22 mar 2014

Bahía de Pasaia, 30 Aniversario dun Crimen de Estado.

En 26 de abril de 2009 (apenas aberto este blogue de Abordaxe, de feito foi a nosa cuarta entrada) publicamos, co gallo do 25 aniversario, unha entrevista feita en 27 de marzo dese ano, na rádio libre de Compostela "A Kalimera" a Joseba Merino e Carlos Hinojosa, autor-editor do libro "Emboscada en Pasaia, crimen de Estado", aproveitando que viñeran a participar das Xornadas Anarquistas de marzo coordinadas por diversas individualidades antiautoritarias da comarca compostelán. O audio de, algo máis dunha hora, recolle as conversas sobre este suceso no que a policia española asasinou a 5 membros dos Comandos Autónomos Anticapitalistas, feito que seguía e segue impune, mas tambén se falou do que eran os Comandos Autónomos Anticapitalistas, dos GAL, do plano ZEN, do libro,...

Agora e con motivo do 30 aniversario, recuperamos ese audio e a entrada que publicaramos en Abordaxe (se ben traducida ao galego, pois na altura, aínda non acordaramos publicar só en galego no noso blogue) e tambén ligamos á reportaxe publicada onte en Naiz-Gara, co gallo deste 30 aniversario, onde recollen un relato de Joseba sobre os feitos, o video de arriba con as declaracións de Joseba no lugar dos feitos, recuperan unha entrevista a Rosa Jimeno, a segunda supervivinte da emboscada, que fora secuestrada pola polícia catro días antes e usada como cebo; unhas imaxens publicadas no Egin nos días posteriores á emboscada; e un artigo que fala dunha declaración indirecta feita polo exministro José Bono nas súas memorias, na que remite a un outro posible coñecedor previo do feito (José Leguina) e a un suposto autor (Ricardo García Damborenea) .

Bahía de Pasaia, 25 Aniversario dun Crimen de Estado.



O 22 de Marzo de 1984 unha lancha foraborda, amparada polas sombras da noite, cruza furtiva o curto traxecto marítimo que separa Francia da Baía de Pasaia de San Juan. Cinco militantes dos Comandos Autónomos Anticapitalistas encóntranse no seu interior, a cadela dun deles acompáñaos nesta ocasión no sempre arriscado paso clandestino da fronteira. Dende terra unha muller failles o sinal convido. Todo parece tranquilo. Xa desembarcaron dous e agora dispóñense a subir a terra á cadela de Joseba cando todo se ilumina de súbito e un berro corta a noite: Alto policía! Deseguido, e sen mediar o máis mínimo segundo, un torrente de balas esparéxese sobre o improvisado embarcadoiro. Catro Autónomos logran tirarse á auga, o corpo do que resta queda tendido sobre a beira, a cadela, destrozada, descansa para sempre en cuberta. Veloces lanchas da policía nacional descobren prontamente aos prófugos e obríganos a subir a terra. De xeonllos e cos brazos sobre a cabeza pregúntaselles a cada un o seu nome, Joseba é apartado do resto, "ti es o coronel" dinlle. Dous homes con metralladoras e outro cunha escopeta, vestidos de paisano, adiántanse ata os outros. "Ides morrer" son as últimas palabras que oirán antes do ruxir dos disparos. Só Joseba (ao que cualificaron de coronel) e Rosa (a rapaza que, por medio das máis aberrantes torturas, foi obrigada a facer de cebo na emboscada) sobreviviron ao masacre. As armas que os autónomos portaban nunca chegaron a saír das mochilas nas que estaban gardadas, o contrario tampouco lles tería servido de moito. Nos despachos da cúpula do partido socialista de Euskadi celébrase a noticia: Enrique Casas, secretario de organización do PSOE e un dos creadores dos recentemente formados GAL, asasinado un mes antes polos Comandos Autónomos, fora vingado.

Unha parelliña que acudira ás inmediacións do lugar en busca de intimidade e que fora retida pola policía, aínda a pesar de non ver nada (pois os retiberon cara ao chan tras dun muro), serviron de testemuñas auditivas: escoitaron Alto policía! e logo un abundante tiroteo. Así o crime podía quedar impune.

Pouco se recorda a día de hoxe destes dramáticos acontecementos, ao igual que pouco se recorda dos Comandos Autónomos Anticapitalistas. Eran outros tempos dos que agora é difícil formarse unha idea: as loitas sociais froito do fin da ditadura empezan o seu lento declive, varias organizacións armadas dispútanse a hexemonía da "liberación nacional vasca" (ETA Militar e ETA Político Militar) e entre elas (ou quizais mellor dito á marxe delas) outra organización pretende funcionar como soporte armado das loitas obreiras autónomas (ou sexa, contrarias a partidos e sindicatos así como a vangardas e xerarquías) que, dende a folga salvaxe que paralizou Vitoria durante dous meses no 76, se desenvolven en fábricas e asembleas de Euskadi: C.A.A.

Co asasinato de Casas en vésperas das eleccións autonómicas os Comandos Autónomos querían responder á creación do GAL polo aparato do estado (en mans do PSOE) e apuntar cara aos verdadeiros responsables da situación social (os políticos) en lugar de ás meras marionetas (os policías e militares) como acostumaban a facer ambas as dúas ETAs. Pero a resposta do sistema democrático foi tan brutal, e o desprezo e indiferenza dos demais grupos armados tan inxurioso e desmoralizante, que só conseguiron acelerar o seu propio colapso e rubricar co seu sangue o final dun curto período no que todo era posible e a revolución parecía estar ao alcance da man. A "transacción democrática" nin sequera cambiou os colares a todos os seus cans, algúns mordían exactamente igual que antes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario