18 ene 2014

"Represión e Resistencia" x Liberty Cravan

Colo este artículo de Liberty Cravan na web de Regeneración Libertaria que traduzo por se anima á reflexión e ao debate:

Dende o poder analízanse polo miúdo as estratexias represivas para parar os pés aos movementos sociais. En consecuencia, os modelos represivos non son estáticos, van variando co tempo, próbanse novas tácticas, varían os obxectivos... Desde abaixo, non obstante, carecemos de análise sobre as hostias que nos van caendo cada vez con maior frecuencia e somos practicamente incapaces de adaptar as nosas estratexias antirrepresivas. Repetimos esquemas que son ben coñecidos polo poder e acabamos tirando máis de corazón que de cabeza para responder aos golpes, cos conseguintes problemas que iso supón: rematamos con máis detidos, perdemos apoios e illámonos. Debemos recuperar unha análise e un debate sobre a represión: Sobre quen se está a envorcar esta, como nos afecta, como podemos responder, en que fallamos... Sirva este texto como unhas pinceladas básicas que poidan levar a un debate colectivo referente a como enfrontar a represión.

A represión é unha estratexia en contra dos movementos sociais cun triplo obxectivo: Amedrentar, desgastar e illar.

A represión estende o medo.

É a relación máis directa e que temos mellor analizada. É o que leva ao poder a endurecer o código penal ou xeneralizar as multas. As condenas son exemplificantes. Os antecedentes caen como lousas sobre persoas mobilizadas, que de súpeto senten reparos mesmo para achegarse a unha manifestación. As multas, unha forma de represión case invisible, afógannos economicamente.

Fronte a isto só podemos opoñer unha forte solidariedade e unha conciencia de obtención de resultados coas nosas accións. Hai que conseguir que as persoas reprimidas non se sintan soas. Iso, unido a que consideren que a súa acción serve realmente de algo, é a mellor forma de evitar a desmobilización. Unha persoa que se gaña unha multa por algo que cree que non pagou a pena, ou que logo se demostra como inútil, ten máis posibilidades de rematar desmolibizada que unha persoa que, mesmo sendo reprimida con maior dureza, acaba vendo o seu actuar como algo que tivo transcendencia, algo que pagou a pena. Aí xoga un papel importante a nosa capacidade, a nosa intelixencia, a nosa constancia nas loitas. Trátase de combater o cansazo e a sensación de derrota que queren transmitirnos dende o poder e cambiala por outra, de forza e capacidade.

Tamén hai que evitar, nas accións solidarias, que a represión se estenda, que haxa novos detidos ou máis multas. As accións de solidariedade non teñen que ser desesperadas, teñen que ser reflexionadas, intelixentes e estar ben dirixidas.

Hai outro vector máis a considerar no medo que produce a represión: a paranoia. O medo a ser reprimidos desata unha visión paranoica sobre a seguridade, realizamos xestos fetiche que cremos que reforzan a nosa seguridade pero non aplicamos protocolos de xeito sensato. Hai que aplicar distintos niveis de seguridade en función do que teñamos entre mans. Non ten sentido encriptar un correo cun comunicado que se vai asinar e a facer público, menos se estamos a comunicar a xente que é incapaz de manexarse a nivel tecnolóxico. A seguridade non pode estar disputada coa lóxica e a necesidade de sacar adiante o traballo. Un nivel de seguridade maior implica maiores inconvenientes (para comunicarnos, para operar) por iso debemos saber adecuar, de xeito intelixente, o nivel de seguridade requirido en cada caso. Non ten sentido poñernos trabas de xeito paranoico ou sen sentido a nós mesmos. Por suposto, o nivel de seguridade escollido, sexa o que sexa, debe manterse en contextos informais ou nas redes sociais.

A represión desgástanos.

Deixámonos tempo e esforzo en apoiar as persoas que foron reprimidas. Dende o poder pretenden que ese tempo e esforzo o perdamos para enfrontar outras loitas. Dende o seu punto de vista: Se están envorcados apoiando os seus detidos e sacando diñeiro para multas non poderán organizar máis protestas, que ademais lles supoñerán máis multas e detidos. Hai que romper con ese ciclo. O apoio aos represaliados é esencial e non podemos abandonalo, pero debe afrontarse de modo que esa solidariedade reforce o movemento social, non que o debilite.

Explícome mellor cun exemplo: Se dúas persoas participantes dunha mobilización contra os desafiuzamentos son detidas, non podemos abandonar o traballo no tema de vivenda para realizar unicamente accións de apoio aos compañeiros (concertos recadatorios, concentracións de apoio...). Debemos encontrar o modo de facer que o apoio aos detidos fortaleza ao mesmo tempo a visibilización das loitas que estas persoas estaban a desenvolver no momento de ser detidas.

O desgaste tamén se estende coa frustración. Hai que celebrar as accións que saen ben. Aínda que no medio dunha situación de derrota xeneralizada nos pareza ridículo, hai que saber encontrar o positivo, o que fixemos ben. Está ben ter obxectivos elevados, pero tamén hai que ser conscientes da dificultade de alcanzalos e hai que saber lidar coa sensación de frustración que nos xera esa dificultade. Poñer obxectivos secundarios alcanzables e felicitarnos cando cumprimos co que se esperaba de nós.

O desgaste ten unha última vertente e é a que se traduce en enfrontamentos internos. Hai que evitar que os represaliados se sintan como unha carga para os colectivos, do mesmo modo, que hai que tratar de evitar posturas paternalistas.

A represión íllanos.

Cargarnos de multas, de paus, de detencións é un intento de illarnos da xente, de colocarnos nun rol de seres estraños, antisociais aos que é mellor non se achegar. Hai que ter claro e deixar claro que non somos nada diso, que nos vemos abocados a esas situacións ou mesmo a estar presos non porque sexamos desprezables, senón porque aspiramos a un mundo mellor para a maioría e este sistema nolo impide.

Ás veces somos incapaces de transmitir isto, nin sequera ás persoas que poderían constituír o noso apoio, a nosa base social. As mostras de odio e de amor polo disturbio tampouco axudan. Non somos violentos antitodo. Non nos divirte que nos peguen, que nos deteñan, que nos multen ou que nos metan no cárcere (e se a alguén lle parece divertido, que llelo faga mirar) pero tampouco podemos manternos impasibles coa situación que vivimos: explotación, falta de liberdade, inxustiza, destrución do medio... Por iso manifestámonos e rebelámonos. Hai que saber demostrar isto, que os nosos actos non están faltos de sentido.

Hai que comunicar que non somos os terroristas e violentos que mostran nos medios. Moitas veces estamos nas manifestacións e os disturbios, si, pero tamén realizamos centos de accións solidarias ao longo do ano, somos os que apoiamos as familias que van botar das súas casas, os que defendemos a liberdade de abortar e de cada un e cada unha a decidir sobre o seu corpo, os que construímos espazos de autoxestión nos barrios, os que estamos a defender servizos sociais esenciais como a sanidade, a educación, as pensións... E todo, en conxunto, forma parte do noso compromiso revolucionario por mellorar as condicións de vida da maioría.

Non estamos a saber comunicar aos que puidesen apoiarnos toda esa outra dimensión creativa da nosa loita... e iso íllanos de todo apoio social e condénanos a estar sós fronte aos golpes represivos, que somos incapaces de encaixar.

Colado e traducido x eDu (colar isto nom implica que concorde em tudo)

No hay comentarios:

Publicar un comentario