30 ene 2014

Mapa das aldeas deshabitadas de Galicia

Colamos da web Calidonia Hibernia esta interesante investigación de Carlos Neira Cortizas sobre as aldeas deshabitadas con un mapa no que (visitando a súa web) podedes atopar información ampliada sobre cada un dos pontos sinalados. Ademais Carlos fai unha valoración do traballo, deixando claro que os dados provén dun rexistro administrativo e pode non corresponder exactamente coa realidade. Mais, para mellor información colamos o texto que acompaña ao mapa:

Queres saber onde están as aldeas deshabitadas do noso País? E aquelas que corren risco de estalo no futuro inmediato? Estes son os máis de 3.000 lugares despoboados ou en risco de estalo de xeito inminente. Case un 10% das entidades singulares de poboación de Galicia.

O mapa permite facer zoom sobre o territorio e clicando nun marcador desprega unha xanela informativa co nome do concello e o do lugar (nesta imaxen de Abordaxe non é factible a ampliación da información, mais da unha ideia da distribución xeográfica destas aldeas abandonadas ou case). Nela poden consultarse tamén as súas coordenadas xeográficas (sen dúbida útiles para as persoas interesadas en andar, investigar, descubrir e eventualmente repoboar ;-) o noso territorio) e a evolución do seu número de habitantes (en intervalos cuadrienais desde o ano 2000 até o 2012).

Lembra que o número de habitantes que aquí se amosa provén dun rexistro administrativo e pode non corresponder exactamente coa realidade. Hai persoas empadroadas en lugares onde xa non viven ou non o fan habitualmente, e tamén hai casas ocupadas por persoas que non son viciños do concello.

Os nomes das entidades singulares e a súa poboación están extraídos dos Nomenclatores publicados polo INE e o IGE (estou pendente de que o IGE publique no seu servidor os datos do ano 2013 que xa publicou o INE para actualizar o mapa). Estas informacións cruzáronse cos datos de localización xeográfica dispoñibles no IGN. A xeorreferenciación é practicamente coincidente coa que emprega a Comisión de Toponimia da Xunta.

Os marcadores poden non coincidir exactamente coa localización dun núcleo de poboación ou aldea en particular, e apuntar en troques ao centro xeográfico da entidade singular de poboación ou lugar ao que está adscrita. Moitas aldeas non acadan a condición administrativa de núcleo ou non están identificadas debidamente polos servizos estatísticos de cada concello. Os lugares reciben nome e están rexistrados por unha mestura de causas nas que se mesturan a Historia, a tradición e o criterio administratico, e por iso poden evocar realidades moi diferentes: lugares con un ou varios núcleos ou con hábitat disperso, casas illadas, igrexas e casas parroquiais, illotes, parques empresariais, rueiros desaparecidos baixo a expansión urbanística das cidades… Aínda que depurei coidadosamente a base de datos con certeza unha pequena porcentaxe dos puntos non se corresponde co que a priori se espera atopar.

A visualización interactiva realizouse cunha chamada da API de Google Maps ás Fusion Tables, a base de datos xeorreferenciados da Google. Entroutras representacións este servizo permitiu elaborar os seguinte mapas de calor, que amosan as partes do territorio galego onde o abandono de asentamentos é máis intenso.

Como pode apreciarse o feito de que o tipo de hábitat dominante no interior sur de Galicia sexa concentrado e non disperso reduce susbtancialmente o número de lugares e aldeas con risco de abandono.

Ao contrario, a zona que concentra o maior número absoluto e relativo de núcleos deshabitados é o norte das provincias da Coruña e Lugo, nomeadamente as comarcas de Ferrol, Eume, Ortegal, A Mariña Occidental e o sector noroccidental da Terra Cha.

Nun segundo plano salienta a concentración de lugares a piques de ficar deshabitados na zona central de Galicia, arredor de dúas áreas: Unha, a Montaña coruñesa, que corresponde coas comarcas oficiais de Arzúa, Melide, o sector meridional da de Betanzos, A Ulloa e o poñente da de Lugo. Outra, practicamente toda a área de influencia da Ribeira Sacra: Chantada fundamentalmente, pero tamén amplas zonas da Terra de Lemos, Terra de Caldelas e Ourense. Outra áreas menos extensas a salientar son a Montaña lucense, O Carballiño, A Paradanta e Terra de Celanova.

1 comentario:

  1. Non funciona o link da web Caledonia Hibernia. Hai algún outro?

    ResponderEliminar