Case que pasou desapercebida nos medias a iniciativa do Grupo parlamentario do PP no Congreso de modificación legal do concepto de Xustiza Universal, coñecida tambén como "lei de punto final" e que saiu adiante este martes pasado, día 11 de febreiro, con os únicos votos a favor do PP (179) e toda a oposición en contra (163), protagonizando um feito histórico na actual lexislatura: a defensa da primeira proposición de lei presentada polo Grupo Popular e non polo Goberno, o que permitirá acelerar os trámites e eludir informes de órganos consultivos como o Consello Xeral do Poder Xudicial, o Consello Fiscal ou o Consello de Estado. Unha estrataxema legal que permite contentar máis rapidamente a EEUU e China (segundo o portavoz do Grupo Popular, Alfonso Alonso, "podería estar en vigor en poucos meses, en calqueira caso antes do vrao") dado que pon novos límites para aplicala, entre eles exixir que o autor do delito sexa nacido ou residente no estado español, con o que se dará carpetazo definitivo a unha serie de casos abertos na Audiencia Nacional como o asesinato de José Couso a mans de militares ianquies, o xenocidio do Tibet polo que se ordenara a detención de mandatarios chineses, ou o asasinato de Ignacio Ellacuría e outros catro xesuitas españois a mans de militares salvadoreños en 1989.
As prisas do Goberno para debatir esta reforma e contentar a mandatarios chineses e ianquies, xa se puxeran de manifesto pola rapidez con que comunicou o seu visto bo, dado que non apurou nen a mitade dos 30 días dos que dispuña a tal efecto. Ao mesmo tempo, o PP rexeitaba na Mesa do Congreso a "cínica" petición do PSOE para que canto menos se pedira un informe consultivo ao CGPJ, posiblemente porque tiñan medo a que este fose negativo. E digo "cínica" actitude do PSOE porque non esquecemos que o goberno de Zapatero fora quen tivera o caso Couso agochado nunha gaveta e quen puxeran interminables trabas á investigación, tal como denunciara no seu día Javier Couso (irmán de José) con estas súas palabras: "O Goberno do PSOE conspirou con unha potencia estranxeira para impedir que se faga xustiza" ou estoutras: "O PSOE utilizou ao meu irmán morto para conseguir votos"; e agora pretenden ir de salvadores.
Mais imos, unha vez máis en Abordaxe, darlle voz a familia de José Couso, e así colamos (e traducimos) un seu artigo de opinión sobre esta reforma: "Benvindos á Inxustiza Universal en España" de Rafael A. Permuy (irmán da nai de José):
Hai uns días lamentábame nun artigo publicado nun diario dixital que Rajoy non se tivese acordado do meu sobriño, o fotoxornalista José Couso, durante a súa visita a Washington. Inxenuo do min ...! Na capital imperial ben que se acordaban de José... Pero non foi o noso gran Mariano o que o fixo. Non,... que vai... foi o grande emperador Obama -imaxínome que a través dos seus lacaios-, quen recordou a Rajoy que había a España un caso xudicial aberto que non lle gustaba nada de nada... Hai alí tres militares estadounidenses procesados por presuntos crimes de guerra e contra a humanidade...! Que descaro!
Foi entón que o Comandante Supremo do Mundo Barak ordenou ao seu fiel e subordinado súbdito que rematase definitivamente con aquel molesto caso. E Mariano, no primeiro tempo do saúdo -non en van viña do cemiterio militar de Arlington-, dando un taconazo, dixo algo parecido a aquilo de: "Si bwana..., ás súas ordes..."
E a pouco do seu regreso a España, o recén bautizado "gran líder" Mariano Rajoy encargou ao seu ministro de (In)Xustiza?, o noso nunca ben ponderado señor "Gallardín", que sacase unha lei orgánica de tapadillo que dese carpetazo definitivo aos molestos casos que tanto desagradan por aí fóra... refirome, fundamentalmente, aos Estados Unidos de Norteamérica e á República Popular China... que paradoxo, non?
Os defensores da vida non o son tanto
O Partido Popular, que presume de ser o gran defensor da vida, da xustiza, do patriotismo... e de tantas outras cousas, vai deixando tras si, a retallos, eses principios que din defender... Recordo que en certa ocasión, o señor Aznar se atreveu a dicir da miña familia que eramos pouco patriotas... E eu pregúntome: Son patriotas os que agora queren facer desleixo dos dereitos xurídicos dos cidadáns españois ante as esixencias das potencias estranxeiras...? Creo que é unha traizón, unha debilidade e un gran servilismo... Que inmensa vergoña de país...!
Por iso diríxome a vostede, señor Gallardón, que se xacta de ser o gran defensor dos non nacidos, pero ao que lle importa un beldro que se faga xustiza aos que, vivos, convertéronse e converteranse en vítimas de flagrantes quebrantamentos do Dereito Internacional Humanitario e da Guerra, e cuxos tratados están incorporados ao corpo legal do noso país, segundo o Tribunal Supremo...
Diríxome tamén ao ministro do Interior, señor Fernández Díaz, tan "fidel obreiro" militante da Obra de Deus (Opus Dei), ao que parece importarlle un beldro, que non se faga xustiza cos catro sacerdotes españois asasinados na República de El Salvador ... Quizais porque eran xesuítas, vascos e talvez "roxos"…?
Diríxome ao resto dos membros do gabinete, que impedirán que os xenocidas chineses poidan sentarse no banco dos acusados.... O adversario ideolóxico, se se converte ao capitalismo, ten bula... e impunidade... Que non se pode perseguir o narcotráfico...? Que mais da...¡
Consagración da impunidade ante os crimes no estranxeiro
Diríxome a vostede, dona Elvira Fernández, esposa do noso "amado líder", economista e antiga traballadora da Cadea de TV Antena 3... e dígolle: "Imaxine vostede que, no futuro, un dos seus fillos, Juan ou Mariano, cuxas fotografías me mostraba amorosamente o seu pai durante unha das miñas entrevistas con vostede, fixérase xornalista, estivese destacado nun país estranxeiro, aloxárase no hotel indicado polos militares estadounidenses, para a súa seguridade, e que un disparo de canón destes matase a un deles..." Seguramente vostede esixiría que se fixera xustiza... pero aquí, en España, diríanlle: "Non podemos investigar xudicialmente porque o seu marido fixo unha Lei para que non se aplicase aquí a Xustiza Universal.... Os norteamericanos son impunes...pueden matar sen render contas". Que pensaría entón vostede, dona Viri...? Estas mesmas preguntas, por extensión, fágollelas aos esposas e nais dos ministros deste goberno tan pro-vida, tan xusticeiro e tan patriota, e aos votantes do partido que di ser o que mais ama a España... Están vostedes seguros...?
Diríxome tamén á conciencia dos lexisladores do Partido Popular, e doutros que apoian este proxecto de lei, moitos dos cales son pais de familia e poderían perder fillos en similares circunstancias as descritas... Serían vostedes capaces de votar unha lei que privase de Xustiza ás súas propias vástezas ou a outros compatriotas, se estes fosen asasinados no estranxeiro, e non se puidese perseguir xudicialmente no noso país aos asasinos...? Eu apelo aos seus sentimentos de patriotismo e de xustiza universal.... Non poden ser vostedes capaces de recortar o dereito a que se faga xustiza aos seus concidadáns porque os intereses económicos, políticos e sociais doutros países se nos impoñan... No poden apertar vostedes un botón porque o digan os seus dirixentes e os intereses económicos doutros. Sería, sinxelamente, a consagración da impunidade e unha inmoralidade indescritible...
Se o fai, sairá completamente gratis que maten os xornalistas españois, ou outros compatriotas, no estranxeiro... ou que non se poida perseguir o narcotráfico, e é para preguntarse: En que país vivimos...? Señores xuíces e maxistrados, serán vostedes capaces de non se opoñer ante tamaña inxustiza...? Entón estarán vostedes podres e serán cómplices...
Si vostedes, señores e señoras deputados ou senadores, non fosen capaces de impedir este inxusto disparate xurídico e moral, dubido moito que nin Santa Teresa, nin a Virgen del Rocío, nin toda a corte celestial, á que tanto invocan os ministros do seu partido no goberno, puideran perdoalos durante o resto das súas vidas. Terán vostedes absolutamente putrefacta a alma... A miña familia e máis eu, por suposto, non lles perdoaremos xamais... aínda que a vostedes lles importe un beldro, sigan indo a Misa e poñéndose escapularios...
Colado e traducido x eDu
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario