Colamos de SermosGaliza
Fortress Europe é un portal dixital que leva desde finais de 1988 documentando todo tipo de sucesos relacionados coa inmigración a Europa. Recollen testemuñas, peneiran datos, toman nota de denuncias... un traballo arduo e laborioso en base o cal realizan a denuncia. Nestes 25 anos morreron un total de 19.144 persoas intentando acceder a Europa.
No Mar Mediterráneo e no Océano Atlántico na zona das Canarias, afogaron 14.309 persoas. Metade dos corpos (8.822) nunca foron recuperados. No Canal da Sicília, entre Libia, Exipto, Tunisia, Malta e Italia as vítimas soman 6.837. Outros 229 inmigrantes morreron navegando da Alxeria para a Cerdeña.
Ao longo das rotas que van de Marrocos, da Alxeria, do Sahara occidental, da Mauritania e do Senegal para España, ben dirixíndose ás Canarias, ben atravesando o Estreito de Xibraltar, morreron un mínimo de 4.899 persoas neses anos.
No Mar Exeo entre Turquía e Grecia, perderon a vida 1.504 migrantes, e no Mar Adriático, entre Albania, Montenegro e Italia, nos anos pasados morreron 705 persoas.
Afogados, tiroteados, conxelados, atropelados...
Sempre en base a estes datos de Fortress, 372 migrantes morreron o viaxar agochados en camións. Ben sufocados, ben esmagados polo peso das mercadorías. Hai documentados 413 falecementos de inmigrantes afogados ao intentar atravesar a nado os ríos limítrofes (Oder-Neise, ente Polonia e Alemaña; Evros, entre Turquía e Grecia;...) Outros 114 morreron de frío percorrendo a pé as pasaxes das fronteiras. E mesmo 72 finaron cando intentaban atravesar campos de minas, como os que existen entre Turquía e Grecia.
Por disparos das forzas de seguridade morreron 294 inmigrantes. 38 deles na zona de Ceuta e Melilla. E 29 persoas faleceron electrocutados.
Estas son só algunhas das múltiples causas polas que morreron case 20.000 persoas nestes 25 anos cando intentaban entrar en Europa. “Hai moitas maneiras de matar” escribiu Bertolt Brecht. E deixábao claro: de matar, non de morrer.
No hay comentarios:
Publicar un comentario