22 ene 2014

Entrevista de ContraInfo a Claudio Lavazza, anarquista preso no CP Teixeiro

O noso compa Claudio Lavazza se encontra encerrado dende 1996 nas celas da democracia española. A entrevista presentouse no evento en solidariedade con anarquistas presxs de longa condena que se levou a cabo o 11 de xaneiro de 2014 no CSO La Gatonera, Madrid.

CI - Na busca da liberdade plena, optaches por atacar o mundo do Poder con todos os medios posibles. Cales foron os principais motivos que te empurraron a seguir este camiño de rebeldía armada?

CL - Os motivos polos cales emprendín o camiño da rebeldía foron un conxunto de circunstancias que van dende o intento de golpe de estado en Italia, utilizando a estratexia da tensión (ataques terroristas con explosivos en lugares públicos) por parte da extrema dereita e coa axuda dos servizos secretos, aos ataques dos partidos políticos do arco constitucional coa Democracia Cristiá particularmente activa en sinalar como responsables dos graves atentados á esquerda revolucionaria e aos anarquistas; ata a inxustiza e o maltrato á clase obreira perpetrados polas autoridades: as mesmas que aplaudiron o goberno fascista de Benito Mussolini e a entrada na segunda guerra mundial de Italia ao lado dos nazis alemáns.


CI - No teu libro "Autobiografía dun irredutible", contas como en 1981 participaches no asalto ao cárcere de Frosinone (na rexión de Lacio, Italia), co fin de liberar un compa que se encontraba encarcerado nese talego. Hoxe, máis de 30 anos despois, contadas son as ocasións en que a solidariedade de facto con xs presxs da guerra social chega a este punto. Como se pode focalizar de novo a perspectiva da liberación inmediata dxs nosxs irmanxs?

CL - Focalizar a perspectiva da liberación inmediata dos/as nosos/as irmáns/ás presos/ás hoxe en día, igual que onte é un obxectivo fundamental nesta guerra social... pero aquí, mentres o sistema progresou en infraestruturas e medios de represión, nós quedamos na prehistoria, sen avanzar en preparación militar e tecnolóxica para facer fronte aos impoñentes macrocárceres. Estas construcións illadas de vilas e cidades son case imposibles de atacar ao igual que o fixemos en 1981 en Italia, liberando dous presos. Certo é que os tempos cambiaron. Cando se fala de ataques ao sistema, aínda que non guste utilizar palabras como preparación militar e tecnolóxica, é evidente que de guerra e enfrontamento se fala e para obter éxitos é necesario estar á altura dos tempos que o avance tecnolóxico do sistema represivo impón. Non digo que sexa imposible atacar estruturas como os macrocárceres, pero tal como estamos é un sono irrealizable, liberar presos e presas alí metidos.

CI - Na túa longa traxectoria de loita polimorfa, supoñemos que te involucraches en varios tipos de organización do contraataque ao establecido. Cales son as experiencias que sacaches en canto ao tema da verdadeira autoorganización do combate, sen dirixentes nin dirigidxs?

CL - As miñas experiencias na autoorganización do combate, sen dirixentes nin dirixidos/as, maduraron pouco a pouco en 16 anos de clandestinidade. Ninguén nace mestre/a e todos temos que aprender dos/as demais, dos/as que teñen máis preparación e experiencia; entre anarquistas temos uns principios sinxelos que nos permiten avanzar rapidamente na autoorganización do combate: Unha vez formado o grupo, hai tarefas que cada quen ten que respectar... por exemplo se eu son un experto en tácticas de ataques, os/as demais terán que escoitarme, sen que vexan no meu un dirixente e sen que eles/as se sintan dirixidos/as, evidentemente todos/ás teñen que dicir cousas no asunto, pero se esas palabras son o froito da incapacidade e da falta de experiencia terán que escoitarme a min, para o bo éxito da operación. Ao igual terei eu que escoitar o/a experto/a en calquera outra tarefa, se demostra máis capacidade ca min. Ou sexa son mestre segundo as circunstancias dun momento dado, e son alumno cando alguén máis preparado/ ca min toma a responsabilidade do grupo. É así, segundo as miñas experiencias, como se crea a autoorganización.

CI - É a anarquía unha vía ilegalista per se? e, se é así, como poden confluír as individualidades insurrectas en ríos que afoguen as leis e normas que nos atan á miseria?

CL - A anarquía é pola súa natureza ilegalista, porque trata de existir á marxe da legalidade imposta polo sistema. Nós anarquistas temos as nosas leis e formas de ser, que son sempre condenadas polas leis e formas de ser dos Estados. Ese simple feito de non aceptar as regras impostas polo traballo asalariado, buscándose a vida roubando o diñeiro aos ricos, é considerado ilegal polo sistema, pero para nós é xusto e obrigatorio, e polo tanto legal dende o noso punto de vista. De igual xeito calquera actitude que non participe no mantemento do poder capitalista se pode considerar como ese rio de rebeldía ao que facedes referencia e que afogará as leis e normas que nos atan á miseria.

CI - Se a cita revolucionaria é cada día, xorde a necesidade da acción directa tanto pola destrución de todo o que nos oprime, como pola creación dun novo mundo. Como casan estas dúas tarefas subversivas sen caer nin na militancia seca e alienante, nin no reformismo derrotista?

CL - A creación dun novo mundo e a necesidade do traballo revolucionario de cada día cumprindo coas tarefas subversivas, non pode caer nin na militarización seca e alienante nin no reformismo derrotista. Hai que ter coidado con este asunto para non correr o risco de caer no cansazo e que este propicie o abandono dos/as compañeiros/as. É aquí onde a nosa creatividade se manifesta coa achega de novos estímulos e ideas, a revolución e o camiño cara a ela non poden caer en alienacións... hai que darse un respiro de cando en vez se non caemos na rutina. Os tempos e pautas das nosas accións perténcennos, nin o poder nin a tristura social están por enriba das nosas necesidades como persoas libres.

CI - En 1996, caes preso na vila de Siete Puertas, tras a falida fuxida despois da expropiación da oficina central do Banco Santander de Córdoba. Cales foron as reaccións dos círculos anarquistas (entre e sen comiñas) entón, tanto no Estado español, coma fóra del?

CL - A vila onde caín preso chámase Bujalance, Sietepuertas é o nome da cafetaría onde me pillaron os gardas civís, esa cafetaría xa non existe, unha entidade bancaria tomou o seu lugar. As reaccións dos círculos anarquistas do estado español foron de críticas duras algúns, e outros/as a favor da expropiación do banco Santander de Córdoba (un dos máis ricos da cidade). Dende fóra do estado español recibimos un apoio solidario conmovedor dende Italia. Recordo que cando estaba en illamento no cárcere de Córdoba, ferido e mallado, me chegou un telegrama do meu país que me fixo chorar pola calor e compañeirismo que desprendía. Logo co tempo tamén chegaron cartas e postais dende España e outros países da comunidade europea e internacional, moitas mensaxes coa mesma intensidade e cariño

CI - Ti levaches á práctica a ofensiva máis alá das fronteiras dos Estados, burlando durante anos as autoridades de varios países. Como ves a loita antipatriótica e internacionalista dxs anarquistas arredor do mundo no momento actual?

CL - As loitas antipatrióticas e internacionalistas dxs anarquistas arredor do mundo, véxoas presentes e constantes, recibindo a cambio duras reaccións policiais e dos tribunais que lle teñen un medo atroz. Vós que estades fóra tedes máis datos que testifican a intensidade destas loitas. O que me gustaría ver, antes de desaparecer, é algún que outro triunfo. Iso sería para min e todos vós o regalo máis bonito que podemos ter... Ojala sexa pronto.

CI - Encontrándote nos alxubes da democracia española, levaches a cabo duras loitas por romper o illamento e a abolición do réxime especial FIES. Como avalías estes momentos a día de hoxe?

