Colamos Nota de Prensa recibida de STOP Desafiuzamentos A Coruña con o titular: "18F: Día da Desobediencia Civil e Solidaria", día no que se cumpre un ano dos sucesos que tiveran lugar cando o desafiuzamento de Aurelia Rey. Nesta nota fan un pormenorizado resumo da loita contra os desafiuzamentos nesta cidade, da represión sofrida e da solidariedade recebida, tambén fan pública a súa solidariedade e apoio para con as persoas desaloxadas da Sala Yago de Compostela así como convidan a unha Xornada reivindicativa e solidaria no CSO Palavea este vindeiro sábado 22 con un xantador, recital de poesía e concerto e unha outra xornada no mércores 26 de homenaxe á desobediencia civil no marco da mobilización convocada na Coruña como accións previas ás Marchas da Dignidade. Colamos á íntegra a súa Nota:
Hoxe, martes 18 de febreiro, cumprirase un ano dende que a mobilización da cidadanía da Coruña en forma de desobediencia civil logrou paralizar por dúas veces a tentativa de desafiuzamento da anciá Aurelia Rey. Cómpre lembrar que ese día deuse inicialmente a falsa información por parte dos xulgados da Coruña da suspensión do desafiuzamento, acadando nun primeiro momento desconvocar aos centos de persoas que acudiron a apoiar a Aurelia. Sen embargo, esta estratexia ficou en evidencia cando a volta dos antidisturbios puxo novamente en alerta á cidadanía e medios de comunicación, logrando finalmente paralizar a tentativa de desafiuzamento instigada pola familia Pereira logo de meses de mobbing inmobiliario contra esta muller. Sinalar que, un ano máis tarde, xa con Aurelia residindo nunha vivenda de renda social, o seu antigo fogar segue deshabitado, confirmándose a denuncia realizada pola propia afectada.
Dende STOP Desafiuzamentos A Coruña non queremos deixar pasar a oportunidade de lembrar e poñer en valor a reacción dunha cidadanía solidaria cuxa acción foi centro de atención e exemplo para todo o Estado nese momento, acadando tamén unha significativa repercusión internacional. Foi tamén o día no que un bombeiro negouse a cortar a cadea que impedía o paso da comisión xudicial que ía executar o lanzamento, reacción histórica que espertou unha vaga de solidariedade sen precedentes.
Así, na data na que se cumpre un ano de todos estes acontecementos, queremos facer público o noso recoñecemento e apoio a todos aqueles colectivos sociais e persoas a título individual para as que, tanto aquí coma en calquera parte do mundo, a responsabilidade de loitar contra a destrución dos nosos dereitos humanos e sociais é máis forte que o medo co que nos pretende paralizar o Sistema capitalista.
Por outra banda, como vimos denunciando dende os días seguintes ao 18 de febreiro do ano pasado, a burorrepresión foi rapidamente activada por parte do Goberno do Partido Popular, como unha estratexia para, a través do temor ás sancións económicas, forzar á cidadanía a desistir de visibilizar as críticas aos representantes políticos que nos botan das nosas casas, recortan as nosas prestacións sanitarias, eliminan as prestacións sociais, son cómprices corruptos da estafa bancaria, dinamitan o sistema educativo e pulverizan os dereitos laborais conqueridos logo de ducias de anos de loita obreira. Dita estratexia represora pretende ser levada ao extremo ca aprobación nos vindeiros meses da popularmente chamada Lei Mordaza ou Lei da Patada na Boca, identificada polo Goberno ca cínica denominación de “Ley de Seguridad Ciudadana”.
Segundo datos actuais do Ministerio de Interior, Galiza é a terceira comunidade con máis expedientes administrativos abertos, un total de 110, e xa lle foron roubados á cidadanía galega máis de 35.000€ en concepto de multa por protestar contra as inxustizas sociais. A día de hoxe o colectivo STOP Desafiuzamentos A Coruña acumula 12 notificacións de sancións administrativas por valor de máis de 4.000€. Así mesmo, 3 compañeiras/os fican pendentes de xuízo por teren pedido o número de praca a un policía que as identificou o día do desafiuzamento de Aurelia, e outras 3 teñen xa data de xuízo para o vindeiro mércores 26 de febreiro. Neste último procedemento está denunciado tamén o responsábel da Área de Servizos Sociais da Coruña, Xosé Luis Quintela, por ter insultado en ditas instalacións a Elísabeth Sanlés -unha muller con fibromialxia a piques de ser desafiuzada-, e a varias persoas integrantes do colectivo STOP Desafiuzamentos, que se desprazaran ata alí para facer entrega do documento xudicial que confirmaba a situación de “vulnerabilidade social” de E. Sanlés, negada en varias ocasións polos Servizos Sociais. En vinganza por esta reacción, o señor Quintela decidíu interpoñer tamén unha denuncia contra dous activistas do colectivo e contra a propia usuaria, que foi finalmente desafiuzada a través dun polémico despregue policial que militarizou o barrio de O Castrillón, e que conlevou a detención de seis persoas.
Como fumos dando a coñecer nestes meses, fronte a esta burorrepresión despregada polo Goberno, dende STOP Desafiuzamentos A Coruña activamos o ano pasado a campaña de denuncia e sensibilización “Múltannos a nós para asustarte a ti”. Entre as accións desenroladas no marco da mesma puxemos en marcha tamén unha recadación económica para facer fronte ás multas a través dos “petos de resistenza”, co que a día de hoxe contamos con máis de 800€ grazas á solidariedade das veciñas e veciños da Coruña.
Nesta liña imos continuar o vindeiro sábado día 22 de febreiro, no que celebraremos unha xornada reivindicativa e solidaria que, entre outras actividades, contará con xantador popular, poesía e concerto. Este evento terá lugar ademais nun dos espazos con maior actividade social e cultural da cidade, o Centro Social Autoxestionado de Palavea, arestora en grave risco de desaloxo por mor da especulación financieiro-urbanística.
Nun día coma hoxe queremos tamén amosar o noso apoio ás compañeiras e compañeiros que traballan por recuperar o uso cultural da Sala Iago no archicorrupto concello de Compostela, e que foron desaloxadas onte de mañá.
Por último, aproveitamos esta comunicación para avanzar tamén que o vindeiro día 26 de febreiro, no marco da mobilización convocada na Coruña como acción previa ás Marchas da Dignidade que terán lugar o 22 de marzo, levaremos adiante un acto de homenaxe á desobediencia civil como ferramenta para acadar a xustiza social, no que tomaremos como símbolo o éxito da loita da cidadanía da Coruña ao conseguir parar o desafiuzamento de Aurelia Rey.
Moitas grazas pola vosa atención
Saúdos e moi boa semana,
STOP Desafiuzamentos A Coruña.
No hay comentarios:
Publicar un comentario