Colamos de Esculca:
A Lei de Seguridade Cidadá é inconstitucional en, polo menos, tres preceptos: o primeiro, a autorización á policía para que entre e inspeccione domicilios sen coñecemento de se estar producindo un “flagrante delito”. O segundo, a retención de persoas para a súa identificación. E o terceiro, a detención de persoas por cometeren unha infracción.
Así o sinala o informe do Consello Fiscal, asinado polo fiscal xeral do Estado, Eduardo Torres-Dulce, sobre a chamada Lei Fernández.
Á marxe destas advertencias, o informe dos fiscais critica que o articulado da lei deixa un “excesiva marxe de discrecionalidade” á policía, como no caso de comprobacións e inspeccións en lugares públicos. O anteproxecto non se limita a fixar sancións para quen porte armas en lugares públicos, senón tamén para todos aqueles que o fagan con “elementos susceptibeis de seren utilizados para a comisión dun delito”, sen especificar máis.
A limitación a dereitos fundamentais como o dereito á información ou á liberdade de expresión son outros reproches á lei Fernández. Segundo os fiscais, o primeiro podería vulnerarse coa pretensión de prohibir “o uso de imaxes ou datos persoais ou profesionais de autoridades ou membros das Forzas de Seguridade do Estado que atenten contra o seu dereito á honra, á intimidade e á propia imaxe”[...]. Sancionar as manifestacións “cuxa finalidade sexan as inxurias ou calumnias ás institucións públicas, autoridades, axentes da autoridade ou empregados públicos, cando non constitúan delito”, supón, segundo o escrito asinado por Torres-Dulce, “unha posíbel limitación non xustificada dos dereitos ás liberdades de expresión e información”.
Un dos artigos da lei que resultou máis polémico foi o referido ás sancións para aqueles que participen en alteracións “usando carapuchas, cascos ou calquera outro tipo de peza ou obxecto que lles cubra o rostro e impida a súa identificación”. Os fiscais critican “a ambigua redacción do precepto” e cuestionan o principio de proporcionalidade ao apuntaren que podería entenderse que a infracción é por levar o rostro tapado.
Jorge Fernández incluíu ademais na lei a imposición de multas por convocar calquera tipo de reunión ou manifestación durante a xornada electoral. Os fiscais poñen en dúbida que estas sancións deban incluírse na Lei de Seguridade Cidadá e sosteñen que o seu lugar debe ser a Lei Electoral. Ademais, resaltan que o anteproxecto faga mención ás sancións para as reunións que teñan unha “finalidade coactiva”. “A quen se debe querer coaccionar?”, pregúntase o informe. “Os cidadáns en conxunto?”, cuestionan. “Demasiados interrogantes fan incompatibel [á lei] co principio de tipicidade informador do dereito administrativo sancionador”, conclúe.
“Innecesaria” é, segundo considera o Consello Fiscal, a regulamentación do uso de videocámaras que, tal como indica o informe, xa está regulada, desde 1997, por unha lei orgánica. Tamén enmendan os fiscais varios capítulos do réxime sancionador, por canto consideran que “supón introducir no dereito administrativo conceptos propios da dogmática xurídico-penal”.
O mesmo informe alega que a lei contén incongruencias e destaca que carece dunha declaración explícita de as sancións seren subsidiarias, sempre, ao proceso penal.
18 mar 2014
A Lei de Seguridade Cidadá proposta polo goberno seria inconstitucional segundo o Consello Fiscal
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario