denuncia "Pacto de Silencio" entre PP e PSOE para se protexer mutuamente no caso do accidente de Angrois.

Redactamos esta noticia segundo información da axencia EuropaPress, noticia que non nos sorprende, á contra, pois cando un dos grandes partidos non tira rendimento das pifias do outro é sinal de que coxea do mesmo pé; o que nos causa máis estrañeza é que aínda haxa Asociacións que esperan algo diferente dos partidos que desfrutan dos sillóns (lease: todo o arco parlamentar sen excepcións):

Teresa Gómez Limón, voceira da asociación Plataforma Vítimas Alvia 04155, reuniuse este luns co voceiro do Grupo Socialista na Comisión de Fomento do Congreso dos Deputados, Rafael Simancas, para insistir na súa demanda de que cre unha comisión de investigación parlamentaria. Segundo explicou Teresa, Simancas díxolles que iso non é "necesario", recordándolles que na Cámara baixa xa está en marcha a subcomisión que estuda o sistema ferroviario español e que ademais o Ministerio de Fomento conta coa Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios, o cal, apuntou Teresa, é "practicamente o mesmo" que o que lles transmitiu a ministra de Fomento, Ana Pastor (PP): "Para nós é totalmente insuficiente porque o que queremos descubrir é as responsabilidades políticas dese accidente", pero "el di que as responsabilidades políticas son de todos e non se pode sinalar a ninguén".

Sobre o deputado socialista José Blanco, que foi ministro de Fomento entre 2009 e 2011 e inaugurou o tramo de vía onde logo se produciu o accidente, Simancas sinalou que "non ten responsabilidades neste momento". Para Teresa, esta postura evidencia que PP e PSOE teñen un "pacto de silencio". Para estes partidos, "os intereses comerciais e económicos están por enriba da seguridade dos viaxeiros, dos mortos, dos feridos e de todo o demais", lamentou.

Teresa Gómez Limón reiterou que o presidente de Adif, Gonzalo Ferre, e o de Renfe, Julio Gómez-Pomar, deberían dimitir porque se supón que o "obxectivo fundamental" destas empresas é a seguridade dos viaxeiros e, polo tanto, teñen a "obriga" de asegurarse de que está garantida. "E se non se decatan, teñen que irse", engadiu.

Colada x eDu

No hay comentarios:

Publicar un comentario