CL - Levei a cabo duras loitas estando nos alxubes da democracia española, contra a abolición do réxime FIES e o illamento, a abolición das longas condenas e as condenas perpetuas encubertas. Agora estou na loita pola abolición das torturas e malos tratos nos cárceres empezada en outubro do 2011, con accións comúns realizando folgas de fame simbólicas o primeiro día de cada mes e conseguindo así unha rede de apoios de avogados solidarios para asistir xuridicamente aos compañeiros en loita, fronte ás represalias do sistema penitenciario. Non avalio eses momentos de loita como un pasado... senón como algo presente, quizais con menos intensidade e participación da comunidade de presos que antes. Estar preso significa para min estar nunha loita permanente. Estar preso significa estar en loita, o cárcere non é un lugar onde un se poida relaxar e esquecer da realidade que o rodea.

CI - O teu caso é o dun dxs anarquistas condenadxs a penas de longa duración arredor do mundo. Despois de tantos anos de encerro, houbo cambios no ámbito da sociedade carceraria e a súa poboación?

CL - Os cambios que houbo no ámbito da sociedade carceraria e a súa poboación, son moitos dende que entrei por primeira vez en 1980. A súa poboación cambiou coa entrada das drogas legais, subministradas a diario por parte da administración como metadona e psicofármacos. Conseguiron illar unha boa parte da poboación reclusa, volvéndoa individualista. Xa non existe esa solidariedade combativa que había antes, onde tocaban a un e se rebelaban todos. Hoxe en día e dende fai xa moitos anos, hai un control sobre os presos non só físico, senón mental, que lle impide encontrar un camiño adaptado á súa personalidade, as drogas tomadas a diario quitan o mellor dun mesmo, deixándolle só a preocupación de seguir tomándoas... o demais é secundario e de menor importancia... esta é a súa miserable loita e intentar convencelos pola contra na maioría dos casos é unha perda de tempo e enerxías. Quen se droga é escravo do sistema por dúas veces, unha por estar preso e outra por ser un adicto. Por sorte, nos cárceres existe tamén unha parte... pequena... de poboación reclusa que non entra neste colectiva e é con ela que se pode loitar para conseguir cambios aquí dentro.

CI - Seguindo co tema da longa condena, como influenciou a túa longa estanza en cativerio á solidariedade expresada cara á túa persoa, pero tamén as túas relacións de amizade e persoais?

CL - A solidariedade expresada dende fóra sempre foi e segue sendo un orgullo para min, sobre todo agora que saíu publicada a miña autobiografía.

CI - Cal é o actual estado dos procedementos xurídicos na tua contra e cales son as perspectivas para o futuro próximo e o máis afastado?

CL - Actualmente a miña situación xurídica segue sendo complicada, levo 17 anos encerrado e a miña condena en España é de 25 anos. Unha vez rematada, espérame a condena en Italia de 27 anos e 6 meses, e outra en Francia de 30 anos (cun xuízo aínda por celebrar e que cun pouco de sorte pode quedarse en 15 anos). O meu obxectivo é conseguir unha refundición das condenas pendentes nun total de 30 anos, pero vai ser moi difícil que algún tribunal mo recoñeza. Non existe na actualidade ningún artigo da lexislación penitenciaria onde diga que con 30 anos ininterrompidos de cárcere me teñan que poñer en liberdade. Todo haberá que loitalo ata chegar ao Tribunal de Dereitos Humanos para que me recoñezan unha limitación, senón o meu vai ser unha cadea perpetua.

CI - Que mensaxe che gustaría transmitir a xs que loitan día e noite, dentro e fóra dos muros?

CL - A quen loitan día e noite, dentro e fóra dos muros transmitiríalle esta mensaxe... mantervos fortes e libres por que o mellor xeito de loitar contra o sistema e os cárceres é non entrar nunca.

Un forte abrazo para todxs.
Claudio.

Para escribirlle:

Claudio Lavazza
C.P. Teixeiro (módulo 11)
Estrada Paradela s/n
15310 Teixeiro-Curtis (A Coruña)

No hay comentarios:

Publicar un comentario